miércoles, 28 de abril de 2010

VIAXE A LONDRES

VIAXE A LONDRES

Corrían as 4:30 da tarde, cando xa impacientes esperabamos o autobús para iniciar a nosa viaxe a Londres. Chegou o bus e, despois da charla da directora metade inglés, metade galego, arrancamos para Ourense, onde recollemos o alumnado da Carballeira.

A viaxe ata O Porto fíxosenos bastante longa pero cantando e facendo tonterías das nosas fíxose máis levadeira.

Cando chegamos a O Porto facturamos as maletas e embarcamos. Para algúns foi unha nova experiencia. Despois de dúas horas e cuarto no avión chegamos ao aeroporto de Londres, onde quedamos sorprendidos ao ver cambios como a posición do volante dos coches ou a maneira de conducir dos ingleses. Collemos un autobús ata o hotel.

O xoves pola mañá almorzamos no hotel e ao acabar paseamos un pouco por Londres, coñecendo así algunhas rúas. Collemos o metro para visitar a Torre de Londres, alí sacamos fotos cos Beefeaters, estivemos un rato na ribeira do Tamesis, sacando fotos e escoitando as explicacións dos nosos compañeiros. Antes de ir comer achegámonos ata o Big Ben, un grande e fermoso reloxo, atopado ao lado do Tamesis. Moitos de nós sacamos fotos cun gaiteiro.

Despois de comer quedamos no ponte para ir ao British Museum no que Manuel nos explicou detalladamente as esculturas clásicas.

Ao saír do museo deixáronnos tempo libre. Algúns de nós fomos a zona de Soho e ceamos alí cos profesores e descubrimos a capacidade humana de Jose ( o mago) de beber seis coca-colas seguidas. Regresamos ao hotel.

O venres despois de almorzar collemos o metro onde houbo algún problema con alguén que caeu á vía por iso estivemos esperando bastante tempo. A continuación fomos ao museo de Historia Natural onde vimos animais de todo tipo, tamén vimos o T.Rex onde descubrimos que o seu corpo pesaba unhas 25 toneladas. Ao saír do museo fomos a Harrods e fixemos unha visita rápida porque tiñamos moita fame. Despois de comer fomos camiñando ata o Palacio de Buckingham, visitamos a National Gallery, que se atopa en Trafalgar Square, un museo de pintura. Manuel deu as explicacións necesarias para que entendésemos as distintas pinturas. Cando saímos volvemos a Picadilly. Entramos nas diferentes tendas e sacamos fotos cos míticos paneis de propaganda que caracterizan esa praza. Por último, regresamos ao hotel.

O sábado almorzamos como todo os días no hotel ás nove. Despois de almorzar trasladámonos en autobús ata Bath. Esta cidade está declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, alí visitamos as Termas Romanas, déronnos uns aparatos para ir escoitando as explicacións dos distintos lugares das termas. Cando saímos comemos e demos unha volta pola cidade.

Cando regresabamos de Bath, Jose ( o mago) fíxonos trucos de maxia coas cartas para que se nos fixera a viaxe máis curta e divertida. Ao chegar á Londres deixáronnos tempo libre e algúns foron ver o campo do Arsenal e tiveron a gran sorte de atoparse alí a Cesc Fabregas que moi amablemente lles deixou sacarse fotos con eles e asinoulles autógrafos. Outros deron un paseo por zonas emblemáticas de Londres. Ceamos en Soho nun restaurante chinés onde por nove libras puidemos comer o que quixemos, Miguel e Jose sobrepasaron os límites comendo catro e seis pratos cada un. Para volver ao hotel tivemos un problema xa que había un incendio na liña de metro e tivemos que coller un taxi.

O último día xa con outras caras por pena de abandonar a cidade e de que se acabase a excursión, almorzamos e visitamos a Igrexa de San Pablo, deixáronnos tempo de lecer e aproveitamos para comer, montamos no autobús e comezou a nosa viaxe de regreso. No aeroporto de Stansted había moitas medidas de seguridade e fixéronnos descalzarnos a todos.

Collemos o avión e vendo que cada vez quedaba menos démonos conta de que esta viaxe estaba chegando á súa fin. Chegamos a O Porto xa de noite, o aterraxe foi moi bonito xa que vimos a cidade toda iluminada. Alí estaba esperándonos o autobús para voltar para Xinzo.

Paramos en Ourense para deixar aos da Carballeira e en Sandiás para deixar a Sonia e o resto continuamos ata Xinzo.

Chegamos a casa sobre as dúas da madrugada do domingo.

Tardaremos en esquecer unha viaxe tan bonita e un lugar tan distinto e especial como Londres!!

Queremos agradecerlle aos profesores e aos nosos compañeiros que fixeron posible esta viaxe!!!

Raquel e Quique (2º A-BAC)



jueves, 25 de marzo de 2010

INTERCAMBIO XINZO-CANGAS/IES MONTE CARRASCO-IES LAGOA DE ANTELA

A verdade é que o pasamos moi ben no intercambio con Cangas. Ao principio sentiámonos moi raros e non falabamos con ninguén, pero pouco a pouco fómonos coñecendo e ao final non queríamos marchar.

Primeiro fomos a Bueu, onde visitamos o Museo Massó, alí ensináronnos como pescaban por aquela zona antigamente e tamén como enlataban as sardiñas. Logo dirixímonos a Cangas, concretamente ao Instituto dos rapaces, que está perdido no monte, e leváronnos a visitar un cruceiro á beira dunha Igrexa, onde fixemos un xogo de presentación. Seguidamente fomos ver un caracola de ferro e un acantilado, onde nos fixeron fotos de equipo. Máis tarde marchamos comer ao seu Instituto (IES Monte Carrasco), pois non podíamos comer ao aire libre porque estaba todo mollado. Pola tarde os rapaces ensináronnos Cangas, durante ese período de tempo foi cando fixemos migas (novos amigos). Unha vez rematada a visita despedímonos deles e fomos en barco desde Cangas a Vigo, alí coñecemos o centro comercial en 15 minutos. Finalmente regresamos. Que conste que no autobús cantamos e algúns rapaces xogaron á botella.

Adolfo Dacal-Valentina Paz



lunes, 8 de marzo de 2010

A FOLGA CONTRA O BORRADOR DO DECRETO FOI UN ÉXITO


O Xoves 21 de xaneiro do 2010 foi un día que moitos lembraremos. A plataforma cidadá Queremos Galego convocou un folga para dito día e ademais organizou unha concentración en Santiago en defensa da nosa lingua nai. O borrador do decreto que sacara o novo goberno da Xunta estaba causando moita tensión na sociedade e o pobo fixo oír, de novo, a súa opinión.

En Xinzo de Limia non iamos ser menos. O feito de que a manifestación fora entre semana facíanos complicada a asistencia, así que tirando de experiencias anteriores decidimos convocar o noso propio acto. Reunímonos coa organización Galiza Nova para conseguir material e puxémonos man a obra. As seguintes semanas foron un caos.

Ocorréusenos que alguén de Queremos Galego viñera dar unha charla para que a xente estivera informada e se concienciara do que estaba a ocorrer. E logo de moitas peripecias conseguimos que viñera Carlos Callón (non che está nada mal, eh!) . O defecto que tivo a súa charla foi que 20 minutos non chegaron para nada…

Empapelamos o instituto, isto deu lugar a moitas controversias e a disputas algo acaloradas entre compañeiros e profesorado. Pero chegados a un acordo publicitamos o acto. Falamos cos delegados e convocamos a folga oficialmente dende os Comités (organización do estudantado galego). Todo estaba feito, só quedaba agardar.

O día sinalado @s organizadoras/es tivemos toda a mañá un ollo no ceo, pero o tempo deunos un respiro e non choveu (que detalle pola súa parte!). Acercámonos á praza á hora sinalada e dedicámonos a agardar. Por unha parte nervios@s e ansios@s de que viñera moita xente e por outra parte relaxad@s porque máis non puidemos facer.

Acudimos os que acudimos. Moitos para algúns e catro amigos para outros. Comezamos lendo un manifesto para que quedara ben claro porque estabamos alí. O manifesto está recollido no voceiro de ensino medio Lume. Logo comezamos a manifestación. Berramos, e moito! Ao chegar a rotonda que está preto do instituto decidimos cortar o tráfico uns dez minutiños. A altura do instituto fixemos concentración e berramos todas as nosas ideas e opinións de novo. Logo disolvémonos por orde da Garda Civil.

Quedamos content@s. A maioría d@s que organizamos o acto para o ano non estaremos aquí pero quedounos claro que hai moita xente disposta a convocar máis actos na defensa da súa lingua. O importante é que Xinzo non perda a súa voz, nesta vida hai que saber loitar polo que se pensa.

Entre bromas, cancións, consignas e berros. Quedou demostrado que, se non todos a maior parte, en Xinzo de Limia QUEREMOS GALEGO.

Raquel Vázquez Blanco

Ana Barxa Cid

2º Bach

lunes, 22 de febrero de 2010

ENTREVISTA A MANUEL MANDIANES


O club de lectura de 1º de BAC (Uxía, Noelia, Úrsula, Beatriz, Susana, Mirian e Isabel) realizáronlle esta entrevista ao antropólogo limiao Manuel Mandianes vía correo electrónico logo dunha interesante conferencia impartida no instituto.


ENTREVISTA

Pregunta: Cando descubriu a súa vocación?

Resposta: A vocación non vén de súpeto, vaise descubrindo pouco a pouco. As cousas que un vai vendo na vida, as lecturas, as conversas vanche descubrindo o que che gusta e aquilo que podería facer de maneira máis ou menos axeitada. Moitas persoas non teñen a oportunidade de escoller, teñen que facer o que se lles presenta.


P: Que cree que se perde cando se perde unha aldea como a súa, Loureses?

R: Cando se perde unha das nosas aldeas, aínda que sexa a máis pequeniña, pérdese un mundo, un anaquiño da historia, pérdese un cacho do universo. Polo mesmo, o día seguinte da desaparición dunha aldea o mundo será un anaquiño máis pobre.


P: Que foi ou que é o que máis estrañou e estraña de Galicia, e en especial da comarca da Limia, cando está lonxe da terra?

R. Os meus pais, os meus irmáns, os meus sobriños e os meus amigos da infancia. Pero tamén boto a faltar as pedras do camiño que pisaba cando era cativo, a sombra dos carballos onde xogaba cos outros rapaces, os recunchos do patio e da horta onde me agochaba con outros meniños.


P: Que lembra máis das súas moitas viaxes?

R. Di o refrán: “Para saber, viaxar ou ler”. Eu fago desde fai moito tempo as dúas cousas: viaxo moio e leo moito. O que me vén ao maxín cando me poño a lembrar as viaxes son as anécdotas. Unha mexada nos pés dunha estatua en Manhaim, unha ollada furtiva dunha moza cando se baixaba do tren, o ollar dun meniño acochado no regazo da súa nai nunca praza de Bruxelas, o asombro dun home perdido na estación do tren de Osaka, o sentimento de impotencia dun turista no Pelourinho, en Salvador de Bahía, que acababa de darse conta que lle tiñan roubado todo.


P: No seu libro O río do esquecemento di: “As comunidades organízanse arredor do centro en círculos concéntricos”. Cal considera que é ese centro?

R: Tradicionalmente, a lareira é o centro da casa; a aira, o centro do barrio; o cruceiro, o centro da aldea onde se reunía o concello. Se chovía ou nevaba podíase xuntar no forno ou una taberna. A parroquia xiraba en torno ao cemiterio que sempre estaba ao redor da igrexa. O adro da igrexa sempre foi lugar de reunión da xente da parroquia a entrada e saída da misa e, noutras moitas ocasións, os homes xuntábanse na taberna e na forxa, e as mulleres no taller da costureira e no tear. Hoxe moitas aldeas que xiraban arredor do cruceiro están estiradas ao longo a estrada, e os veciños case non teñen trato entre eles porque os servizos que antes se prestaban uns aos outros agora páganse.


P: Vostede escribiu un libro sobre o burro, protagonista de tantas historias humanas cunha documentación sorprendente. Como se lle ocorreu semellante idea?

R. O burro foi compañeiro meu durante toda a miña infancia. Para ir dunha aldea a outra, para ir coas vacas, coas ovellas, para ir a buscar feixes de babos, de herba ou ir ao muíño, o burro era o vehículo indispensable e único. As casas fortes podían ter, tamén, un cabalo. O meu mundo era o mundo do meu burro. Nunca fun máis alá co burro e o burro nunca foi mais alá ca min. Cando fun grande deime conta de que aquel compañeiro inseparable da miña nenez estaba a desaparecer e falando co meu amigo Bieito Ledo, editor, suxeriume a idea de escribir un libro sobre o burro. Así naceu a idea e, logo, O burro.


P: Recentemente participou no “Foro La Región” cunha conferencia titulada: “Desaparece a relixión”, cales son, segundo vostede, as causas desa desaparición?

R. O titulo da conferencia non era unha afirmación senón unha pregunta. Moita xente pensa que a relixión está a desaparecer porque a xente non vai tanto á misa como ía cando eles eran mozos. A relixión non desaparece aínda que as formas de expresar a relixiosidade teñan cambiado moito nos últimos trinta años. Cada día máis, a xente relaciónase con Deus, cos santos, cos anxos, cos seus antergos á súa maneira. E aqueles que deixan de facerlles aos fillos a primeira comuñón ou de bautizalos están a inventar a comuñón ou bautizo civil. Isto quere dicir que as persoas, polo de agora, teñen necesidade de ritos que os conecten co sagrado, co misterio, co mais alá. Así como dicimos que o home é un animal racional quizais teñamos que engadir que tamén é animal ritual e relixioso.


P: Como membro do Consello Superior de Investigacións Científicas, en que está a traballar e cales son os seus proxectos futuros?

R: Un equipo de antropólogos estamos a traballar sobre os cambios na maneira de entender o longo da historia e como se entende hoxe. Estudamos que queren dicir as cousas que a xente se colga ao pescozo, que queren dicir as tatuaxes, as mutilacións, os pircings e como é utilizado o corpo de homes e mulleres na publicidade, na televisión, no cine. Por outra banda, estou a acabar un libro sobre os inmigrantes e argallando a segunda parte do “Raposiño” da que desaparece, entre outros personaxes, o cego.

lunes, 8 de febrero de 2010

CANCIÓN MARROQUÍ TRADUCIDA


we hadi fe khater /
E esta está dedicada
le jame3ale mestawia le Fnaire/
ao grupo Fnaire
nass le maghren, u nass le Maghrebi /
á xente de Marrocos, e á xente do Maghreb
u nass djaizaire/
e á xente de Alxeria
rohe rohe golih, goleh/
anda, anda, dille, dille
Bladi ya le jazaire 7ulina babeha, babeha/
Ao meu País, Arxelia , abride a vosa porta, porta
Bladi ya le maghrebe tarabina fe terabeha,/ fe terabeha
O meu País Marrocos medramos
na súa terra
Twahexetekume bezafe bla bikume ne khafe/
estráñovos, e sen vós teño medo,
Khute u sehabe we hebabi/
meus irmáns e amigos,
Twahexetekume bezafe bla bikume ne khafe/
estráñovos, e sen vós teño medo,
Khuti u sehabe we hebabi HAYA/
irmáns e amigos,
Rire ne gulikume gulu lia/
dígovos e dicídeme
le jenesia diana tuna2ia/
a nosa nacionalidade é a mesma
lioma gudami gudameke/
hoxe enfronte a miña e a túa
juj jajate tan xofike u te xufe fia/
dous cristais mirándote e mirándome
le maghrebe u la djazaire/
Marrocos ou Arxelia
kol wahed fina achenu daire/
cada un o que fai
lach ade lekhaseme u lach le 3dawa benatena/
por que problemas e odio entre nós?
le hiware rahe saife/
existe o debate
be 3zena be gua islamia/
queremos ser unha forza islámica
cheda le jame/

ben achegada
le mahraba diana tekune sensela sehiha/
o noso Maghreb, unha corda ben apretada
bla bla lehafe/
sen separar
lehasul beghina mejemuaa daire/
o máis importante: queremos ser un conxunto
redondo
,
gueeda weheda/
unha mesma mesa
kima se ba9elina u guena/
como dixemos antes
me3a khutena beghina le waheda/
queremos unificarnos cos nosos irmáns
bladi ya le maghribe 7ulu lina babeha, ana teife
bladi ya le djazaire terabina fe terabeha, ana teife
Twahexete Khute u sehabe we hebabi
Twahexetekume bezafe bla bikume ne khafe
Khuti u sehabe we hebabi HAYA
kume bezafe bla bikume ne khafe

hake 2idia u dir mezia /
toma a miña man e fai algo
brite le khir like u lia/
quero o ben para ti e para min
nawi le khute i be9au khute/
pretendo que os irmáns queden irmáns
beghina bina wahed/
que sexamos un
ne 3aliwe i sawete/
e levantar o son
maghribi djazairi aselena wa7ed/
Marroquí ou Arxelino somos dunha única orixe
baghi le ketir nude ma te be9a ga3ed/
se queres moito levanta e non quedes sentado
nass tefewa dawe beghawe delame/
que eles apagaron a luz e queren escuridade
7erube wahemia ghir bel kelame/
guerras soñadas só con palabras
Khaline ne 3ixu fe sene musalame/
deixádenos vivir en Paz
Kunu mitale le hade le 3alame/
e ser un exemplo para o mundo
Baraka ma nelumu fe be3ediatena/
xa chega de reprocharnos os uns aos outros
Kif le khute ne 3ichu 7eyatena/
como irmáns vivamos a nosa vida
Du9e fe babi ne du9e fe babeke/
pregunta por min, pregunto por ti
Mena khuteke mena se7abek/
por nós, teus irmáns e amigos,
Jaw xi nass se seweluni/
preguntáronme algúns
Galu baraka khela3etuni/
e dixeron “ chega, estamos asustados”
Bladi ya le jazaire 7ulina babeha, babeha
Bladi ya le maghrebe tarabina fe terabeha, fe terabeha
Twahexetekume bezafe bla bikume ne khafe
Khute u sehabe we hebabi
Twahexetekume bezafe bla bikume ne khafe
Khuti u sehabe we hebabi HAYA

Ne tefahemu wahhhhhe/
entendémonos
Daya3ena bazafe/
perdemos moito


Traducido por Fatima Fathallah

VIVIR A VIDA NOUTRO PAÍS, IR E VIR


Ionut, alumno de PCPI de Carrocería, escribiu para a semana da paz este relato conmovedor sobre a súa experiencia como inmigrante.


Cando cheguei a España todo era tan diferente que parecía un soño. Dende a hora que era distinta á comida e á paisaxe. Cando cheguei xunto ós meus pais despois de seis meses sen velos, todo me parecía un soño do que non quería espertar. En todo o tempo que estiven lonxe deles vivín coa miña avoa e a miña tía. Marchar do meu país de orixe, Romanía, deume moita pena porque deixaba alí todos os meus amigos e familiares. Ó chegar a Galicia eu esperábame que me trataran mal, por todos os feitos que levaran a cabo os meus compatriotas romaneses. Pero resultou que me equivoquei, porque a xente que encontrei foi, e segue sendo, marabillosa. Ós dous meses de chegar a Galicia empecei o colexio, apenas sabía falar. Pero grazas a iso fixen moitos amigos, a maioría deles xogando ó fútbol. Despois de dous anos no colexio, tiven que dar o cambio ó instituto. Aí coñecín moita xente. Pero aínda así acórdome da xente do país onde nacín e ás veces quedo pensando como sería a miña vida alí. A vida alí é moi difícil xa que os prezos son como os de aquí pero os soldos apenas chegan a 140 euros ó mes, é por iso que a xente se ve obrigada a emigrar. As persoas non teñen a culpa por emigrar, só o goberno. Ó marchar do país vanse sen saber se van a un bo ou mal sitio. Só queren vivir mellor que no seu país e moitos deles conségueno, xa que encontran un traballo estable. Pero os que non dedícanse a roubar e a enganar á xente para poder sobrevivir. O mundo é inxusto porque hai moitas persoas de todos os países que teñen moitos cartos e dedícanse a comprar coches de luxo e malgastar cartos cos que podían axudar a miles de persoas enfermas e pobres para que deixen de emigrar.
Os emigrantes fan cousas tanto boas como malas no país ó que chegan. Unha das cousas boas é incrementar a poboación do país e a economía. Unha cousa mala é que cada vez hai menos postos de traballo e a xente vese forzada a traballar por menos diñeiro para poder saír adiante a fin de mes. Así que a xente que non é racista vese obrigada a saír ás rúas a facer folgas para defender o seu posto de traballo. Se todos os países tiveran a economía de España, Suíza, Inglaterra, Alemaña, Estados Unidos, etc, a emigración xa non existiría.
Hai xente que pon en perigo as súas vidas vindo en caiucos dende África, moitos deles xa non chegan porque falecen no camiño e os seus familiares non saben nada deles: nin se chegaron nin se sobreviviron.
Eu e a miña familia tivemos sorte. Chámome Ionut, teño 16 anos, levo en Xinzo 5 anos, e malia ter morriña do meu país, son feliz en Galicia.


Ionut Pertroîrchie


A foto está sacada dunha viaxe en tren por Romanía, de Sibiu, en Transilvania, a Constanza, no Mar Negro. Un solpor que ía quedando atrás...

martes, 2 de febrero de 2010

LENDAS DA BISBARRA


LENDAS 2009-2010

Nun lugar que pertence a Sandiás hai unha torre chamada Torre do Castro e nela atópase un pozo que comunica tres torres: a do Castro, a de Porqueira e a da Pena. A lenda narra que se na Torre do Castro tiras unha ave de curral coma unha pita ou un pavo nese intre aparecerache o demo para levarte ao mundo das sombras, máis coñecido coma o INFERNO.

Miguel García

Conta a lenda que unha vez hai moito tempo un home pasou cabalgando por diante do Penedo de Nocelo da Pena e viu unha moura que estaba escollendo unhas pebides de ouro que tiña no chan sobre unha manta. Ela díxolle que se detivese e preguntoulle se quería un pouco, o home asentiu e a moura preguntoulle se quería un puñado ou unha fanega e el, que era moi avarento, díxolle que prefería a fanega. Foi por esa medida á casa e, cando voltou, a moura xa desaparecera.

Roi Salgado

O Penedo do Arangaño

Conta a lenda que no penedo situado no monte do Arangaño, na aldea de Perrelos, vivía unha moura á que chamaban Dourada. A todo aquel que pasara por alí e non lle botara nada de valor, a moura iríao visitar pola noite e levaríao con ela e non o volverían ver nunca máis.

Belén Sotelo

A Raíña Loba

Era unha muller metade loba e metade muller. Vivía nun penedo onde tiña de escravos os mouros, e se algún destes a traizoaba eran sacrificados no Penedo das Fatigas. Para comer os veciños debíanse pór de acordo porque cada semana un deles debíalle dar unha vaca. Os veciños, fartos da tiranía dela, decidiron darlle morte. Morreu asasinada polos de Peixeiros.

Brandon Barreiro, José Antonio Andrade

A Raíña Loba

Lembran que hai moitos anos na miña aldea había unha muller chamada a Raíña Loba. Esta tiña tanto poder que conseguía o que quería. Un día os veciños preguntáronlle cando se marcharía e ela díxolles “o día que a Serra do Larouco dea centeo”. Os veciños araron un anaco da serra e plantaron alí o centeo pero non naceu. E entón un día cargaron os carros con centeo para subilos á serra e á mañá baixaron para chamala e que vise os carros cheos de centeo e crese que a serra dera centeo. Así o fixeron e ela creuno e díxolles que marcharía porque así o dixera e marchou para unha aldea chamada A Magdalena”.

Álvaro Moure

Inmigración 2

Inmigración 2
Dende Alemaña

Inmigración 1

Inmigración 1
Dende alemaña

no limite 1

no limite 1
Lodoselo