lunes, 22 de febrero de 2010

ENTREVISTA A MANUEL MANDIANES


O club de lectura de 1º de BAC (Uxía, Noelia, Úrsula, Beatriz, Susana, Mirian e Isabel) realizáronlle esta entrevista ao antropólogo limiao Manuel Mandianes vía correo electrónico logo dunha interesante conferencia impartida no instituto.


ENTREVISTA

Pregunta: Cando descubriu a súa vocación?

Resposta: A vocación non vén de súpeto, vaise descubrindo pouco a pouco. As cousas que un vai vendo na vida, as lecturas, as conversas vanche descubrindo o que che gusta e aquilo que podería facer de maneira máis ou menos axeitada. Moitas persoas non teñen a oportunidade de escoller, teñen que facer o que se lles presenta.


P: Que cree que se perde cando se perde unha aldea como a súa, Loureses?

R: Cando se perde unha das nosas aldeas, aínda que sexa a máis pequeniña, pérdese un mundo, un anaquiño da historia, pérdese un cacho do universo. Polo mesmo, o día seguinte da desaparición dunha aldea o mundo será un anaquiño máis pobre.


P: Que foi ou que é o que máis estrañou e estraña de Galicia, e en especial da comarca da Limia, cando está lonxe da terra?

R. Os meus pais, os meus irmáns, os meus sobriños e os meus amigos da infancia. Pero tamén boto a faltar as pedras do camiño que pisaba cando era cativo, a sombra dos carballos onde xogaba cos outros rapaces, os recunchos do patio e da horta onde me agochaba con outros meniños.


P: Que lembra máis das súas moitas viaxes?

R. Di o refrán: “Para saber, viaxar ou ler”. Eu fago desde fai moito tempo as dúas cousas: viaxo moio e leo moito. O que me vén ao maxín cando me poño a lembrar as viaxes son as anécdotas. Unha mexada nos pés dunha estatua en Manhaim, unha ollada furtiva dunha moza cando se baixaba do tren, o ollar dun meniño acochado no regazo da súa nai nunca praza de Bruxelas, o asombro dun home perdido na estación do tren de Osaka, o sentimento de impotencia dun turista no Pelourinho, en Salvador de Bahía, que acababa de darse conta que lle tiñan roubado todo.


P: No seu libro O río do esquecemento di: “As comunidades organízanse arredor do centro en círculos concéntricos”. Cal considera que é ese centro?

R: Tradicionalmente, a lareira é o centro da casa; a aira, o centro do barrio; o cruceiro, o centro da aldea onde se reunía o concello. Se chovía ou nevaba podíase xuntar no forno ou una taberna. A parroquia xiraba en torno ao cemiterio que sempre estaba ao redor da igrexa. O adro da igrexa sempre foi lugar de reunión da xente da parroquia a entrada e saída da misa e, noutras moitas ocasións, os homes xuntábanse na taberna e na forxa, e as mulleres no taller da costureira e no tear. Hoxe moitas aldeas que xiraban arredor do cruceiro están estiradas ao longo a estrada, e os veciños case non teñen trato entre eles porque os servizos que antes se prestaban uns aos outros agora páganse.


P: Vostede escribiu un libro sobre o burro, protagonista de tantas historias humanas cunha documentación sorprendente. Como se lle ocorreu semellante idea?

R. O burro foi compañeiro meu durante toda a miña infancia. Para ir dunha aldea a outra, para ir coas vacas, coas ovellas, para ir a buscar feixes de babos, de herba ou ir ao muíño, o burro era o vehículo indispensable e único. As casas fortes podían ter, tamén, un cabalo. O meu mundo era o mundo do meu burro. Nunca fun máis alá co burro e o burro nunca foi mais alá ca min. Cando fun grande deime conta de que aquel compañeiro inseparable da miña nenez estaba a desaparecer e falando co meu amigo Bieito Ledo, editor, suxeriume a idea de escribir un libro sobre o burro. Así naceu a idea e, logo, O burro.


P: Recentemente participou no “Foro La Región” cunha conferencia titulada: “Desaparece a relixión”, cales son, segundo vostede, as causas desa desaparición?

R. O titulo da conferencia non era unha afirmación senón unha pregunta. Moita xente pensa que a relixión está a desaparecer porque a xente non vai tanto á misa como ía cando eles eran mozos. A relixión non desaparece aínda que as formas de expresar a relixiosidade teñan cambiado moito nos últimos trinta años. Cada día máis, a xente relaciónase con Deus, cos santos, cos anxos, cos seus antergos á súa maneira. E aqueles que deixan de facerlles aos fillos a primeira comuñón ou de bautizalos están a inventar a comuñón ou bautizo civil. Isto quere dicir que as persoas, polo de agora, teñen necesidade de ritos que os conecten co sagrado, co misterio, co mais alá. Así como dicimos que o home é un animal racional quizais teñamos que engadir que tamén é animal ritual e relixioso.


P: Como membro do Consello Superior de Investigacións Científicas, en que está a traballar e cales son os seus proxectos futuros?

R: Un equipo de antropólogos estamos a traballar sobre os cambios na maneira de entender o longo da historia e como se entende hoxe. Estudamos que queren dicir as cousas que a xente se colga ao pescozo, que queren dicir as tatuaxes, as mutilacións, os pircings e como é utilizado o corpo de homes e mulleres na publicidade, na televisión, no cine. Por outra banda, estou a acabar un libro sobre os inmigrantes e argallando a segunda parte do “Raposiño” da que desaparece, entre outros personaxes, o cego.

1 comentario:

Heitor dijo...

Gran persoaxe intelectual da galiza!!!

Inmigración 2

Inmigración 2
Dende Alemaña

Inmigración 1

Inmigración 1
Dende alemaña

no limite 1

no limite 1
Lodoselo