UNHA NOITE COA SANTA COMPAÑA, por Alejandra Parejas
Todo comezou coma outro día calquera de samaín, cos preparativos para cando chegase a tan desexada noite. Na rúa había decenas de persoas dirixíndose dun lugar a outro, mercando todo o necesario para conseguir os disfraces máis orixinais, as cabazas máis grandes, as máscaras máis medorentas, os enfeites mellor elaborados... En definitiva, o imprescindible para celebrar un samaín como deus manda. Por sorte, eu xa tiña todos os preparativos a punto para saír canto antes con Carme e Xoán a pedir caramelos e outros doces, e amedrentar a todos cantos topásemos polo camiño, antes de ter que retornar a casa. Pois xa sei moi ben que se me demoro cinco minutos, miña nai arríncame o pescozo, así que pola conta que me trae, mellor saír cedo para rematar canto antes e chegar á casa en puntiño, non vaia ser...
Por fin eran as nove da noite e xa era a hora de entrar en acción. Escoitei o timbre e baixei as escaleiras coma un foguete. Case tropezo co traxe de meiga que levaba, pois quedábame un pouco longo, e xa se sabe que é un perigo correr nesas condicións , pero xa non había tempo para que miña avoa lle dese unhas puntadas para acurtarmo... Saín da casa e atopeime cos meus amigos que me agardaban na porta con entusiasmo. Carme levaba un disfrace de pantasma e Xoán, un de demo, case parecía de verdade! Apresurámonos e comezamos a petar nas casas lindeiras á miña: primeiro atemorizamos ao meu veciño Pepe, o da Maruxa; logo tocoulle a Matilde, a muller do taberneiro, e así seguimos durante un bo anaco, ata que decidimos sentar un anaco no banco do parque, que estaba un pouco escuro, para comer algunhas das larpeiradas que conseguiramos. De súpeto entráronme unhas ganas espantosas de mexar, así que lle dixen a Carme e a Xoán que regresaba de contado, porque necesitaba ir ao baño da taberna se non me quería mexar pola pata abaixo. Así pois, marchei ás présas para chegar canto antes, non fora ser que acabasen as lambonadas sen min! Logo de evacuar, dispúñame a regresar ao banco cando crin ver unha luz que viña do máis profundo do parque. Achegueime un pouco e agocheime tras dunha árbore. Dende alí tiña unha visión perfecta do resplandor, que cada vez semellaba brillar máis. Debo recoñecer que me asustei un pouco, pero o meu terror aumentou cando me decatei de que no banco xa non estaban os meus amigos. Botei unha ollada ao redor e..., nesa luz escintilante había uns seres estraños, vestidos de negro, que levaban a Carme e a Xoán. Deseguido me decatei de que eran a Santa Compaña. Un arrepío percorreu o meu corpo, aqueles espíritos existían e estaban raptando os meus compañeiros. Quedei paralizada, non me podía mover, o meu corpo estremecérase ao percibir que non volvería ver os meus amigos. Segundo as lendas serían enterrados polas ánimas, debido a que as súas mortes estarían próximas. Naquel momento de desconcerto, non me dei conta de que os meus colegas me estaban chamando ao lonxe, berraban con forza e eu crin que se decataran da miña presenza e que virían buscarme a min tamén. Efectivamente achegábanse apresuradamente e animábanme a ir con eles. Nese intre case me mexo, pero por sorte acababa de facelo. Cando me alcanzaron souben que non eran espíritos, eran simplemente Carme e Xoán acompañados de Lucas, Marcos e Antón que viñan disfrazados de Santa Compaña con lanternas. Comecei a rir e a chorar ao mesmo tempo, todo fora un erro, así que sentamos e comemos coma lapóns ata a hora de voltar a casa.
PSEUDÓNIMO: Pomba Degolada
No hay comentarios:
Publicar un comentario