martes, 2 de febrero de 2010

LENDAS DA BISBARRA


LENDAS 2009-2010

Nun lugar que pertence a Sandiás hai unha torre chamada Torre do Castro e nela atópase un pozo que comunica tres torres: a do Castro, a de Porqueira e a da Pena. A lenda narra que se na Torre do Castro tiras unha ave de curral coma unha pita ou un pavo nese intre aparecerache o demo para levarte ao mundo das sombras, máis coñecido coma o INFERNO.

Miguel García

Conta a lenda que unha vez hai moito tempo un home pasou cabalgando por diante do Penedo de Nocelo da Pena e viu unha moura que estaba escollendo unhas pebides de ouro que tiña no chan sobre unha manta. Ela díxolle que se detivese e preguntoulle se quería un pouco, o home asentiu e a moura preguntoulle se quería un puñado ou unha fanega e el, que era moi avarento, díxolle que prefería a fanega. Foi por esa medida á casa e, cando voltou, a moura xa desaparecera.

Roi Salgado

O Penedo do Arangaño

Conta a lenda que no penedo situado no monte do Arangaño, na aldea de Perrelos, vivía unha moura á que chamaban Dourada. A todo aquel que pasara por alí e non lle botara nada de valor, a moura iríao visitar pola noite e levaríao con ela e non o volverían ver nunca máis.

Belén Sotelo

A Raíña Loba

Era unha muller metade loba e metade muller. Vivía nun penedo onde tiña de escravos os mouros, e se algún destes a traizoaba eran sacrificados no Penedo das Fatigas. Para comer os veciños debíanse pór de acordo porque cada semana un deles debíalle dar unha vaca. Os veciños, fartos da tiranía dela, decidiron darlle morte. Morreu asasinada polos de Peixeiros.

Brandon Barreiro, José Antonio Andrade

A Raíña Loba

Lembran que hai moitos anos na miña aldea había unha muller chamada a Raíña Loba. Esta tiña tanto poder que conseguía o que quería. Un día os veciños preguntáronlle cando se marcharía e ela díxolles “o día que a Serra do Larouco dea centeo”. Os veciños araron un anaco da serra e plantaron alí o centeo pero non naceu. E entón un día cargaron os carros con centeo para subilos á serra e á mañá baixaron para chamala e que vise os carros cheos de centeo e crese que a serra dera centeo. Así o fixeron e ela creuno e díxolles que marcharía porque así o dixera e marchou para unha aldea chamada A Magdalena”.

Álvaro Moure

lunes, 2 de noviembre de 2009

UN CONTO DE MEDO

Laura e Lucía mándanos esta historia arrepiante.

Imos narrar unha historia contada na propia noite do Samaín:

Todo o mundo sabía que Antía estaba tola. Parecía unha especie de fada, unha rapaza saíada doutro mundo.Loira, miúda, moi delicada, cunha infinita sonrisa, misteriosa nos seus beizos. Xavier non tiña moi claro que lle atraía dela... A Xavier encantáballe a maxia. Pero non podía falar cos rapaces da escola sobre o seu mundo de fantasía. Soamente con Antía.

- E xuroume que se lle aparecera o espírito do seu pai, que morreu cando ela era moi pequena- dixo Antía unha tarde na casa de Xavier.

- E que lle dixo? Contoulle algo?- preguntou Xavier, escoitando abraiado a historia de Antía

- Non o sei. Xa sabes que a miña tía é moi reservada. Di que os mensaxes dos espíritos son persoais e que terei que contactar eu mesma con eles. Pero díxome que noutra vida eu fun Cleopatra

- Ao mellor eu era un Sacerdote do Deus do Sol, gustaríame sabelo.

- Se de verdade queres, hai unha forma de sabelo, agora mesmo e aquí na túa casa.

- Dime como! Quero sabelo!

- Pero hai que tomalo en serio e facelo ben, oíches falar da oigha?

- Non, que é?

- Unha forma de contactar cos espíritos, eles poden falarnos do noso futuro ou pasado.

A Xavier dáballe un pouco de medo pero tiña curiosidade, entón preparámolo todo: cun vaso, cunha cartolina e cun lapis.

Concentráronse moito e despois os dous puxeron o dedo no vaso:

- Hai alguén aí?- preguntou Antía

Moi devagar o vaso moveuse coa palabra “si”.

- Quen es?

– M-e-l-l-o-r q-u-e n-o-n o s-a-i-b-a-s - foi deletreando o vaso sobre as letras da cartolina. Todo estaba en silencio só se escoltaba o ruído do vaso ó moverse (sbbbbb....)

- Coñécesnos?- preguntou Antía.

- B-u-s-c-o a X-a-v-i-e-r , A-n-t-í-a n-o-n m-e i-n-t-e-r-e-s-a.

- Podes dicirnos se es un espírito bo ou malo?

- N-o-n s-o-n b-o, n-o-n s-o-n m-a-l-o, n-o-n s-o-n h-u-m-a-n-o

- Pero podes darnos algunha pista de que estás aquí?

As velas apagáronse de golpe e Xavier levantouse correndo e acendeu a luz dicindo que tiña medo. Antía non lle respondeu e preguntoulle o espírito se estaba con algúen ao ,que lle contestou que si, que estaba con Maribel. A Xavier deulle un calafrío. Entón o espírito díxolle:

- A t-ú-a n-a-i q-u-e-r-e d-e-s-p-e-d-i-r-s-e.

- Iso non é verdade! A miña nai está traballando e chega a casa pronto - púxose a chorar.

O teléfono soou (ring, ring..) e Antía colleuno. Cando colgou aterrada mirou a Xavier e dixo:

- Era o teu pai di que a túa nai tivo un accidente e que está moi grave.

Xavier escoitaba dende o outro mundo, aínda tiña o dedo no vaso e movíase dicindo:

- A-t-a p-r-o-n-t-o, X-a-v-i-e-r!

lunes, 25 de mayo de 2009

REVISTA NO LÍMITE

Colgamos a revista que se editou en papel este ano para que todo o mundo teña oportunidade de lela e ver as "estampiñas".
Un saúdo da editora.

martes, 14 de abril de 2009

O LONGO CAMIÑO



O luns 16 de marzo as 10:30 había un coche de liña esperándonos na porta do instituto. Para que? Os alumn@s de 1º de Bach. e 4º ESO (Div.) tiñamos unha saída na zona dos Blancos.
A viaxe ata Covas estivo moi animada pola música, notábase que a xente devecía por chegar. Unha vez alí comezaron os problemas, que persoas ían levar os sachos? (Os profesores por suposto que non!) Emprendemos o camiño baixo un sol abrasador e, que nos esperaba ante os nosos atónitos ollos? Unha interminables subida! Na primeira curva presentóusenos o noso acompañante, Santos. Explicounos que iamos realizar a ruta que prepararan, para que a xente paseara polo monte e coñecese a paisaxe da zona, que constaba de 40 km. pero tranquilos que nós só fixemos 15 km. Polo camiño informounos da importancia do piñeiro silvestre para a recuperación do solo e o que tardaba en arder cando se iniciaba un incendio, as causas e consecuencias destes e os métodos que se empregan para a súa extinción. Fixemos un alto para plantar as árbores que trouxeramos. Por fin lle demos uso os sachos! (Aparte da competición que montaramos, gañaba quen lle cargase o sacho a outra persoa máis rápido) despois de demostrar as nosas dotes sachando continuamos para buscar un lugar onde comer (que tanto traballo da fame).
Paramos a comer nun mirador, observamos unha gran variedade de menús que ían dende bocadillos de mortadela ata empanada, crocretas e uns deliciosos doces caseiros (que os profesores tamén degustaron porque hai xente moi “pelota”). Despois de xantar fixémoslle caso ao mirador, onde algúns de nós puidemos observar a nosa aldea (Sarreaus, Solveira...) e Santos contounos como eran as batidas dos lobos que organizaban as diferentes aldeas da zona. Continuamos a nosa marcha có estómago cheo e o sono rondándonos, dirixímonos a un alto onde admirar a paisaxe e poder ver o Penedo da Raíña Loba.
Comezamos o retorno cansos (e acalorados!) e chegamos ao paraíso, que tiña forma de zona sombreada e unha fonte con auga fresca. Enchemos as nosas cantimploras. Chegados a este punto os profesores avisáronnos de que tiñamos que facer 5 km nunha hora (non dabamos creto pero o feito de que fose todo baixada consolábanos moito). Para cumprir co tempo imposto tomamos un atallo pouco frecuentado (cheo de toxos e silvas!). Medios mortos (Lamas acúdenos!) chegamos ao coche de liña. HORROR!!! Faltábanos un sacho!!! (adiviñades de quen era a culpa?) Desta volta, na viaxe palpábase o cansazo. Só había mostra de interese nos aloumiños que algúns estudantes se intercambiaban.
Cando chegamos o instituto disolvémonos con discreción.

Raquel Vázquez Blanco e Elisabeth Lamas Rivero 1º Bach. B

miércoles, 8 de abril de 2009

RECREACIÓNS SOBRE POETÍZATE


Recreacións do alumnado sobre poemas do libro de fran Alonso Poetízate

Florecer no monte

Medran as flores sobre o campo
descansan os paxaros no niño
vexo os homes traballando a carón do río.

Se me fixo no horizonte
útiles durante moito tempo
vexo ermos os terreos dos nosos vellos.

Jose Fernández Villar (sobre “Anoitecer na terraza”, de Xavier Seoane)


A larapeteira

A muller por curiosidade quer *larapetar,
pensou Xan hai moito tempo.
A súa tía quixo larapetar de todos,
quixo larapetar do cura,
quixo larapetar da veciña,
quixo larapetar do alcalde,
quixo larapetar da peixeira.
Cala! –respondeulle o sobriño
que a escoitaba sentado-
a que quere larapetar, *arrostra.

*Larapeteira: que fala máis do conveniente da vida privada dos outros.
*Arrostrar: facerlle fronte a unha dificultade.

Carlos Rodríguez (sobre “O preguntón”, de Celso Emilio Ferreiro)



Prohíbese, por orde da Alcaldía,
que medren porque si
as rosas do xardín municipal.
Dende agora as pombas teñen
que pedir licencia pra voar.
Prohíbese á Lúa
andar ceiba de noite polo ceo.
A lúa é unha tola que anda espida
dando mal exemplo ás nenas castas
i ós fillos de familia.
Pagarán trabuco os...

Resultado

Prohíbese, por mandato do pobo,
que agromen porque si
os corruptos no goberno universal.
Dende xa os chantaxistas teñen
que solicitar permiso para falar.
Prohíbese a Marte
influenciar imperiosos na noite dende o ceo.
Marte é un manipulador que anda ceibe
sendo mala compañía dos traballadores actuais
e das xentes con poder.
Pagarán imposto os estafadores.
Prohíbese mentir de sol a sol.
Prohíbese cuspir (falsos) perdóns.
Pódese mercar tan só cando é época
para que non fiquen
baldeiras as despensas.
Un só debe aforrar
os comentarios e observacións
cando se asoballa
a liberdade das persoas do universo.
Están fóra da lei
os “buracos negros”, o “Inverno”,
os “toxos” e os “voitres”.
Transcríbese este bando en tal e cal
para que se consiga (algún día)
por orde/ necesidade do pobo.
Firmado e “finiquitado”.

Esther Álvarez (sobre “Bando”, de Manuel María)

Por esforzo

Por esforzo teño os pés na terra.
Por esforzo cheguei onde cheguei.
por esforzo son como son,
por esforzo.

Por esforzo dóenme os cadrís
e estóupame o corazón.
Por esforzo dóeme todo.
Por esforzo, só por esforzo.

Ana Barxa (sobre “Por amor”, de Darío Xohán Cabana)


Amor con coitelo:
submisión
Pecado con razón:
lamento
Cea con pan:
ameaza
Verán con chuvia:
desterro
Conversa con ledicia:
unha malleira
Vestido con sangue:
a derradeira
Ti con el
fin.

Raquel Trigo (sobre “Voz sen verbas”, de Antonio García Teijeiro)

Gústame o teu sabor doce e fresco na miña lingua!
Gústame o teu corpo, esa calidez que apreixo!
Gústame a miña ledicia proxectada no teu sorriso!
Gústame o teu silencio nos meus beizos.

Raquel Vázquez ( sobre “¿Será o teu corpo...?, de Alfonso Pexegueiro)

Para que queredes un porco durmido
para que queredes que baile con el,
abrídeo e comédelle a cachucha.

Alba Núñez (sobre “Para que queredes un poeta vivo”, de Alfonso Pexegueiro)


Para que queredes un burro bo
se non tedes que traballar con el;
vendédeo e gañádelle uns cartiños.

Juan José Nieto

Isto dixo no outono
a miña derradeira folla:
quen me dera ser perenne
para seguir colgada sempre.

Laura García (sobre “Esta será na morte”, de Lupe Gómez)

O que vivo é a vida
a marabillosa ilusión da vida
o pensamento marabilloso de vivir
as forzas coas que vivo.
Vivo a miña experiencia de vivir.
Vívome.

Victoria Ábalos (Sobre “Metáfora da metáfora”, de Mª Xosé Queizán)

Mañá non haberá silencio
entre as nosas palabras.

Mañá non teremos medo
nin soidade
só luz.

Mayte López Atanes (sobre Xénese )


Quixera esquecer
o teu nome
na vella noite
dun conto de fadas.

Ruth Lorenzo (sobre Campanas)


Dixo: cheguei
e despois das súas pisadas,
pegado ó chan,
empezou un ruído
que ía formándose como un motor.

Elena Rodríguez (sobre Dixo: Voume)

domingo, 5 de abril de 2009

EXCURSIÓN A MADRID




A mañá do día 12 de Marzo algúns alumnos e alumnas de 2º de bacharelato partimos cara a Madrid. A viaxe fíxose algo longa pero tras unha parada para comer, chegamos ao noso destino. A 1ª visita foi ó museo Reina Sofía, alí vimos o Guernica de Picasso e quedamos sorprendidos pola súa magnitude. Despois fomos camiñando ata a Praza Maior, e fomos vendo o Congreso, a Porta do Sol e a Gran Vía. Para cear dividímonos en grupos, algúns fomos en metro e vimos outros edificios emblemáticos pola nosa conta, como por exemplo, a Casa das Moedas, a Torre de España e RTVE. Logo reunímonos en Atocha sobre as 23:30 e fomos para o hotel que estaba nas aforas de Madrid. Foi unha "noite intensa", durmimos pouco pero ás 8:00 xa estabamos na cafetería do hotel para almorzar. Ese día fomos ver as Torres de Europa que se atopan no Paseo da Castellana e fomos en metro ata o Museo de América onde contemplamos parte da cultura indíxena. Fomos comer en grupos, algúns aproveitamos para visitar o interior do estadio Santiago Bernabeu, a verdade é que nos impresionou a súa dimensión, vimos os vestiarios, as butacas, a sala de prensa, os banos dos xogadores, o campo…Outros quedaron pola zona do Prado e tiveron a oportunidade de ver o exterior do Museo Thyssen e de "cruzarse" co rei e coa raíña de España que estaban a recibir á presidenta de Alemaña Anxela Merkel. Sobre as catro da tarde visitamos o Museo do Prado e ao saír paseamos polo Parque do Retiro. Aí volvemos separarnos para cear e visitar a cidade e de novo encontrámonos en Atocha para ir ao hotel a “durmir“. O día seguinte xa era o momento de voltar pero pola mañá aínda fomos ver O Escorial e logo collemos o autobús para ir a Segovia, onde vimos o acueducto e logo separámonos para comer; ao rematar fomos ver a catedral e, a continuación, o exterior do Alcázar. Á media tarde collemos o bus para volver ao noso lar, chegamos sobre as doce da noite.


Foi unha viaxe de tres días que se fixo aínda máis curta do que era, pasámolo moi ben e aproveitamos moito o tempo. Ademais de gozar da compañía dos nosos compañeiros cos que compartimos as aulas, aprendemos moitas cousas tanto cultural como persoalmente. Vimos como se vive nunha gran cidade e aprendemos a desenvolvernos nela. Como di o noso profesor Sindo, foi como un pinchiño, e con estas viaxes aumenta o noso interese aventureiro.
Estarán todos de acordo con que este tipo de excursións do instituto non se esquecen. Recomendámosvos que cando cheguedes a 2º de bacharelato non a perdades!!

Alba Morán e Sonia Míguez

sábado, 4 de abril de 2009

SAÍDA DENDE COVAS A FONTEARCADA


O luns 16 de marzo, dentro da semana na que se conmemora o día da árbore (21 de marzo), saímos facer unha andaina dentro do Concello de Os Blancos. Achegámonos ata a aldea de Covas alumnado de 3º div, 4º div e 1º de Bacharelato acompañados polos profesores e profesoras do departamento didáctico de Bioloxía e Xeoloxía. Dende este punto emprendemos un percorrido que nos ía a levar ata Fontearcada guiados por Santos, axente forestal e educador ambiental, a través dun dos roteiros que se están a sinalizar dentro da comarca cos postes indicadores de mediano percorrido e paneis informativos acerca da paisaxe, elementos etnográficos, vexetación e estruturas xeolóxicas máis salientables da zona, co obxectivo de pór en valor os recursos ambientais e patrimoniais do lugar.
Santos ía marcando as paradas para ensinarnos e dar explicacións de todo aquilo que atopabamos no camiño. A vexetación arbórea dominante é a de piñeiro silvestre, de repoboacións realizadas hai máis de 30 anos, que amosan xa un aspecto bastante naturalizado e que non impediron a rexeneración natural de árbores autóctonas; hai tamén bosquetes de cerquiños, a formación natural, que rebrota para recuperar o seu territorio, polo que atopamos árbores dunha idade semellante ás que se empregaron para as repoboacións. Esta zona é cabeceira do río Eiroá, despois Nocelo, o único curso de auga na Limia que mantén certo caudal ao longo do ano, froito do labor que realizan os bosques, cuxo chan é como unha esponxa que se empapa das augas das chuvias do inverno, e vainas soltando pouco a pouco a través do subsolo, mantendo fontes e regatos, e non como nas zonas deforestadas que a auga de chuvia escapa cando chove e os solos quedan secos rapidamente. Nós tamén deixamos a nosa pegada plantando sete freixos, un número másico segundo nos conta o noso guía. Mais non todo é correcto, e de seguido atopámonos cunha pista forestal asfaltada había pouco, para que?, se xa hai unha estrada que comunica as aldeas!
Un dos elementos etnográficos máis salientables do percorrido e o “Foxo dos lobos” que hai preto do pico do Cebreiro. Remontámonos case á Idade Media, éooca en que os habitantes da bisbarra acostumaban a facer batidas coa intención de cazar os lobos que atacaban ao seu gando. Estes eran cercados aproveitando as características orográficas, facendo unha especie de funil que remataba nun foxo onde caían os lobos e onde os veciños os mataban. Desta práctica ancestral, non exenta de barbarie, hoxe nos quedan lendas, contos e restos das construcións que se empregaban, podendo ser utilizado como recurso turístico para atraer a xente de fóra como realizan noutros lugares do estado, aproveitando o reclamo do lobo.
Máis tarde fomos ata a Fonte da Cunca, unha das sete fontes do lugar, onde puidemos beber, refrescarnos e coller folgos. Dende calquera punto do percorrido puidemos observar a abundancia de penedos que caracterizan o relevo dos nosos montes; entre eles destaca, pola súa beleza, o Penedo da Raíña Loba, rocha mítica ateigada de lendas que explican as formacións xeolóxicas, como a cunca onde a Raíña utilizaba a súa auga para peitearse.
A derradeira parada foi nunha charca onde vivían varias especies de anfibios: píntegas, tritóns e moitos cágados de ras e sapos. Estes lugares teñen unha importancia capital para facilitar as postas destes animais que están en continua regresión e dos que cada vez quedan menos exemplares.
Foi unha xornada preto da natureza, onde gozamos e aprendemos moitas cousas, como a necesidade, non só de repoboar os montes, senón de facelo de xeito adecuado, respectando as pautas que marca a propia natureza, e non guiándonos só polos intereses económicos a curto prazo, por que .... de que nos serve un planeta forrado de formigón?

Verónica, Maimuna, David, José Luis, Óscar, Jonathan, Daniel, Manuel e José Manuel

Inmigración 2

Inmigración 2
Dende Alemaña

Inmigración 1

Inmigración 1
Dende alemaña

no limite 1

no limite 1
Lodoselo