miércoles, 12 de mayo de 2010

TOPONIMIA DE FOLGOSO



-A BESADA: (latín VERSARE) Entrada da aldea da parroquia de Sarreaus.

-O CANTIÑO: (orixe céltica) Zona situada no centro da aldea onde hai dous canastros e a fonte.

-CANASTROS: (latín CANISTRU) Lugar onde o millo seca co sol.

-FONTE DO CANTIÑO: (latín FONTE(M) + palabra de orixe céltica) Fonte que ten un bebedeiro no que antigamente, os animais que a xente tiña nos curros pasaban por alí para beber.

-A QUINTA: (latín QUINTANA) Zona que vai dar ó alto da aldea onde antes había moitos hórreos.

¤ Parte máis alta da aldea:

-O RECANTO: (RE + latín CANTHU) Aquí atópanse as casas máis vellas da aldea.

-O POZO NOVO: (latín PUTE(M) + latín NOVU(M) ) Lugar onde a xente da aldea, aínda hoxe, vai lavar as tripas do porco nas matanzas.

-O CANASTRO DO PERRERO: (latín CANISTRU + nome masculino) É a parte máis alta da aldea, sen chegar ao monte onde hai unha leira á poula onde a xente facía as mallas.

-O PILO: (latín vulgar PILU(M) ) Son dous tanques de auga onde a xente antigamente lavaba a roupa.

-A FONTE: (latín FONTE(M) ) É unha fonte que nunca secou, que posúe moita auga e abastecía a toda a aldea.

-O CASAL: (latín CASA(M) ) souto de castiñeiros e carballos no que se atopa o forno:

-CASTIÑEIROS E CARBALLOS: (latín CASTINEA + prerromano CARBA) Onde os rapaces do pobo ían coller castañas para o magosto; alí tamén xogaban.

-FORNO: (latín FURNU(M) ) Lugar ao que todo o mundo podía acceder para cocer o pan.

-A CAPELA: (latín tardío CAPELLA(M) ) Cuxo patrón é San Nicolao de Bari, onde tamén está o campo da festa.

-A COSTA: (latín COSTA(M) ) É a zona do monte máis próxima á aldea, que se divide en:

-A FONTEIRIÑA: (latín FONTE(M) + sufixo diminutivo) Onde se atopan as cortiñas, que son terreos privados onde se gardaba o gando e se rozaban cunha fouce as gabelas utilizadas para prepararlle a cama ao gando e para facer abono.

-A FONTE DO TÍO RIBERA: (latín FONTE(M) + latín tardío THIU(M) + apelido) Chámaselle así en honor a un señor do pobo alcumado Ribera, que tiña a taberna da aldea, e por casualidade descubriuse que brotara unha fonte no seu terreo, polo que o cedeu e proclamouno como terreo comunal.

-OS OUTEIROS: (latín ALTARIU(M) ) Zona máis alta da costa onde tamén se atopa un penedo que sobresae do resto, denominado “O Penedo Grande”.

-A PARADA: (latín PARARE) Atópase na estrada comarcal e é o lugar no que os rapaces collen o autobús para ir á escola.

-O CARRIL: (latín CARRU(M) ) Lugar no que se atopan as casas novas da aldea sitas na estrada comarcal que vai de Xinzo de Limia a Vilar de Barrio.

-A CASA DA ESCOLA: (latín CASA(M) + latín SCHOLA(M) ) É a derradeira casa da aldea, que separa Folgoso de Cortegada. Antigamente era a escola na que estudaban as nenas e nenos, pero agora transformouse no velorio municipal.

-A LAMELA: (latín LAMELLA) Sitúase por riba da casa da escola, e é un camiño caracterizado pola presenza de carballos.

-O REGO: (latín RIGARE) Son os terreos sitos debaixo das casas onde a xente cultivaba diferentes hortalizas para comer.

*Tamén cabe destacar a presenza dun regueiro que baixa do monte e atravesa toda a aldea. Este regueiro naceu das charcas onde antes a xente enlaiaba o liño. Por último, mencionar as airas como terreos privados nos cales o pobo mallaba o trigo e o centeo antes de gardalo nos palleiros.


Úrsula Casado, Mirian Fernández e Isabel Fernández

domingo, 9 de mayo de 2010

TOPONIMIA DE BALTAR


MICROTOPONIMIA DA PARROQUIA DE SAN PAIO ( CONCELLO DE BALTAR)


· A Fonte dos Mouros ( latín Fonte +latín Mauru) : Coñécese este nome xa que foi o lugar elixido polos árabes para agocharse durante as loitas cristiáns aproveitando a existencia dunha fonte e a orografía da zona que os mantiña a salvo dos ataques cristiáns.


· O Castro ( latín Castru): Coñécese con este nome debido á existencia dunha rocha con forma semellante a un castro, que lles serve aos veciños de “marco” xa que delimita a fronteira entre España e Portugal.


· A Carballa ( de Carba, prerrománico): Coñécese con este nome xa que comprende un conxunto de leiras delimitadas entre si por carballos.


· A Cova da Raíña Loba ( latín Cova + latín Regina +latín Lupu): Conta a lenda que había no monte unha muller, metade muller metade loba, por iso se coñecen os territorios próximos á cova deste xeito.


· Portolandeiro (latín Porto + ): Coñécese con este nome unha zona de fronteira entre España e Portugal por onde se pasaba o contrabando.


· Aira do Reto ( de eira, latín Aira+ latín Nepote): Coñécese con este nome á aira que se atopa na parte máis alta da aldea e na que antigamente se discutían os asentos da aldea e servía de lugar de reunión para os veciños.


· O Espido: ( lat Expedire) Coñécese con este nome porque a terra desa zona é pouco fértil e nunca hai cultivos.


· A Cova (latín Cova): Coñécese deste xeito a un conxunto de leiras que teñen un gran desnivel o que provoca a formación de pequenas covas.


· O Lobo (latín Lupu): Coñécese con este nome, xa que afirman os máis vellos da contorna que antigamente era unha zona na que había moitos lobos. Despois de que os veciños lle deran caza só queda un, por iso recibe este nome.


· O Salgueiro ( latín: Salicariu): Coñécense deste xeito aos terreos próximos ao río de San Paio, nos que medran moitos salgueiros grazas ás condicións ambientais favorables.


Realizado por Noelia Gamallo, Beatriz Domínguez e Uxía Alonso.

miércoles, 5 de mayo de 2010

ENTREVISTA A UN EMIGRANTE


ENTREVISTA AO MEU AVÓ EMIGRANTE

Encontrámonos na casa do meu avó Amadeo, veciño do pobo de Fiestras, aldea que pertence ao concello de Xinzo de Limia.

O meu avó Amadeo ten 73 anos e como tantos outras persoas tivo que emigrar xunto coa a miña avoa Xulia para poder gañar a vida.

-Ola, avó! Hoxe espero coñecer un pouco máis como foi a túa vida de emigrante.
Moi ben, pregúntame o que queiras.

-Onde tiveches que emigrar?
Pois tiven que ir a Alemania.

-Cal foi a causa de que marcharas?
Porque eiquí non había onde conseguir diñeiro xa que non había traballo.

-En que ano marchaches?
Marchei xunto coa túa avoa no ano 1964.

-Que medio usaches para chegar alí?
Fun en tren.

-Cando chegaches alí atopaches logo traballo?
Eu xa ía cun contrato de traballo.

-Recibíronte ben os alemáns?
Si, recibíronme moi ben e axudáronme moito.

-Tiveches problema co idioma?
Ao principio tiña que entenderme con eles mediante sinais pero pouco a pouco fun aprendendo alemán.

-En que traballaches?
Traballei nunha fábrica de fundición, nunha fábrica de cousas de lá e máis tarde nunha fábrica de productos lácteos.

-Foi moi duro o traballo?
A verdade é que si, xa que tiña que traballar moitas horas e a penas tiña descanso.

-Estrañabas o teu país?
Si, sobre todo a familia, pero cada dous anos volvía de vacacións.

-Fixeches moitos amigos alí?
Si, fixen moitos.

-Cando volviches?
Volvín no ano 1975, xunto coa a túa avoa, a túa nai e a túa tía.

-Por que volviches?
Tiven que volver porque a túa avoa, enferma de asma non podía vivir nun sitio con tanta contaminación e os médicos recomendáronlle que volvese a aldea.

Avó, moitas grazas por contarme tantas cousas da túa vida.

Esta é a historia do meu avó que pode representar a de moitos galegos que emigraron coma el.

Realizada por: Andrea Feijoo Novoa

domingo, 2 de mayo de 2010

MÁIS REMEDIOS


PARA A DIXESTIÓN PESADA

• A modo de infusión engádense 2 grs de froitos de eneldo. Por cada ¼ de litro de auga fervida recentemente. Déixase en contacto uns 5 minutos e remóvese de cando en vez. Fíltrase e tómase o líquido despois das principais comidas do día.
Té de leituga: mesturamos un vaso de auga cunha folla grande de leituga, licuamos e bebemos a poción pouco a pouco. Funciona para a acidez de estómago.

Eneldo (Anethum graveolens L.): As sementes de eneldo conteñen unha esencia, cuxo compoñente máis importante é a carvona. É un poderoso carminativo ( elimina gases e flatulencias intestinais ). É aperitivo, ademais de diurético, galactóxeno ( aumenta a secreción de leite) e lixeiramente sedante. Tamén estimula a menstruación.

As súas indicacións máis importantes son os arrotos e o impo infantís, así como o exceso de gases no estómago.


Leituga ( lactuca sativa L.):
Compoñentes:
Ácidos : Alfa-linolénico, ascórbico, aspártico, cítrico, glutamínico, linoleico, oleico, málico,oxálico, palmitico,esteárico (Hojas)
Betacaróteno (follas )
Fibra (follas)
Pectinas ( follas )
Lactucina
Vitaminas: A, C, E. B1.B2.B3 ( follas)
Aminoácidos: Alanina, cistina, histidina, glicina, isoleucina, leucina, lisina, serina, tirosina, valina (Hojas)
Minerais: potasio, calcio, magnesio, sodio, azufre, ferro, aluminio, cobre, cobalto, silicio, selenio, circonio, itrio ( follas ) estroncio (Tallo).
A leituga presenta propiedades carminativas, liberando ao organismo das molestas flatulencias evitando a sensación de cheo do estómago e o ventre e axuda a facilitar a dixestión e protexer o estómago aliviándoo das inflamacións intestinais.

SEGUIMOS A RECOMPILAR REMEDIOS TRADICIONAIS


PARA A AFONÍA


100 grs de apio

100 grs de repolo

Unha vez preparados licúanse e tómanse unha vez pola mañá en xaxún e outra vez pola noite antes de deitarse.

Apio ( Apium graveolens L.): toda a planta contén un aceite esencial que actúa sobre o ril, glucoquininas, un glucósido ( apiína), cumarina, e oleorresina, ademáis de sustancias nitroxenadas e vitaminas B e C.

Entre as súas propiedades está a de tonificante. Comunica unha sensación de benestar e vitalidade. O xugo de apio resulta de gran utilidade como tonificante xeral e remineralizante, asociado ao xugo de tomate, cenoria e limón. Convén aos que padecen esgotamento ou depresión nerviosa.

miércoles, 28 de abril de 2010

VIAXE A LONDRES

VIAXE A LONDRES

Corrían as 4:30 da tarde, cando xa impacientes esperabamos o autobús para iniciar a nosa viaxe a Londres. Chegou o bus e, despois da charla da directora metade inglés, metade galego, arrancamos para Ourense, onde recollemos o alumnado da Carballeira.

A viaxe ata O Porto fíxosenos bastante longa pero cantando e facendo tonterías das nosas fíxose máis levadeira.

Cando chegamos a O Porto facturamos as maletas e embarcamos. Para algúns foi unha nova experiencia. Despois de dúas horas e cuarto no avión chegamos ao aeroporto de Londres, onde quedamos sorprendidos ao ver cambios como a posición do volante dos coches ou a maneira de conducir dos ingleses. Collemos un autobús ata o hotel.

O xoves pola mañá almorzamos no hotel e ao acabar paseamos un pouco por Londres, coñecendo así algunhas rúas. Collemos o metro para visitar a Torre de Londres, alí sacamos fotos cos Beefeaters, estivemos un rato na ribeira do Tamesis, sacando fotos e escoitando as explicacións dos nosos compañeiros. Antes de ir comer achegámonos ata o Big Ben, un grande e fermoso reloxo, atopado ao lado do Tamesis. Moitos de nós sacamos fotos cun gaiteiro.

Despois de comer quedamos no ponte para ir ao British Museum no que Manuel nos explicou detalladamente as esculturas clásicas.

Ao saír do museo deixáronnos tempo libre. Algúns de nós fomos a zona de Soho e ceamos alí cos profesores e descubrimos a capacidade humana de Jose ( o mago) de beber seis coca-colas seguidas. Regresamos ao hotel.

O venres despois de almorzar collemos o metro onde houbo algún problema con alguén que caeu á vía por iso estivemos esperando bastante tempo. A continuación fomos ao museo de Historia Natural onde vimos animais de todo tipo, tamén vimos o T.Rex onde descubrimos que o seu corpo pesaba unhas 25 toneladas. Ao saír do museo fomos a Harrods e fixemos unha visita rápida porque tiñamos moita fame. Despois de comer fomos camiñando ata o Palacio de Buckingham, visitamos a National Gallery, que se atopa en Trafalgar Square, un museo de pintura. Manuel deu as explicacións necesarias para que entendésemos as distintas pinturas. Cando saímos volvemos a Picadilly. Entramos nas diferentes tendas e sacamos fotos cos míticos paneis de propaganda que caracterizan esa praza. Por último, regresamos ao hotel.

O sábado almorzamos como todo os días no hotel ás nove. Despois de almorzar trasladámonos en autobús ata Bath. Esta cidade está declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, alí visitamos as Termas Romanas, déronnos uns aparatos para ir escoitando as explicacións dos distintos lugares das termas. Cando saímos comemos e demos unha volta pola cidade.

Cando regresabamos de Bath, Jose ( o mago) fíxonos trucos de maxia coas cartas para que se nos fixera a viaxe máis curta e divertida. Ao chegar á Londres deixáronnos tempo libre e algúns foron ver o campo do Arsenal e tiveron a gran sorte de atoparse alí a Cesc Fabregas que moi amablemente lles deixou sacarse fotos con eles e asinoulles autógrafos. Outros deron un paseo por zonas emblemáticas de Londres. Ceamos en Soho nun restaurante chinés onde por nove libras puidemos comer o que quixemos, Miguel e Jose sobrepasaron os límites comendo catro e seis pratos cada un. Para volver ao hotel tivemos un problema xa que había un incendio na liña de metro e tivemos que coller un taxi.

O último día xa con outras caras por pena de abandonar a cidade e de que se acabase a excursión, almorzamos e visitamos a Igrexa de San Pablo, deixáronnos tempo de lecer e aproveitamos para comer, montamos no autobús e comezou a nosa viaxe de regreso. No aeroporto de Stansted había moitas medidas de seguridade e fixéronnos descalzarnos a todos.

Collemos o avión e vendo que cada vez quedaba menos démonos conta de que esta viaxe estaba chegando á súa fin. Chegamos a O Porto xa de noite, o aterraxe foi moi bonito xa que vimos a cidade toda iluminada. Alí estaba esperándonos o autobús para voltar para Xinzo.

Paramos en Ourense para deixar aos da Carballeira e en Sandiás para deixar a Sonia e o resto continuamos ata Xinzo.

Chegamos a casa sobre as dúas da madrugada do domingo.

Tardaremos en esquecer unha viaxe tan bonita e un lugar tan distinto e especial como Londres!!

Queremos agradecerlle aos profesores e aos nosos compañeiros que fixeron posible esta viaxe!!!

Raquel e Quique (2º A-BAC)



Inmigración 2

Inmigración 2
Dende Alemaña

Inmigración 1

Inmigración 1
Dende alemaña

no limite 1

no limite 1
Lodoselo