lunes, 15 de noviembre de 2010

CONTOS DE MEDO 5


O OUTRO LADO, POR Ledicia Prieto


Noite de Samaín. Collo a pa e dispóñome a cavar, pero entón o can saca un óso. Comezo a escavar e aparecen o resto de ósos, pero o esqueleto non está completo. Falta a caveira. Eso ten que ser o que quería que atopase.

Cada vez que espertaba víao alí, sentado, observándome con eses ollos de tolo, eses ollos que tanto que aterraban. E aquel fío de sangue na gorxa, esas vestimentas raídas. Ao principio cría que eran pesadelos, pero cada vez que espertaba esa falta de osíxeno no aire... Mentres estaba esperta só se quedaba observando, pero cando durmía, era un pesadelo inimaxinable, atacábame e ... Unha noite sinalou pola xanela cara a este carballo, debaixo do cal estou agora.

Está no póla da árbore con ese sorriso estarrecedor. Xira a cabaza e sinala un claro no bosque. Diríxome ata alí. Que outra cousa podo facer? Así deixarame e volverá onde debe estar. Xa estou cansa de cavar. Cando creo que non podo mais, aí está. A derradeira peza. Collo coas mans. De súpeto a caveira tira de min. Intento ceibarme, pero as miñas mans están pegadas. Aparece un portal e el desaparece no seu interior. E eu tamén ...

Cando esperto véxome arrodeada de pantasmas. Son a única persoa material entre os espíritos. Achéganse a min. Un último pensamento. Por que? Por que eu?

CONTOS DE MEDO 4


UNHA NOITE COA SANTA COMPAÑA, por Alejandra Parejas

Todo comezou coma outro día calquera de samaín, cos preparativos para cando chegase a tan desexada noite. Na rúa había decenas de persoas dirixíndose dun lugar a outro, mercando todo o necesario para conseguir os disfraces máis orixinais, as cabazas máis grandes, as máscaras máis medorentas, os enfeites mellor elaborados... En definitiva, o imprescindible para celebrar un samaín como deus manda. Por sorte, eu xa tiña todos os preparativos a punto para saír canto antes con Carme e Xoán a pedir caramelos e outros doces, e amedrentar a todos cantos topásemos polo camiño, antes de ter que retornar a casa. Pois xa sei moi ben que se me demoro cinco minutos, miña nai arríncame o pescozo, así que pola conta que me trae, mellor saír cedo para rematar canto antes e chegar á casa en puntiño, non vaia ser...

Por fin eran as nove da noite e xa era a hora de entrar en acción. Escoitei o timbre e baixei as escaleiras coma un foguete. Case tropezo co traxe de meiga que levaba, pois quedábame un pouco longo, e xa se sabe que é un perigo correr nesas condicións , pero xa non había tempo para que miña avoa lle dese unhas puntadas para acurtarmo... Saín da casa e atopeime cos meus amigos que me agardaban na porta con entusiasmo. Carme levaba un disfrace de pantasma e Xoán, un de demo, case parecía de verdade! Apresurámonos e comezamos a petar nas casas lindeiras á miña: primeiro atemorizamos ao meu veciño Pepe, o da Maruxa; logo tocoulle a Matilde, a muller do taberneiro, e así seguimos durante un bo anaco, ata que decidimos sentar un anaco no banco do parque, que estaba un pouco escuro, para comer algunhas das larpeiradas que conseguiramos. De súpeto entráronme unhas ganas espantosas de mexar, así que lle dixen a Carme e a Xoán que regresaba de contado, porque necesitaba ir ao baño da taberna se non me quería mexar pola pata abaixo. Así pois, marchei ás présas para chegar canto antes, non fora ser que acabasen as lambonadas sen min! Logo de evacuar, dispúñame a regresar ao banco cando crin ver unha luz que viña do máis profundo do parque. Achegueime un pouco e agocheime tras dunha árbore. Dende alí tiña unha visión perfecta do resplandor, que cada vez semellaba brillar máis. Debo recoñecer que me asustei un pouco, pero o meu terror aumentou cando me decatei de que no banco xa non estaban os meus amigos. Botei unha ollada ao redor e..., nesa luz escintilante había uns seres estraños, vestidos de negro, que levaban a Carme e a Xoán. Deseguido me decatei de que eran a Santa Compaña. Un arrepío percorreu o meu corpo, aqueles espíritos existían e estaban raptando os meus compañeiros. Quedei paralizada, non me podía mover, o meu corpo estremecérase ao percibir que non volvería ver os meus amigos. Segundo as lendas serían enterrados polas ánimas, debido a que as súas mortes estarían próximas. Naquel momento de desconcerto, non me dei conta de que os meus colegas me estaban chamando ao lonxe, berraban con forza e eu crin que se decataran da miña presenza e que virían buscarme a min tamén. Efectivamente achegábanse apresuradamente e animábanme a ir con eles. Nese intre case me mexo, pero por sorte acababa de facelo. Cando me alcanzaron souben que non eran espíritos, eran simplemente Carme e Xoán acompañados de Lucas, Marcos e Antón que viñan disfrazados de Santa Compaña con lanternas. Comecei a rir e a chorar ao mesmo tempo, todo fora un erro, así que sentamos e comemos coma lapóns ata a hora de voltar a casa.

PSEUDÓNIMO: Pomba Degolada

miércoles, 10 de noviembre de 2010

CONTOS DE MEDO 3


A SANTA COMPAÑA, por Elena Carballo, 3º B ESO

Era un día chuvioso na aldea de Xoana xa que se atopaban a trinta e un de outubro. Todo o pobo estaba durmindo na súa casa porque era moi cedo. Máis tarde, a rapaza espertou de súpeto e baixou ata a cociña na que se atopaba súa nai facendo o almorzo. A nena comeu e saíu a xogar co seu amigo Antón. Tras andar pola rúa e correr baixo a choiva, Xoana marchou para a casa, porque súa nai a precisaba. Ao parar de chover, as dúas marcharon cara ó río lavar a roupa e xantaron alí. Xa era noite pecha e a nena estaba na porta da casa mirando as estrelas. De súpeto, apareceu por alí un home cargando cunha cruz nas mans e tamén un caldeiro cheo de auga bendita. Detrás del ían un cento de pantasmas recorrendo as rúas da aldea e facendo unha procesión. A Xoana chamoulle moito a atención aquel feito, porque o que coñecía desa noite era totalmente diferente. Ela soamente tiña visto unhas cantas cabazas acesas cunhas candeas no seu interior. A nena colleu medo e meteuse correndo na casa. Súa avoa estaba cosendo e viuna moi desgustada. Comezaron a falar e explicoulle que a procesión de mortos que ela vira anteriormente tratábase da Santa Compaña, e a lenda contaba que aquela persoa que a vira non ía tardar moito en morrer. Dende aquela, a rapaza colleu medo e todo o que facía lle recordaba a aquilo. Ao cabo duns días cando a rapaza xa estaba máis tranquila, foi ao río e viu o reflexo dun esqueleto vestido cunha sotana negra e unha gadaña nas mans. Nese intre, un golpe de auga arrastrou a nena ó río e alí quedou afogada.

Dende ese día, a rapaza vai encabezando a procesión nas noites do Samaín.

domingo, 7 de noviembre de 2010

CONTOS DE MEDO 2


1º PREMIO CATEGORÍA BACHARELATO

A FAME FAI VER MORTOS, por Beatriz Domínguez

A fame fai ver mortos e despois desaparece. É coma se transgredidos os límites do paranormal, se esquecese de que existe e desaparecera lentamente, coma se voase. A fame seica é algo moi duro e tamén moi triste, pero que vou saber eu diso; nunca tiven fame. Eu diría que xa nacín co bandullo cheo. Non sentín nunca as mordeduras dos lobos que gardan as portas do inferno trincando as tripas. A el si que o morderon. Reimundo nacera baleiro e cheo da fame negra e a desgraza que o acompañaron sempre. Xa pasara fame na barriga da nai, cando nin sequera as órbitas dos seus ollos debuxaban formas esféricas. Quedara orfo dende que saíu ao mundo, ela morrera no parto, gangrenada e por causa da dor infernal ao botar fóra aquel fillo que viña envolto en sangue escuro de máis, e que decidira ter aínda a pesar de ser nai solteira. A nai morreu para que o fillo nacese e así, Reimundo ficou sempre só. Viviu no convento das monxas clarisas ata que foi home dabondo e se decatou de que precisaba máis có leite de cabra, con cheiro a rancio, que as monxiñas lle daban. Tiña que satisfacerse e foi entón cando os seus ollos tornaron en pérolas co brillo atípico de quen viu o demo en persoa. Pasou sempre fame.

Na Corga das Ánimas, o único lameiro que lle deixara súa nai en herdanza, construíu unha cachopa mal feita, con anacos de madeira de pino e teito de xestas aínda verdes. As xeadas do inverno e a calor do verán curtían a pel da súas meixelas castigadas e alí podería gorecerse de xeito provisional. Pasaba o tempo e Reimundo non mudaba de casa ou, o que era peor, aprendeu a vivir sen ela. No medio da fraga estaba rodeado por lobos e raposos, ao lado do río e só, lonxe da xente. Reimundo nunca gustara da xente, sentía noxo dos seus semellantes. El o que quería era estar só, coas súas cousas e no medio do monte. Había veces que non tiña que comer e roía a pouca herba que medraba na Corga da Ánimas, unha corga que fora sempre bastante estéril. Tiña unhas barbas escuras e gustaba de andar espido entre os carballos, enzoufarse na lama e matar, de vez an cando, os xílgaros máis pequenos, con métodos lentos e dolorosos, que estudaba e preparaba durante días. Reimundo deixou de ser humano, ó perder a calidade propia daqueles polos que sentía aquel noxo inexplicable: a humanidade. Era un home torturado, medrara sempre só e co bandullo baleiro e por riba… As noites. Nacera con aquilo, estaba convencido. Reimundo era fillo do demo. El pensaba que a súa nai fora vítima de calquera meiga ruín da contorna, da máis ruín. E cada noite, o mesmo. Espertaba enchoupado na suor aceda de quen loita por non deixar este mundo nos minutos finais e aquilo que vía en soños perseguíao cada minuto, aínda en contra da súa vontade, acabando por mazucarlle as entrañas ata quedar sen elas. Era un ser descarnado e tamén sabía que non había resposta posible á súa desgraza. El nunca a topara.

Ninguén lle quería ben a Reimundo. As nais velaban para que as súas fillas máis novas non foran co gando, preto da Corga das Ánimas. Pedíranlle ao cura que bendicira as súas casas e traían sempre un crucifixo sagrado canda elas, por se se topaban co fillo do demo. Os homes saían sempre co fouciño na man e os rapaces máis novos gardaban as súas mozas da Corga das Ánimas. Vivían co medo no corpo e un día berraron os corvos. Aparecera, preto do río, un cadáver mordido e descarnado por un ser infernal. Era o corpo de Matilde, espido e cos ollos tornados nun branco maligno, a mandíbula desencaixada e unha expresión desconcertante. Axiña se reuniron os homes en asemblea na eira da aldea e, encabezados polo irmán de Matilde, emprenderon a caza. Eles sabían quen era o culpable e habían facerllo pagar: el tamén había morrer do mesmo xeito. O que non sospeitaban era que Reimundo xa vira días antes o cadáver de Matilde aboiando no río, de noite. Nunha das noites nas que tremía e convulsionaba seguramente, antes de espertar mollado. A fame fai ver mortos e seica é algo moi duro. Quizais é tamén a culpable de moitos comportamentos estraños, quen sabe se Reimundo pasou fame demais e as súas tripas lle esixiron máis cá herba podre, da Corga das Ánimas. A fame fai estremecer aos vivos, e tamén aos mortos. En todo caso, eu son Matilde Vispo Montes, e nunca pasei fame, nacín co bandullo cheo.

FOTO DE RUTH MATILDA ANDERSON (fotógrafa norteamericana que pasou varios anos en Galicia na década dos 20 no século pasado fotografando paisaxes, persoas e localidades. Actualmente hai unha exposición dela en Vigo que paga a pena ver)

CONTOS DE MEDO 1


CONTOS ESCENIFICADOS NA BIBLIOTECA POLOS GRUPOS DE TEATRO

ANDAR DE DÍA por Juan González

(NARRADOR): Nas noites frías de inverno a carón do lume e á beira do pote o meu avó contaba historias de medo que nos arrepiaban a min e ao meu irmán. Unha vez contounos unha sobre o home do saco que nos fixo tremer. O home do saco é un home alto e fraco ao que non se lle ve a cara e que sempre anda de noite, viste abrigo longo…
AVÓ: … e leva un grande saco onde mete os nenos.
NENOS: (tremendo) Guau.
(NARRADOR): Un día que estabamos xogando ao fútbol de noite, aínda non había alumeado daquela.
NENO 1: Tira.
NENO 2: Shhh, cala!
NENO 1: Tira, que pasa?
NENO 2: Cala e escoita.
(NARRADOR):Oíronse unhas pisadas fortes cada vez máis cerca (plof, plof) e comezamos a sentir pánico.
NENO 1:Quen anda aí?
NENO 2: Ti oes? Quen es?
(NARRADOR): Ninguén respondía, e de alí a un pouco comezamos a ver unha sombra longa.
NENO 1: Será o home do saco do que falaba o avó?
NENO 2: Non sexas parvo, iso non existe.
NENO 1: (TREMENDO) Pois o que sexa estase achegando.
(NARRADOR): Sentíase un respirar acelerado e unhas pisadas moi pero que moi fortes, estabamos cagados de medo.
NENO 1: Que que quen es?
(NARRADOR): Entón nese momento oíuse unha voz que dixo .
SOMBRA: Andade de día que a noite é miña.
NENOS: Aahhhh!
(NARRADOR): E fuximos como levados polo demo. Ao chegar á casa contámosllo á nosa nai que botou a rir e dixo que sería unha broma. Á noite seguinte volvemos ao mesmo sitio á mesma hora e de novo vimos a sombra e escoitamos unha voz que dicía:
SOMBRA: Andade de día que a noite é miña.
(NARRADOR): Como non foramos os únicos que oiramos esa voz decidimos xuntarnos uns cantos da aldea e procurar unha explicación. Patrullamos varias noites ata que descubrimos que se trataba do Toniño, un veciño que, cando bebía un vaso de máis, dicía esa frase. Está claro que o medo é libre.


CONTO DE MEDO, por Rocío Cepeda

NARRADOR: Tres amigos, María, Ana e Manuel, decidiron visitar unha casa abandonada dende había tempo. A xente do lugar dicía que era unha casa maldita. Cando chegaron á casa era noite, noite de lúa chea e tormenta. Os tres amigos sentiron frío e medo.
MANUEL: Eu marcho, teño moito medo!
ANA: Home, non sexas cagado, veña, imos.
MARÍA: Eu creo que xa que estamos aquí será mellor entrar, non?
MANUEL: Como nos pase algo a culpa vai ser vosa!
ANA E MARÍA: Vaaaaale!!
MANUEL: De acordo, entremos.
NARRADOR: Os tres abriron a porta oxidada (ÑEC) e entraron na tenebrosa casa. Dentro estaba todo escuro aínda que de vez en cando algún lóstrego iluminaba a estancia enchéndoa de sombras. O silencio foi roto polos tronos e creron escoitar uns ruídos estraños. Os tres tremían pero seguían avanzando. Entraron na cociña.
MARÍA: Ai, que é isto? Está todo cheo de arañeiras!
ANA: Que noxo!
MANUEL: Mirade, unha caixa.
NARRADOR: Colleron a caixa e abrírona. De súpeto comezaron a baterse as portas e ventás e un vento xélido inundou o cuarto. Os tres sentiron que o frío lles entraba dentro e que algo estraño turraba por eles. Todas as portas e ventás pecháronse de golpe. De súpeto acendeuse unha radio, estaban a dar unha noticia:
RADIO: Hoxe, tras varias semanas de busca, atopamos na vella mansión de Xinzo, os corpos dos tres rapaces desaparecidos. Apareceron na cociña, cunha expresión de terror nos ollos. Non se saben as causas da súa morte e xa é a segunda vez en 20 anos que ocorre o mesmo. A policía científica está a investigar este suceso estraño…”
NARRADOR: Cando os tres escoitaron isto correron cara á porta pero estaba pechada. Intentárono coas ventás e tampouco o conseguiron.
ANA, MARÍA, MANUEL: Aaaah!!

O HOME-LOBO, por Rubén Solveira

NARRADOR: Era un día de verán de moita calor. Tres rapaces que estaban xogando ao fútbol decidiron coller as bicis e ir bañarse ao río. Alí estiveron nadando e xogando un bo rato ata que escoitaron uns ruídos estraños e un forte berro: “AUUUHHH!!!!”
FULANO 1: (ASUSTADO) Que foi iso?
FULANO 2: (ASUSTADO) Non sei pero vaiámonos rápido de aquí.
NARRADOR: Os tres fuxiron correndo ás súas casas e non contaron nada. Pasou o tempo e esqueceron o que lles pasara. Un día, na festa da aldea, quedaron despois de comer para dar unha volta e saíron a camiñar polos montes de arredor. Cando estaban á sombra dun carballo descansando escoitaron de novo ruídos e berros: “AUUUUHHH!!!!”
FULANO 1: (ASUSTADO) Outra vez ese ruído.
FULANO 2: (TREMENDO) Imos para a aldea, rápido!
FULANO 3: Correi!
NARRADOR: Os tres botaron a correr co medo no corpo ata que o Fulano 3 parou e dixo:
FULANO 3: (SEN ALENTO) Esperai un momento, estou moi canso.
NARRADOR: Esperaron os Fulanos 1 e 2 polo Fulano 3 e ao cabo dun rato escoitaron unhas pisadas fortes (PUM, PUM, PUM), como dun animal correndo.
FULANO 1: (ASUSTADO)Correi!!
NARRADOR: O ruído das pisadas era cada vez máis forte (PLOF, PLOF). De repente encontráronse enfronte deles cunha especie de animal metade Home metade Lobo.
FULANOS 1, 2, 3: Aahhhh!
ANIMAL: GRUUUAU!
NARRADOR: E o home-lobo deu un zarpazo ao Fulano 1 e quitoulle a lingua e a boca e quedou mudo; logo o Fulano 2 mirou aos ollos do home-lobo e quedou cego; e despois o home-lobo botou un grande berro que deixou ao Fulano 3 xordo.
Quen dixo que o home-lobo, tamén chamado lobishome, non existe? GRUAUU.

Inmigración 2

Inmigración 2
Dende Alemaña

Inmigración 1

Inmigración 1
Dende alemaña

no limite 1

no limite 1
Lodoselo