VIAXE A LONDRES
Corrían as 4:30 da tarde, cando xa impacientes esperabamos o autobús para iniciar a nosa viaxe a Londres. Chegou o bus e, despois da charla da directora metade inglés, metade galego, arrancamos para Ourense, onde recollemos o alumnado da Carballeira.
A viaxe ata O Porto fíxosenos bastante longa pero cantando e facendo tonterías das nosas fíxose máis levadeira.
Cando chegamos a O Porto facturamos as maletas e embarcamos. Para algúns foi unha nova experiencia. Despois de dúas horas e cuarto no avión chegamos ao aeroporto de Londres, onde quedamos sorprendidos ao ver cambios como a posición do volante dos coches ou a maneira de conducir dos ingleses. Collemos un autobús ata o hotel.
O xoves pola mañá almorzamos no hotel e ao acabar paseamos un pouco por Londres, coñecendo así algunhas rúas. Collemos o metro para visitar a Torre de Londres, alí sacamos fotos cos Beefeaters, estivemos un rato na ribeira do Tamesis, sacando fotos e escoitando as explicacións dos nosos compañeiros. Antes de ir comer achegámonos ata o Big Ben, un grande e fermoso reloxo, atopado ao lado do Tamesis. Moitos de nós sacamos fotos cun gaiteiro.
Despois de comer quedamos no ponte para ir ao British Museum no que Manuel nos explicou detalladamente as esculturas clásicas.
Ao saír do museo deixáronnos tempo libre. Algúns de nós fomos a zona de Soho e ceamos alí cos profesores e descubrimos a capacidade humana de Jose ( o mago) de beber seis coca-colas seguidas. Regresamos ao hotel.
O venres despois de almorzar collemos o metro onde houbo algún problema con alguén que caeu á vía por iso estivemos esperando bastante tempo. A continuación fomos ao museo de Historia Natural onde vimos animais de todo tipo, tamén vimos o T.Rex onde descubrimos que o seu corpo pesaba unhas 25 toneladas. Ao saír do museo fomos a Harrods e fixemos unha visita rápida porque tiñamos moita fame. Despois de comer fomos camiñando ata o Palacio de Buckingham, visitamos a National Gallery, que se atopa en Trafalgar Square, un museo de pintura. Manuel deu as explicacións necesarias para que entendésemos as distintas pinturas. Cando saímos volvemos a Picadilly. Entramos nas diferentes tendas e sacamos fotos cos míticos paneis de propaganda que caracterizan esa praza. Por último, regresamos ao hotel.
O sábado almorzamos como todo os días no hotel ás nove. Despois de almorzar trasladámonos en autobús ata Bath. Esta cidade está declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, alí visitamos as Termas Romanas, déronnos uns aparatos para ir escoitando as explicacións dos distintos lugares das termas. Cando saímos comemos e demos unha volta pola cidade.
Cando regresabamos de Bath, Jose ( o mago) fíxonos trucos de maxia coas cartas para que se nos fixera a viaxe máis curta e divertida. Ao chegar á Londres deixáronnos tempo libre e algúns foron ver o campo do Arsenal e tiveron a gran sorte de atoparse alí a Cesc Fabregas que moi amablemente lles deixou sacarse fotos con eles e asinoulles autógrafos. Outros deron un paseo por zonas emblemáticas de Londres. Ceamos en Soho nun restaurante chinés onde por nove libras puidemos comer o que quixemos, Miguel e Jose sobrepasaron os límites comendo catro e seis pratos cada un. Para volver ao hotel tivemos un problema xa que había un incendio na liña de metro e tivemos que coller un taxi.
O último día xa con outras caras por pena de abandonar a cidade e de que se acabase a excursión, almorzamos e visitamos a Igrexa de San Pablo, deixáronnos tempo de lecer e aproveitamos para comer, montamos no autobús e comezou a nosa viaxe de regreso. No aeroporto de Stansted había moitas medidas de seguridade e fixéronnos descalzarnos a todos.
Collemos o avión e vendo que cada vez quedaba menos démonos conta de que esta viaxe estaba chegando á súa fin. Chegamos a O Porto xa de noite, o aterraxe foi moi bonito xa que vimos a cidade toda iluminada. Alí estaba esperándonos o autobús para voltar para Xinzo.
Paramos en Ourense para deixar aos da Carballeira e en Sandiás para deixar a Sonia e o resto continuamos ata Xinzo.
Chegamos a casa sobre as dúas da madrugada do domingo.
Tardaremos en esquecer unha viaxe tan bonita e un lugar tan distinto e especial como Londres!!
Queremos agradecerlle aos profesores e aos nosos compañeiros que fixeron posible esta viaxe!!!
Raquel e Quique (2º A-BAC)
No hay comentarios:
Publicar un comentario