martes, 11 de noviembre de 2008

MULLERES NA HISTORIA DA CIENCIA, por Esther Álvarez

MULLERES NA HISTORIA DA CIENCIA
por Esther Álvarez, de 1º B-BAC

(extracto do artigo que podedes ver en power point na sección de ciencias da páxina web)



Que papel se lle concedeu ás mulleres ó longo da Historia da Ciencia?
As mulleres non eran consideradas científicas ou investigadoras ó “non ser aptas” para estes traballos.
Dende a infancia transmitíanselles valores sexistas segundo os cales tiñan que ser boas esposas e as encargadas dos labores domésticos e da crianza dos nenos.
As poucas mulleres que tiñan acceso á educación básica, non eran animadas a que continuasen con estudos superiores. Iso era “cousa de homes”.
Só eran preparadas para cociñar, coser… todo relacionado coa creación dunha familia (nunca coa investigación).
Se a pesar de todo isto algunha muller destacaba no ámbito científico ou intelectual, o seu traballo non era recoñecido e algún home (marido, pai , irmán…) quedábase co éxito.
A ciencia foi ata fai relativamente pouco moi machista.


Por que foron menosprezadas durante toda a historia (da ciencia)?

A ciencia que actualmente coñecemos deriva da filosofía da antiga Grecia. As ansias de coñecemento levaron ós gregos a buscar respostas baseadas na lóxica sobre os fenómenos que os rodeaban, converténdose así na primeira civilización que intentou dar respostas satisfactorias a tódolos sucesos sen recorrer á relixión, mitos…
A pesar do desenvolvida que resultou ser esta sociedade no aspecto da investigación, tratábase dunha civilización verdadeiramente misóxina. A muller, considerada un ser sen ningún dereito, só se dedicaba ás tarefas do fogar e o esposo queríaa unicamente para ter descendencia que perpetuase o nome familiar. As casas das familias máis poderosas contaban cunha zona onde a muller estaba recluída cos rapaces e onde levaba a cabo os seus labores. O marido nunca acudía a esta zona, coñecida como xineceo, agás que quixese manter relacións coa súa esposa (caso que só se producía cando andaba na procura dun fillo; se non recorría a unha hetera).
Polo tanto, debido a arraigada sociedade patriarcal, as mulleres non foron partícipes das orixes da ciencia e como a súa situación non mellorou de maneira significativa ó longo da historia, o machismo e tódolos prexuízos en contra delas (alegando unha suposta inferioridade) impediron a participación feminina na ciencia.

Opinións “destacadas” sobre as mulleres e a ciencia…

Privadas da participación na ciencia dende que esta se orixinara, a integración das mulleres nesta área veuse dificultada polos comentarios e accións discriminatorias levadas a cabo tamén por homes destacados das distintas épocas:
— Opinión clerical (s. XVI) baseada en supostos médico-ideolóxicos de Aristóteles, Hipócrates ou Galeno: ensinar á muller engade maldade “á malicia natural que elas teñen, ameaza a orde establecida no fogar e produce lasitude nas tarefas domésticas e discordia no matrimonio”.
— Fray Luis de León (Renacemento): “así como a boa e honesta natureza non a fixo para o estudo das ciencias nin para os negocios de dificultades, senón para un solo oficio sinxelo e doméstico, así as limitou o entender e, por conseguinte, taxoulle as palabras e razóns”.
— Duarte de San Juan (intenta dar unha explicación científica sobre a incapacidade intelectual da muller): “as mulleres son frías e húmidas e os homes secos e quentes; a humidade e o frío botan a perder a parte racional mentres que a calor e a sequidade auméntana e perfecciónana.

[...]

Todo isto correspóndese coa realidade?

Realmente as mulleres non serviron nin serven para a ciencia? Realmente as mulleres non participaron nos avances científicos dos que hoxe todos gozamos, debido á sociedade sexista do momento?

Afortunadamente non todos pensaban igual…
“A mente, o intelecto non ten sexo. Os recentes desenrolos da anatomía mostran a igualdade entre homes e mulleres con respecto ó cerebro e ós órganos sensoriais”.
En 1673 o cartesiano François Poullain de la Barre afirmou o anterior, intentando así finalizar a polémica sobre a suposta “incapacidade intelectual” das mulleres. Poucos o apoiaron pero, tal e como demostra a historia, estaban errados. Aínda que comparada coa dos homes a súa participación é minúscula, as mulleres aportaron (e seguirán a aportar) valiosos descubrimentos e demais información. Velaquí un breve resumo da participación ó longo da historia da muller na ciencia.

[...]

Coa chegada do século XX, as mulleres somerxénse definitivamente no mundo científico e na investigación. A pesar de que teñen que lidar con todo tipo de obstáculos e prexuízos, o seu traballo é recoñecido e valorado. Grazas a elas, a ciencia non parou de desenvolverse en todo o século XX (e non parará no s. XXI) polo que varias delas foron galardoadas con premios Nobel. Por fin ser muller científica deixa de ser “caso de estudo”.
Neste repaso histórico puidemos ver o nome de varias científicas (e aínda faltan moitos nomes) que se gañaron a pulso os dereitos, premios e recoñecementos que durante tanto tempo lles foron negados. Resulta imposible resaltar a traxectoria de todas polo que só faremos fincapé nalgunha delas:

→ Gañadoras do premio Nobel:
• Marie Slowska Curie: gañadora do Nobel de física en 1903 xunto co seu marido Pierre Curie (converténdose así na primeira muller a que lle foi outorgado un premio Nobel) polo seu traballo sobre as radiacións, e do Nobel de química en 1911. Esta científica polaca converteuse na máis coñecida por todos.
• Maria Goeppert Mayer:foi galardoada co Nobel de física (co-recibido con J. Hans e D. Jensen) en 1963.
• Irene Joliot Curie:(co-recibido con Frederic Joliot) gañadora do Nobel de química en 1935 pola súa contribución á investigación nuclear.
• Dorothy Crowfoot Hodgkin: Nobel de química en 1964 polos seus avances na cura da anemia perniciosa.
• Gery Radnitz Cori: co-recibiu o Nobel en fisioloxía e medicina con Carl Ferdinan Cori en 1947.
• Barbara McClintok: premio Nobel en fisioloxía e medicina en1983.
• Rita Levi-Montalcini: premio Nobel en medicina e fisioloxía en 1986 xunto con Stanley Cohen.
• Gertrude Elion: compartiu o seu Nobel (fisioloxía e medicina; 1988) con Sir James W. Black e George H. Hitchings.
• Christiane Nusslein-Volhard: galardoada co Nobel de fisioloxía e medicina en 1995, compartiu o premio con E. B.
Lewis e Eric F. Wieschaus.

Conclusións

Tras analizar a discriminación padecida polas mulleres no campo científico ó longo de toda a historia, podemos asegurar que a súa situación mellorou considerablemente. Por fin os dereitos e deberes masculinos e femininos son os mesmos (e non só en ciencia senón en tódalas áreas da vida) e o labor de investigación é recoñecido independentemente do sexo do seu descubridor. A pesar disto aínda perviven certos prexuízos en contra das mulleres que se manifestan de xeito sutil como o acceso a postos de menor índole científica como pode ser a clasificación e catalogación en historia natural ou o cómputo en astronomía, activades xa consideradas femininas, menos valorizadas e rutinarias.
Nalgúns casos algunhas mulleres brillantes quedan relegadas a postos de nivel inferior ó seu intelecto.
Os seguintes datos son moi significativos con respecto á posición da muller no mundo académico actual:
˜ O 53 % do alumnado universitario correspóndese con mulleres.
˜ Enxeñería e arquitectura técnica, enxeñería e arquitectura e en xeral tódalas enxeñerías son ás áreas con menor presenza feminina cun 25’2 %, 29’1 % e cun 26’8 % respectivamente.
˜ Só o 34 % do profesorado universitario é feminino.

Sabendo que nos últimos anos estas cifras non pararon de aumentar podemos extraer unha sinxela conclusión:
Sen dúbida a situación da muller ten mellorado moito ó longo da historia. O labor levado a cabo polas primeiras científicas foi esencial para acadar a situación actual. Grazas a súa valentía hoxe en día só nos quedan pousos da discriminación que elas padeceron. Hai que seguir traballando para derrubar os derradeiros atrancos e poder vivir así nunha sociedade igualitaria para homes e mulleres.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Un traballo brillante, si señora!!

Inmigración 2

Inmigración 2
Dende Alemaña

Inmigración 1

Inmigración 1
Dende alemaña

no limite 1

no limite 1
Lodoselo