lunes, 24 de noviembre de 2008



:05 am

Pasan as horas e sigo en pé

Atónita

Ollando para o teito

Inmóvil

O puñal profundizou máis desta vez

Cada patada

Cada insulto

Cada bágoa que non derramei

Agroman agora na ira que me envolve

Non penso

Son incapaz de pensar

Só sinto

Rabia e rencor

Ganas de cuspirche na cara

De regalarche mil espiñas das rosas que non recibín

Quizáis outra as recibiu por min

Eu só fun o saco de boxeo

A puta que en vez de cobrar che pagou con amor

As costelas rotas crávanse agora

Cústame respirar

Tremo

E preciso berrar

Bater nas paredes

Romperche as narices por tódalas veces que calei

E volvo calar

Calarei sempre

Porque os nenos precisan durmir

Porque son unha señora por moito que ti te empeñes en negalo

4:21

Os párpados comezan a pesarmeUn mar morado recorreme medio rostro

Caio rendida

Esperando como cada noite a que ti nunca volvas…



Ana Parada

miércoles, 19 de noviembre de 2008

MAGOSTO EN LODOSELO, por Uxía Nogueira


Lodoselo 2008

IES Lagoa de Antela, un corredor das aulas de 3º:
_Estamos no mesmo grupo
_Grupo de que?!
_Grupo de traballo na proba de orientación. Xa verás que xogo nos preparou Tomás.
_Por certo, ti sabes chegar a Lodoselo?
_Esa é a primeira proba, chegar ao CDR O Viso.

Esta conversa sería imposible neses mega-centros das cidades, neses cemiterios de elefantes aos que a maioría do profesorado aspira pertencer algún día. E sería imposible porque aí non haberá un Tomás disposto a "currarse" un magosto coma este. Porque a relación entre unha profesora de inglés e unha de galego non será tan cordial. Porque a metade da xente non coñece a outra metade.
Porque non existe un Lodoselo para gozar.
Tocou madrugar, a algúns máis ca outros. En Ourense facía un frío do demo e a néboa ameazaba con estragarnos o día. Pero o experto copiloto xa dicía que alá no alto non habería néboa, que iamos ter un día estupendo (e acertou mellor ca Pemán).
O mapa e Tomás falaban de pistas de concentración, asfaltadas, así que cando chegamos a onde o asfalto se acabou, onde o GPS non indicaba nada, onde cada viaxeiro tiña unha opinión diferente, houbo que botar man do sentido común. Os dous vellos que parecían non fiarse moito dunha muller ao volante tamén axudaron. Aparcamos diante do CDR O Viso: caras coñecidas, compañeiros de traballo durante a semana, pero agora con roupa de camiñata e fillos. Algún descoñecido tamén, pero só por uns minutos.
Entramos no cuberto, o lume dentro daquel forno circular tróuxeme á memoria a miña tía Albina, nacida no 1894, muller solteira que "quedou na casa" e tivo que quentar moitos fornos para facer pan para a familia de súa irmá; tivo que apañar moitos toxos vellos para facer o mellor lume para cocer, e alegroulles o día máis dunha vez aos sobriños dándolles as "bolas da porta aberta", o inchón que nos deron a probar a media mañá, cando a fame xa nos acompañaba na excursión dominical. Os pequenos pasárono estupendamente facendo o seu boliño de pan, e Ivón e Lucía parecían dúas auténticas muilleiras coa cara branca. Seguro que os seus pais lles contaran o conto do lobo e os cabritiños.
Nos xogos populares comezou a rivalidade, e as chaquetas foron quedando nos bancos.
A comida deu para moito, ata para que chegasen os que antes foran facer ciclismo pola cidade.
Pero o mellor veu pola tarde, o xogo de orientación. Se fora capaz de chegar a Lodoselo non ía quedar atrás por culpa dun compás que nin sabía como se collía. Menos mal que a miña colega de xogo preguntou se había que mirar a agulla a onde apuntaba a parte encarnada ou a negra. A maioría das árbores estaban dominadas, carballos do país e americanos, cerquiños, abeleiras, castiñeiros, bidueiros, acivros, sanguiños... E ata unha especie que seguro que descubrimos nós: o Abetus Caducus (é que a maioría das árbores aparecían identificadas pola folla no noso caderno de campo, pero esta non. Sabiamos que era un abeto e de folla caduca, por que non ía ser ese o nome científico?). Ademais de admirar a capacidade de traballo do compañeiro que preparou todo, descubrimos árbores e plantas que non coñeciamos, cogomelos e bolboretas que, aínda sen invitación, quixeron acompañarnos na excursión, o inchón, o santo "San Guan" (para que saia bo pan) e a marabillosa labor de todos os que forman parte do CDR O Viso.

domingo, 16 de noviembre de 2008

ROSQUILLAS DE CABACIÑA



Ingredientes.
4 ovos
reladura da pel de 2 limóns
1 e ½ l. de aceite
1 quilo de fariña
1 cullerada de bicarbonato
2 culleradas de anís en gran
Azucre para rebozar
Puré de cabaciña (50ª gr.) e castaña (50 gr.)

Quéntase nunha tixola fonda o aceite e bótaselle, cando comece a fumegar, unha corteza de limón ata que se doure. Nun coador pór 2 culleradas de anises en gran e pasalos polo mesmo aceite. Bater os 4 ovos ata que queden cremosos. Engadir pouco a pouco ¼ de azucre, a reladura de limón, o puré de cabaciña, os anises fritos e 4 medios cascaróns de aceite reservado. Engadir pouco a pouco a fariña, mesturando ben, logo o bicarbonato. Mesturar todo ben. Unha vez conseguida a pasta, esparexer con fariña a mesa e traballar a masa. Deixala repousar e despois pór o aceite ao lume. Coller anacos de masa e darlles forma de rosquillas. Cando o aceite estea quente ir botando de unha en unha as rosquillas, facéndolles antes uns cortes transversais cun coitelo. Fritir ben sen queimalas. Deixalas escorrer un pouco ao sacalas. Bañalas en azucre e depositalas nunha bandexa para que enfríen. Listas!

martes, 11 de noviembre de 2008

RECEITAS DA ÉPOCA


COGOMELOS


Ingredientes:
1 ¼ de quilos de carne de vaca nun só anaco
250 gramos de cogomelos
100 gramos de manteiga
2 cebolas
3 cenorias
5 gramos de fariña
1 vaso de caldo
1 vaso de viño branco
1 limón (zume)
Sal e pementa


Preparación:
Sazonar a carne con pementa e rebozala na fariña.
Picar en anacos os cogomelos, as cenorias e as cebolas.
Untar a carne coa manteiga e, cando estea dourada, botarlle os cogomelos, as cenorias e a cebola.
Deixar que coza ata que estea branda a cebola, botarlle o viño, o caldo e o zume de limón. Sacala e deixar que siga cocendo a pouco lume ata que estea tenra. Sérvese cortada en talladas e con prebe por riba. Pódese pasar polo batedor se se quere.



BOLOS DE MILLO

Ingredientes:
800 gramos de fariña de millo
400 gramos de azucre
250 gramos de manteiga
10 ovos
1 limón (en zume)
1 cullerada e media de canela


Preparación:
Bátense os ovos e mestúranse coa manteiga, o limón, a canela e o azucre.
Logo bótaselle, pouco a pouco, a fariña ata formar unha masa que se separa en varios anacos e faise con cada un deles un bolo. Colócase por riba da bandexa do forno untada de manteiga e métese ao forno non moito, ata que estean ben dourados.


Utilidades: serve para a dor de ril
Cóllense os pelos do millo, un puñado aproximadamente. Ponse unha pota con auga a ferver e bótanselle os pelos do millo. Cando estean fervidos, cóase e bótaselle 1 cullerada de azucre e bébese. Para que o remedio funcione hai

MULLERES NA HISTORIA DA CIENCIA, por Esther Álvarez

MULLERES NA HISTORIA DA CIENCIA
por Esther Álvarez, de 1º B-BAC

(extracto do artigo que podedes ver en power point na sección de ciencias da páxina web)



Que papel se lle concedeu ás mulleres ó longo da Historia da Ciencia?
As mulleres non eran consideradas científicas ou investigadoras ó “non ser aptas” para estes traballos.
Dende a infancia transmitíanselles valores sexistas segundo os cales tiñan que ser boas esposas e as encargadas dos labores domésticos e da crianza dos nenos.
As poucas mulleres que tiñan acceso á educación básica, non eran animadas a que continuasen con estudos superiores. Iso era “cousa de homes”.
Só eran preparadas para cociñar, coser… todo relacionado coa creación dunha familia (nunca coa investigación).
Se a pesar de todo isto algunha muller destacaba no ámbito científico ou intelectual, o seu traballo non era recoñecido e algún home (marido, pai , irmán…) quedábase co éxito.
A ciencia foi ata fai relativamente pouco moi machista.


Por que foron menosprezadas durante toda a historia (da ciencia)?

A ciencia que actualmente coñecemos deriva da filosofía da antiga Grecia. As ansias de coñecemento levaron ós gregos a buscar respostas baseadas na lóxica sobre os fenómenos que os rodeaban, converténdose así na primeira civilización que intentou dar respostas satisfactorias a tódolos sucesos sen recorrer á relixión, mitos…
A pesar do desenvolvida que resultou ser esta sociedade no aspecto da investigación, tratábase dunha civilización verdadeiramente misóxina. A muller, considerada un ser sen ningún dereito, só se dedicaba ás tarefas do fogar e o esposo queríaa unicamente para ter descendencia que perpetuase o nome familiar. As casas das familias máis poderosas contaban cunha zona onde a muller estaba recluída cos rapaces e onde levaba a cabo os seus labores. O marido nunca acudía a esta zona, coñecida como xineceo, agás que quixese manter relacións coa súa esposa (caso que só se producía cando andaba na procura dun fillo; se non recorría a unha hetera).
Polo tanto, debido a arraigada sociedade patriarcal, as mulleres non foron partícipes das orixes da ciencia e como a súa situación non mellorou de maneira significativa ó longo da historia, o machismo e tódolos prexuízos en contra delas (alegando unha suposta inferioridade) impediron a participación feminina na ciencia.

Opinións “destacadas” sobre as mulleres e a ciencia…

Privadas da participación na ciencia dende que esta se orixinara, a integración das mulleres nesta área veuse dificultada polos comentarios e accións discriminatorias levadas a cabo tamén por homes destacados das distintas épocas:
— Opinión clerical (s. XVI) baseada en supostos médico-ideolóxicos de Aristóteles, Hipócrates ou Galeno: ensinar á muller engade maldade “á malicia natural que elas teñen, ameaza a orde establecida no fogar e produce lasitude nas tarefas domésticas e discordia no matrimonio”.
— Fray Luis de León (Renacemento): “así como a boa e honesta natureza non a fixo para o estudo das ciencias nin para os negocios de dificultades, senón para un solo oficio sinxelo e doméstico, así as limitou o entender e, por conseguinte, taxoulle as palabras e razóns”.
— Duarte de San Juan (intenta dar unha explicación científica sobre a incapacidade intelectual da muller): “as mulleres son frías e húmidas e os homes secos e quentes; a humidade e o frío botan a perder a parte racional mentres que a calor e a sequidade auméntana e perfecciónana.

[...]

Todo isto correspóndese coa realidade?

Realmente as mulleres non serviron nin serven para a ciencia? Realmente as mulleres non participaron nos avances científicos dos que hoxe todos gozamos, debido á sociedade sexista do momento?

Afortunadamente non todos pensaban igual…
“A mente, o intelecto non ten sexo. Os recentes desenrolos da anatomía mostran a igualdade entre homes e mulleres con respecto ó cerebro e ós órganos sensoriais”.
En 1673 o cartesiano François Poullain de la Barre afirmou o anterior, intentando así finalizar a polémica sobre a suposta “incapacidade intelectual” das mulleres. Poucos o apoiaron pero, tal e como demostra a historia, estaban errados. Aínda que comparada coa dos homes a súa participación é minúscula, as mulleres aportaron (e seguirán a aportar) valiosos descubrimentos e demais información. Velaquí un breve resumo da participación ó longo da historia da muller na ciencia.

[...]

Coa chegada do século XX, as mulleres somerxénse definitivamente no mundo científico e na investigación. A pesar de que teñen que lidar con todo tipo de obstáculos e prexuízos, o seu traballo é recoñecido e valorado. Grazas a elas, a ciencia non parou de desenvolverse en todo o século XX (e non parará no s. XXI) polo que varias delas foron galardoadas con premios Nobel. Por fin ser muller científica deixa de ser “caso de estudo”.
Neste repaso histórico puidemos ver o nome de varias científicas (e aínda faltan moitos nomes) que se gañaron a pulso os dereitos, premios e recoñecementos que durante tanto tempo lles foron negados. Resulta imposible resaltar a traxectoria de todas polo que só faremos fincapé nalgunha delas:

→ Gañadoras do premio Nobel:
• Marie Slowska Curie: gañadora do Nobel de física en 1903 xunto co seu marido Pierre Curie (converténdose así na primeira muller a que lle foi outorgado un premio Nobel) polo seu traballo sobre as radiacións, e do Nobel de química en 1911. Esta científica polaca converteuse na máis coñecida por todos.
• Maria Goeppert Mayer:foi galardoada co Nobel de física (co-recibido con J. Hans e D. Jensen) en 1963.
• Irene Joliot Curie:(co-recibido con Frederic Joliot) gañadora do Nobel de química en 1935 pola súa contribución á investigación nuclear.
• Dorothy Crowfoot Hodgkin: Nobel de química en 1964 polos seus avances na cura da anemia perniciosa.
• Gery Radnitz Cori: co-recibiu o Nobel en fisioloxía e medicina con Carl Ferdinan Cori en 1947.
• Barbara McClintok: premio Nobel en fisioloxía e medicina en1983.
• Rita Levi-Montalcini: premio Nobel en medicina e fisioloxía en 1986 xunto con Stanley Cohen.
• Gertrude Elion: compartiu o seu Nobel (fisioloxía e medicina; 1988) con Sir James W. Black e George H. Hitchings.
• Christiane Nusslein-Volhard: galardoada co Nobel de fisioloxía e medicina en 1995, compartiu o premio con E. B.
Lewis e Eric F. Wieschaus.

Conclusións

Tras analizar a discriminación padecida polas mulleres no campo científico ó longo de toda a historia, podemos asegurar que a súa situación mellorou considerablemente. Por fin os dereitos e deberes masculinos e femininos son os mesmos (e non só en ciencia senón en tódalas áreas da vida) e o labor de investigación é recoñecido independentemente do sexo do seu descubridor. A pesar disto aínda perviven certos prexuízos en contra das mulleres que se manifestan de xeito sutil como o acceso a postos de menor índole científica como pode ser a clasificación e catalogación en historia natural ou o cómputo en astronomía, activades xa consideradas femininas, menos valorizadas e rutinarias.
Nalgúns casos algunhas mulleres brillantes quedan relegadas a postos de nivel inferior ó seu intelecto.
Os seguintes datos son moi significativos con respecto á posición da muller no mundo académico actual:
˜ O 53 % do alumnado universitario correspóndese con mulleres.
˜ Enxeñería e arquitectura técnica, enxeñería e arquitectura e en xeral tódalas enxeñerías son ás áreas con menor presenza feminina cun 25’2 %, 29’1 % e cun 26’8 % respectivamente.
˜ Só o 34 % do profesorado universitario é feminino.

Sabendo que nos últimos anos estas cifras non pararon de aumentar podemos extraer unha sinxela conclusión:
Sen dúbida a situación da muller ten mellorado moito ó longo da historia. O labor levado a cabo polas primeiras científicas foi esencial para acadar a situación actual. Grazas a súa valentía hoxe en día só nos quedan pousos da discriminación que elas padeceron. Hai que seguir traballando para derrubar os derradeiros atrancos e poder vivir así nunha sociedade igualitaria para homes e mulleres.

jueves, 6 de noviembre de 2008

Relato sobre a inmigración baseado en feitos reais


UNHA VIDA, UNHA HISTORIA
No momento en que a miña profesora de galego me dixo que había un concurso de relatos en Xinzo xa me ilusionei, pero esta ilusión foi maior cando me desvelou a temática : A INMIGRACIÓN . E digo que esta ledicia foi maior porque souben que por fin podía contarlle ao mundo a historia de Carmen.
Carmen é unha xoven anónima que pode haber camiñado o noso carón polas ruas sen levantar sospeitas da súa historia. Veu de Arxentina, concretamente dun barrio da capital de Bos Aires chea de valentía, decisión e esperanza, para cumprir o gran soño europeo, o de conseguir entrar en España como unha “Inmigrante sen papeis”.
Preguntarédesvos cal é o motivo de ter que abandoar o nío no que naceu , a súa terra natal, a súa familia , os seus amigos ; pois como en case tódolos casos a razón é o mal momento que atravesa o seu país ( político e económico) repercutindo sobre todo na clase obreira. O seu pai de profesión electricista apenas gaña para poder sobrevivir facendo pequenos apaños que lle van encargando, pois a situación non está para moitos despilfarros ,e a súa nai enferma dende hai xa algún tempo, sofre un desgaste de cadeira precisando que lle implanten unha prótesis, pero isto non é posible se non é grazas a un seguro privado, pois a Seguridade Social non cubre este tipo de intervención ; é esta polo tanto a verdadeira razón de que Carmen viñese ó noso país na procura de traballo .
O único motivo polo que cada día se levanta é a esperanza de gañar diñeiro para mandarllo a súa familia e así poder curar a súa nai. Sinxelamente e o desexo dunha boa filla na procura de axuda para a súa proxenitora.
Despois dunha longa viaxe na que invertiu todolos aforros que a súa familia tiña nese intre , chegou a Galiza. Unha vez aquí atopouse enganada por unha empresa que lle prometeu un contrato de traballo coa posterior entrega do certificado de residencia en España , desgraciadamente, e coma na gran maioría dos casos, isto non foi así .
Este desengano foi o primeiro de outros que tamén tivo que afrontar, coma o de traballar de camareira nun restaurante de prestixiosa reputación, onde lle aseguraban e perxuraban que tiña un seguro médico, máis cal e a súa sorpresa cando un día o atoparse mal (pedras na vesícula) enterase de que todo o que lle afirmaban era unha farsa, e ela non estaba dada de alta na seguridade social.
Xa empezaba a crer que a decisión de vir a España non fora a máis acertada , sentíase desilusionada , foi entón cando coñeceu a unha anciá que lle propuxo que se quedara na súa casa para coidala e axudala a cambio de comida, un teito onde dormir e un pequeno soldo. Ese tempiño Carmen viviu desafogada , estaba contenta, polo menos non sentía que estivese sendo explotada e ademáis era tratada con respeto ; pero esta situación non durou moito tempo , a velliña faleceu e Carmen atopouse novamente no mesmo punto de partida do principio.
Un día unha señora do noso pobo viuna sentada enriba dunha maleta e chorando na beirarrúa , Carmen non tiña adonde ir, atopabase soa , sen traballo e lonxe da sua familia e do seu fogar. Esta boa señora ( que en tempos atrás fora emigrante en Francia e sabía moi ben o mal que se pasa polo mundo ) axudouna no que pudo , deulle cobixo por unhas noites , comida, buscoulle un sitio onde poder vivir e o máis importante , eu penso , para un ser humán ; amor e cariño. Esta rapaza tan valente que se enfrentou a moitas adversidades estaba tan desamparada e falta de tenrura que era digna de compaixón.
Logo disto conseguiu encarrilar a súa vida , comezou a limpar casas no noso pobo e en poucos meses xa tiña moito que facer ,tódolos veciños queríamos botarlle unha man ,xa que entendemos que Carmen podíamos haber sido calquera un de nos se as circunstancias que nos rodeasen fosen as mesmas dela. Actualmente, despois de tres anos nos que non volveu ver a súa familia, xa logrou pagarlle a operación de cadeira a súa nai e esta a punto de conseguir o permiso de residencia .
Hoxe en día está inmensamente agradecida a tódos aqueles que lle tenderon unha man cando ela o necesitaba.
Poñámonos por un momento na pel de Carmen , o que ela tivo que sufrir,e a historia de moitas outras persoas que cada día se ven obrigadas pola necesidade de buscar un futuro mellor para eles e para os seus .
Non é unha historia espectacular, abraiante, de cine e simplemente a historia de Carmen que representa a de miles de persoas que hoxe viven no noso país por necesidade. Non deberíamos esquecernos de que non fai tantos anos atras eran as nosas xentes as que tiñan que abandoar os seus fogares e emigrar para poder conseguir un futuro mellor xa que aquí non o había , e por suposto non esquecernos de que grazas a ese esforzo feito por moita xente hoxe somos o que somos e estamos onde estamos.
Esta vén a ser a realidade do espíritu de supervivencia do ser humán que se repite o longo da historia; se temos en conta isto a inmigración non debe supor unha ameaza senón todo o contrario ven a ser unha ponte de axuda duns pobos a outros para poder conseguir solventar desigualdades.
Quixera rematar lanzando un chamamento que invite a reflexión a todalas persoas que pensen por un intre que Carmen podíamos haber sido calquera de nos. A veces a memoria fai estragos na xente e non deixa ver máis ala do que non desexamos ver. Pero ¿ Somos seres humáns ou en que nos estamos a converter ?
Adicado a ti
Baseado nun feito real
Feito por Héitor Colmenero Nogueiras
Ver unha foto relacionada un poco máis abaixo

Inmigración 2

Inmigración 2
Dende Alemaña

Inmigración 1

Inmigración 1
Dende alemaña

no limite 1

no limite 1
Lodoselo