jueves, 25 de marzo de 2010

INTERCAMBIO XINZO-CANGAS/IES MONTE CARRASCO-IES LAGOA DE ANTELA

A verdade é que o pasamos moi ben no intercambio con Cangas. Ao principio sentiámonos moi raros e non falabamos con ninguén, pero pouco a pouco fómonos coñecendo e ao final non queríamos marchar.

Primeiro fomos a Bueu, onde visitamos o Museo Massó, alí ensináronnos como pescaban por aquela zona antigamente e tamén como enlataban as sardiñas. Logo dirixímonos a Cangas, concretamente ao Instituto dos rapaces, que está perdido no monte, e leváronnos a visitar un cruceiro á beira dunha Igrexa, onde fixemos un xogo de presentación. Seguidamente fomos ver un caracola de ferro e un acantilado, onde nos fixeron fotos de equipo. Máis tarde marchamos comer ao seu Instituto (IES Monte Carrasco), pois non podíamos comer ao aire libre porque estaba todo mollado. Pola tarde os rapaces ensináronnos Cangas, durante ese período de tempo foi cando fixemos migas (novos amigos). Unha vez rematada a visita despedímonos deles e fomos en barco desde Cangas a Vigo, alí coñecemos o centro comercial en 15 minutos. Finalmente regresamos. Que conste que no autobús cantamos e algúns rapaces xogaron á botella.

Adolfo Dacal-Valentina Paz



lunes, 8 de marzo de 2010

A FOLGA CONTRA O BORRADOR DO DECRETO FOI UN ÉXITO


O Xoves 21 de xaneiro do 2010 foi un día que moitos lembraremos. A plataforma cidadá Queremos Galego convocou un folga para dito día e ademais organizou unha concentración en Santiago en defensa da nosa lingua nai. O borrador do decreto que sacara o novo goberno da Xunta estaba causando moita tensión na sociedade e o pobo fixo oír, de novo, a súa opinión.

En Xinzo de Limia non iamos ser menos. O feito de que a manifestación fora entre semana facíanos complicada a asistencia, así que tirando de experiencias anteriores decidimos convocar o noso propio acto. Reunímonos coa organización Galiza Nova para conseguir material e puxémonos man a obra. As seguintes semanas foron un caos.

Ocorréusenos que alguén de Queremos Galego viñera dar unha charla para que a xente estivera informada e se concienciara do que estaba a ocorrer. E logo de moitas peripecias conseguimos que viñera Carlos Callón (non che está nada mal, eh!) . O defecto que tivo a súa charla foi que 20 minutos non chegaron para nada…

Empapelamos o instituto, isto deu lugar a moitas controversias e a disputas algo acaloradas entre compañeiros e profesorado. Pero chegados a un acordo publicitamos o acto. Falamos cos delegados e convocamos a folga oficialmente dende os Comités (organización do estudantado galego). Todo estaba feito, só quedaba agardar.

O día sinalado @s organizadoras/es tivemos toda a mañá un ollo no ceo, pero o tempo deunos un respiro e non choveu (que detalle pola súa parte!). Acercámonos á praza á hora sinalada e dedicámonos a agardar. Por unha parte nervios@s e ansios@s de que viñera moita xente e por outra parte relaxad@s porque máis non puidemos facer.

Acudimos os que acudimos. Moitos para algúns e catro amigos para outros. Comezamos lendo un manifesto para que quedara ben claro porque estabamos alí. O manifesto está recollido no voceiro de ensino medio Lume. Logo comezamos a manifestación. Berramos, e moito! Ao chegar a rotonda que está preto do instituto decidimos cortar o tráfico uns dez minutiños. A altura do instituto fixemos concentración e berramos todas as nosas ideas e opinións de novo. Logo disolvémonos por orde da Garda Civil.

Quedamos content@s. A maioría d@s que organizamos o acto para o ano non estaremos aquí pero quedounos claro que hai moita xente disposta a convocar máis actos na defensa da súa lingua. O importante é que Xinzo non perda a súa voz, nesta vida hai que saber loitar polo que se pensa.

Entre bromas, cancións, consignas e berros. Quedou demostrado que, se non todos a maior parte, en Xinzo de Limia QUEREMOS GALEGO.

Raquel Vázquez Blanco

Ana Barxa Cid

2º Bach

Inmigración 2

Inmigración 2
Dende Alemaña

Inmigración 1

Inmigración 1
Dende alemaña

no limite 1

no limite 1
Lodoselo