lunes, 8 de marzo de 2010

A FOLGA CONTRA O BORRADOR DO DECRETO FOI UN ÉXITO


O Xoves 21 de xaneiro do 2010 foi un día que moitos lembraremos. A plataforma cidadá Queremos Galego convocou un folga para dito día e ademais organizou unha concentración en Santiago en defensa da nosa lingua nai. O borrador do decreto que sacara o novo goberno da Xunta estaba causando moita tensión na sociedade e o pobo fixo oír, de novo, a súa opinión.

En Xinzo de Limia non iamos ser menos. O feito de que a manifestación fora entre semana facíanos complicada a asistencia, así que tirando de experiencias anteriores decidimos convocar o noso propio acto. Reunímonos coa organización Galiza Nova para conseguir material e puxémonos man a obra. As seguintes semanas foron un caos.

Ocorréusenos que alguén de Queremos Galego viñera dar unha charla para que a xente estivera informada e se concienciara do que estaba a ocorrer. E logo de moitas peripecias conseguimos que viñera Carlos Callón (non che está nada mal, eh!) . O defecto que tivo a súa charla foi que 20 minutos non chegaron para nada…

Empapelamos o instituto, isto deu lugar a moitas controversias e a disputas algo acaloradas entre compañeiros e profesorado. Pero chegados a un acordo publicitamos o acto. Falamos cos delegados e convocamos a folga oficialmente dende os Comités (organización do estudantado galego). Todo estaba feito, só quedaba agardar.

O día sinalado @s organizadoras/es tivemos toda a mañá un ollo no ceo, pero o tempo deunos un respiro e non choveu (que detalle pola súa parte!). Acercámonos á praza á hora sinalada e dedicámonos a agardar. Por unha parte nervios@s e ansios@s de que viñera moita xente e por outra parte relaxad@s porque máis non puidemos facer.

Acudimos os que acudimos. Moitos para algúns e catro amigos para outros. Comezamos lendo un manifesto para que quedara ben claro porque estabamos alí. O manifesto está recollido no voceiro de ensino medio Lume. Logo comezamos a manifestación. Berramos, e moito! Ao chegar a rotonda que está preto do instituto decidimos cortar o tráfico uns dez minutiños. A altura do instituto fixemos concentración e berramos todas as nosas ideas e opinións de novo. Logo disolvémonos por orde da Garda Civil.

Quedamos content@s. A maioría d@s que organizamos o acto para o ano non estaremos aquí pero quedounos claro que hai moita xente disposta a convocar máis actos na defensa da súa lingua. O importante é que Xinzo non perda a súa voz, nesta vida hai que saber loitar polo que se pensa.

Entre bromas, cancións, consignas e berros. Quedou demostrado que, se non todos a maior parte, en Xinzo de Limia QUEREMOS GALEGO.

Raquel Vázquez Blanco

Ana Barxa Cid

2º Bach

No hay comentarios:

Inmigración 2

Inmigración 2
Dende Alemaña

Inmigración 1

Inmigración 1
Dende alemaña

no limite 1

no limite 1
Lodoselo