jueves, 8 de enero de 2009

MÁIS TOPÓNIMOS



MOSTEIRO: (LATÍN MONASTERIU). Antigamente había un mosteiro no monte habitado por importantes nobres: a finais do século IX e comezos do X o matrimonio formado por Alfonso Romarígiz e Gutina, de nobre familia (sen dúbida señores do castelo que se erguía no vello Castro de Ribeira e donos das terras que o rodeaban) fundan un mosteiro nese lugar. din que as casas desta aldea están construídas con pedras deste mosteiro. Tamén se di que baixo este mosteiro había un tesouro. Informante: Berta Cerradelo Feijoo (84 anos)

QUEIRUGAS: (DO PRERROMÁNICO *KARIA -arbusto de madeira dura e raíces grosas, que serve para facer carbón). O nome vén dado pola abundancia desta planta nas inmediacións da aldea.

GODULFES: (XERMÁNICO POLA TERMINACIÓN –ULFE: LOBO). Era unha vila na que había moitos lobos, por iso lle puxeron así.

AS PEGAS: ( LATÍN PICA). Contan os máis anciáns do pobo que cando eles eran mozos escoitaron dende sempre ós seus avós dicir que o nome do aldea llo puxeran porque había moitas pegas.

AS CAVADAS: (LATÍN CAVARE). Cóntannos que antigamente esa zona estaba a “poula” e os veciños do pobo cavaron toda a zona e dividírona en eidos para o seu uso particular, de aí o nome de Cavadas.

VILARIÑO DAS POLDRAS: ( LATÍN VILLA + *PULLITRU/ PULLU). Din os vellos que lle chaman así porque había moitos cabalos. Hoxe en día celébrase unha romaría chamada San Mateo na cal no que hai un concurso onde se elixen os mellores cabalos.

CURRÁS: (LAT CURRALES E ESTE DO CÉLTICO “CORR” PEDRA?). Segundo Xosé Martínez (79 anos) nesa zona había moitos currais porque era lugar de venda de galiñas e ovos.

PONTE LIÑARES: (LATÍN PONTE). Construción que une dous lugares separados por un río.

MUÍÑO DE CURRÁS:( LATÍN MOLINU + CURRALES). Moíase o trigo grazas á forza da auga, agora sen uso.

REFOXO: (LATÍN FOVEA? -burato). Camiño fondo cavado no monte que conecta unha aldea con outra.

REGADIÑA: (LATÍN RIGARE). Antigamente pasaba por esta zona un regato.

CORNO DO MONTE: (LATÍN CORNU + MONTE). Forma que facía o monte onde estaban as parcelas.

ESPADANAL: (DE ESPADA: LATÍN ESPATHA). Alí criábase a espadana, que era un tipo de rama que medra na auga con forma de espada.

FORMIGUEIRO: (DE FORMIGA: LATÍN FORMICA). Presenza na zona dun formigueiro enorme que nunca desaparecía. Informante: Arsenia Blanco Rodríguez (71 anos) e José Ramos Gómez (78 anos)

PINGUELO: (LATÍN PENDICARE). Zona por onde en tempos discorría un regatiño que recibía o nome de Auga do Pinguelo.

LODOSELO: (LATÍN LUTU). Nesta aldea había moita lama.

BOULLOSA: (DO LATÍN “BULLA=BURBULLA”). Significa un terreo húmido, xa que se encontra no val dunha montaña, sendo un dos terreos máis húmidos da zona pola circulación dun río que desemboca no encoro de Tourém en Portugal.

MEDA: (DO LATÍN “META”). Significa amoreamento na eira cos monllos do cereal que despois se mallaban e despois coa palla ía ao palleiro e o gran á tulla.

MOREIRAS: (LATÍN MORU). Contan os anciáns do aldea que alí antes había moitas moreiras pero que agora non quedan tantas.

NIÑODAGUIA: (LATÍN NIDU+ AQUILA). Nesta zona había aguias que levaban as pitas. Agora xa non hai tantas pola colocación de muíños de vento na serra que destruíron o seu hábitat.

AIRA XIS: (LATÍN AREA). Nesa zona reuníae o pobo para facer o concello, na actualidade séguese este costume. O sitio era unha eira dun señor chamado Xis.

SANDIÁS: Chámase así porque din que antigamente habitaba no aldea pobo un rei chamado Sandimán que tiña unha gran fortuna porque se adicaba a roubar.
De aí provén o dito: “Cando vaias a Sandiás mira para adiante e para atrás.”

SALGUEIROS: (LATÍN SALICARIU). Antes da concentración esta aldea estaba rodeada de salgueiros que funcionaban como protección contra os saqueadores. Ademais esta aldea enriqueceuse co estraperlo xa que o acceso a ela era moi difícil debido aos salgueiros: os gardas non podían acceder facilmente á zona.

ALDEA DO MUÍÑO: (ÁRABE AD-DAY’A+ LATÍN MOLINU). Zona onde abundaban os muíños.

CASAS ERMAS: (LATÍN CASA+HERMES). Trátase dun terreo con cultivos nunha ladeira que acolle a aldea de Loureses. Din os da zona que alí existían unhas casas que formaban unha pequena aldea, o antigo Loureses.
Informantes: Josefa Gándara Gil (72 anos), Erondina Gándara Gil (51 anos) e Marina Gándara Gil (66 anos)

miércoles, 7 de enero de 2009

UNS CANTOS TOPÓNIMOS


O alumnado de 1º de BAC recolle datos sobre topónimos da bisbarra da Limia.


A CARBALLA DA ROCHA: (DO PRERROMÁNICO CARBA). Carballo de grandes dimensións declarado Monumento Natural situado na Saínza, Rairiz de Veiga, nunha zona Reserva da Biosfera.


FORXA: (FRANCÉS FORGE.) En tres casas antigas desta aldea atopáronse restos dunha forxa. Os máis vellos contan que a forxa fora un centro comercial onde se adquirían todo tipo de apeiros, armas, etc. no monte aínda se atopan restos de como facían o carbón.

FONTEMOURA: (LATÍN FONTE + MAURU) O nome procede dunha lenda: por riba da aldea hai unha fervenza e unha torre, dende a fervenza baixa unha trabe de ouro e outra de alcatrán pasando polo castelo que construíran os mouros ata a fonte que hai no medio da aldea. Todo aquel que atope a de ouro farase rico e quen atope a de alcatrán será maldito.

MONTE DE PAU: (LATÍN MONTE + PAULU). Vénlle o nome da ponte de pau que hai alí. Segundo a lenda se non eras limpo de corazón e fixeras mal a alguén desta zona non pasariás a ponte e as fadas que están debaixo da ponte levaríante con ela.

SILVAESCURA:( LATÍN SILVA + OBSCURU). O nome deste aldea fai referencia á súa situación xeográfica. Situado nun recuncho do monte, apenas ten habitantes (10), e as casas existentes están rodeadas de árbores e silveiras que fan do un lugar incomunicado e misterioso, fundido entre a natureza, de aí a referencia á escuridade.

A MANGA: (LATÍN MANICA) lugar onde había laghas (pozos con auga) onde se metía o liño para preparalo.
Informante: Dolores Fernández Sinde (60 anos)

LUCENZA: (DO LATÍN LUCE (luz, claridade). Debido á súa situación xeográfica no cumio dunha montaña, o sol sempre brilla intensamente sobre todo nos amenceres.

PEDRA MOURIÑA: ( LATÍN PETRA + MAURU). Monte pertencente á Serra do Larouco, na que se mostran indicios da presenza de mouros en épocas antigas, debido á existencia dunha estrutura para a acumulación de xeo chamada “Pozo dos Mouros” que estes utilizaban para dispor de auga en épocas de sequía.

POZO DO ARANGAÑO: (DE POZO: LATÍN PUTEU + PRERROMÁNICO ARGARIU) O arangaño era unha enfermidade que tiñan os nenos pequenos (posiblemente desnutrición e raquitismo) e había a crenza popular de que se se levaban os nenos a ese sitio e se lles sacaba a roupa, deixándoa alí tirada e cambiándoa por outra, podía curarse.

OS PENEDOS DA RAÍÑA LOBA: (LATÍN PINNA + REGINA + LUPU). Situado á fronte dun claro hai un penedo e conta a lenda que nel vivía un ser metade muller metade loba, e que era moi simpática coa xente que saía a peitear os cabelos cun peite de ouro.

TOXO: (PRERROMÁNICO TOJU). Lugar onde hai moitos toxos de ata case 2 metros de altura. Os veciños contan que era para que o gando non escapase dos prados.

LAMPAZA: (LATÍN LAPACCEA). Antonia Rodríguez (81 anos) conta que a xente empregaba moitos candís para espantar os lobos.

CASAS DA VEIGA: (LATÍN CASA + PRERROMÁNICO BAIKA). Casas que se atopan na veiga, situada na beira dun río, xa desaparecido pola concentración parcelaria. Nese río lavábase a roupa antigamente. Informantes: Laura Cid seguín (78 anos) e Cesáreo Villamarín Dorrío (80 anos)

REBOREDA: ( LATÍN ROBUR). Lugar onde había carballos que se talaron co gallo da concentración parcelaria. Informante: Segundo Vilachá (76 anos)

ESCORNABOIS: DE ES+CORNO (LATÍN CORNU) E BOI (LATÍN BOVEM) E RABAL (DE RABO: LATÍN RAPU). Conta a lenda que estas aldeas ao principio eran unha soa pero que, nunha festa, os veciños enfadáronse e decidiron dividir a aldea en dúas. Colleron os cornos dun boi e tirárono ao aire, deste xeito a zona cara á que caeron os cornos recibiu o nome de Escornabois e á outra puxéronlle Rabal por ser a parte oposta aos cornos do animal. Informante: Delmiro Ojea Alonso (89 anos). Outra tese fai referencia á presenza dos insectos do mesmo nome.

TRASMIRAS: (LATÍN MIRARI + ATRÁS -LATÍN AD+TRANS). segundo conta a lenda, durante un frío amencer, un home dirixíase ao lugar onde ía ser fusilado. a súa familia seguíao detrás para despedirse del, mais os soldados que o ían matar non lle permitían mirar para atrás; se o facía daríanlle un tiro alí mesmo. Antes de chegar ao lugar, o home, cheo de impotencia e vendo que xa lle chegaba a hora, decidiu mirar para atrás para despedirse da familia e caeu fulminado nun abrir e pechar de ollos. Informante: Delmiro Ojea Alonso (89 ANOS)

jueves, 4 de diciembre de 2008

INTERVENCIÓN E INFORME SOBRE A SIDA





O día 1 de decembro, Día Mundial contra a SIDA, o grupo de teatro de 3º C realizou unha enquisa a algunhas persoas dentro do IES Lagoa de Antela despois dunha miniperformance no vestíbulo da cafetería.
35 persoas de diferentes idades e perfís (incluído profesorado) foron entrevistadas. Realizáronselles 3 preguntas, das cales as 2 primeiras eran comúns e a 4ª mudaba segundo o grupo entrevistador.

1- Sabes como se contrae a SIDA? Como?
2- Sabes onde morre máis xente por causa da SIDA? Onde?
3- Se o mellor amigo ou amiga tivese SIDA e che pedise un abrazo, daríasllo?
4- 1 pregunta destas opcións por cada grupo:
Cres que a SIDA é unha enfermidade contaxiosa? Por que?
Sabes onde morre máis xente por causa da SIDA? Onde?
Sabes cal é a maneira de previr a SIDA? Cal?
Sabes que significan as siglas de SIDA? que significan?

RESULTADOS

O 98% das persoas daríanlle un abrazo sen pensar a un amigo ou amiga que tivese SIDA.
Con respecto a como se contrae: o 14,2% responde que non sabe, o 57,3% só menciona as relacións sexuais como vía de transmisión, o 20% engade, ás relacións sexuais, o sangue e só un 5,7% ademais do anterior, engade a vía parental (aínda que das 2 persoas unha delas non sabe que é pois fala de pai, fillo, nai e filla) e un 2,8% pensa que se contrae cun condón!!
Con respecto a se a SIDA é unha enfermidade contaxiosa, de 6 persoas entrevistadas o 100% respondeu que si.
África e os países máis subdesenvolvidos foron as respostas maioritarias á pregunta de onde morre máis xente pola SIDA, 73%. 1 persoa, 9%, contestou Europa; outra persoa, o 9%, confesa que non sabe e outra, tamén o 9%, di que en España non é un dos países onde iso ocorre.
Sobre a maneira de previr, un 77,8% di usando preservativo, un 11,1% di non saber e un 11,1% fala de anticonceptivos.

A SIDA é a Síndrome de Inmunodeficiencia Adquirida, é dicir, o estado de desprotección (falta de anticorpos) en que queda o organismo cando o virus ataca o sistema inmunolóxico. Isto provoca que o corpo quede exposto a enfermidades infecciosas e certos cancros.
O virus VIH pódese transmitir por vía sanguínea, a través dos fluídos sexuais (seminais e vaxinais) ou por vía parental (nai fillo-filla).
A SIDA é unha enfermidade transmisible, que se pode previr se se emprega protección: preservativo feminino e/ou masculino, non compartindo material para picarse ou obxectos de aseo persoal xa que pode entrar en contacto co sangue a través de feridas.
Unha persoa pode se seropositiva e non sabelo, durante tempo non hai síntomas que indiquen a presenza do VIH no organismo. Se se é seropositiva ése portadora do virus e pode transmitir o virus. O feito de non sabelo pon en risco a vida das persoas coas que poida manter relacións sexuais anais ou vaxinais sen protección, por iso, cómpre usar sempre protección.

lunes, 1 de diciembre de 2008


Torradas de landras


-Ingredientes

-1Kg de landras
-1Kg de azucre
-300gr de manteiga
-Fariña
-Reladura de limón
-Ovos
-Canela en po


-Elaboración


1-Quitar a casca das landras e a pel interior (escaldándoas).
2-Pícanse, mestúranse con azucre, engádeselle manteiga, reladura de casca de limón e canela en po.
3-Remóvese e engádense os ovos e prepárase unha masa compacta.
4-Úntanse o molde con manteiga, císcaselle fariña e bótase a masa.
5-Métese no forno a temperatura media ata que se douren ben


Receita realizada por Maruja Ribero 57 anos


Torta de abelás


-Ingredientes


-100gr de manteiga branda
-100gr de azucre
-2 ovos
-2 culleradas de leite
-Unha cullerada de levadura
-120gr de abelás picadas
-4gr de chocolate fondant relado


-Elaboración


1-Mestúrase a manteiga co azucre, bótanse os ovos, o leite e a fariña coa levadura.
2-Engádense as abelás picadas e o chocolate.
3-Bótase a pasta nun molde redondo untado con manteiga.
4-Conéctase 15 min o programa combinado.




Receita realizada por Justa Valencia 42 anos

lunes, 24 de noviembre de 2008



:05 am

Pasan as horas e sigo en pé

Atónita

Ollando para o teito

Inmóvil

O puñal profundizou máis desta vez

Cada patada

Cada insulto

Cada bágoa que non derramei

Agroman agora na ira que me envolve

Non penso

Son incapaz de pensar

Só sinto

Rabia e rencor

Ganas de cuspirche na cara

De regalarche mil espiñas das rosas que non recibín

Quizáis outra as recibiu por min

Eu só fun o saco de boxeo

A puta que en vez de cobrar che pagou con amor

As costelas rotas crávanse agora

Cústame respirar

Tremo

E preciso berrar

Bater nas paredes

Romperche as narices por tódalas veces que calei

E volvo calar

Calarei sempre

Porque os nenos precisan durmir

Porque son unha señora por moito que ti te empeñes en negalo

4:21

Os párpados comezan a pesarmeUn mar morado recorreme medio rostro

Caio rendida

Esperando como cada noite a que ti nunca volvas…



Ana Parada

miércoles, 19 de noviembre de 2008

MAGOSTO EN LODOSELO, por Uxía Nogueira


Lodoselo 2008

IES Lagoa de Antela, un corredor das aulas de 3º:
_Estamos no mesmo grupo
_Grupo de que?!
_Grupo de traballo na proba de orientación. Xa verás que xogo nos preparou Tomás.
_Por certo, ti sabes chegar a Lodoselo?
_Esa é a primeira proba, chegar ao CDR O Viso.

Esta conversa sería imposible neses mega-centros das cidades, neses cemiterios de elefantes aos que a maioría do profesorado aspira pertencer algún día. E sería imposible porque aí non haberá un Tomás disposto a "currarse" un magosto coma este. Porque a relación entre unha profesora de inglés e unha de galego non será tan cordial. Porque a metade da xente non coñece a outra metade.
Porque non existe un Lodoselo para gozar.
Tocou madrugar, a algúns máis ca outros. En Ourense facía un frío do demo e a néboa ameazaba con estragarnos o día. Pero o experto copiloto xa dicía que alá no alto non habería néboa, que iamos ter un día estupendo (e acertou mellor ca Pemán).
O mapa e Tomás falaban de pistas de concentración, asfaltadas, así que cando chegamos a onde o asfalto se acabou, onde o GPS non indicaba nada, onde cada viaxeiro tiña unha opinión diferente, houbo que botar man do sentido común. Os dous vellos que parecían non fiarse moito dunha muller ao volante tamén axudaron. Aparcamos diante do CDR O Viso: caras coñecidas, compañeiros de traballo durante a semana, pero agora con roupa de camiñata e fillos. Algún descoñecido tamén, pero só por uns minutos.
Entramos no cuberto, o lume dentro daquel forno circular tróuxeme á memoria a miña tía Albina, nacida no 1894, muller solteira que "quedou na casa" e tivo que quentar moitos fornos para facer pan para a familia de súa irmá; tivo que apañar moitos toxos vellos para facer o mellor lume para cocer, e alegroulles o día máis dunha vez aos sobriños dándolles as "bolas da porta aberta", o inchón que nos deron a probar a media mañá, cando a fame xa nos acompañaba na excursión dominical. Os pequenos pasárono estupendamente facendo o seu boliño de pan, e Ivón e Lucía parecían dúas auténticas muilleiras coa cara branca. Seguro que os seus pais lles contaran o conto do lobo e os cabritiños.
Nos xogos populares comezou a rivalidade, e as chaquetas foron quedando nos bancos.
A comida deu para moito, ata para que chegasen os que antes foran facer ciclismo pola cidade.
Pero o mellor veu pola tarde, o xogo de orientación. Se fora capaz de chegar a Lodoselo non ía quedar atrás por culpa dun compás que nin sabía como se collía. Menos mal que a miña colega de xogo preguntou se había que mirar a agulla a onde apuntaba a parte encarnada ou a negra. A maioría das árbores estaban dominadas, carballos do país e americanos, cerquiños, abeleiras, castiñeiros, bidueiros, acivros, sanguiños... E ata unha especie que seguro que descubrimos nós: o Abetus Caducus (é que a maioría das árbores aparecían identificadas pola folla no noso caderno de campo, pero esta non. Sabiamos que era un abeto e de folla caduca, por que non ía ser ese o nome científico?). Ademais de admirar a capacidade de traballo do compañeiro que preparou todo, descubrimos árbores e plantas que non coñeciamos, cogomelos e bolboretas que, aínda sen invitación, quixeron acompañarnos na excursión, o inchón, o santo "San Guan" (para que saia bo pan) e a marabillosa labor de todos os que forman parte do CDR O Viso.

domingo, 16 de noviembre de 2008

ROSQUILLAS DE CABACIÑA



Ingredientes.
4 ovos
reladura da pel de 2 limóns
1 e ½ l. de aceite
1 quilo de fariña
1 cullerada de bicarbonato
2 culleradas de anís en gran
Azucre para rebozar
Puré de cabaciña (50ª gr.) e castaña (50 gr.)

Quéntase nunha tixola fonda o aceite e bótaselle, cando comece a fumegar, unha corteza de limón ata que se doure. Nun coador pór 2 culleradas de anises en gran e pasalos polo mesmo aceite. Bater os 4 ovos ata que queden cremosos. Engadir pouco a pouco ¼ de azucre, a reladura de limón, o puré de cabaciña, os anises fritos e 4 medios cascaróns de aceite reservado. Engadir pouco a pouco a fariña, mesturando ben, logo o bicarbonato. Mesturar todo ben. Unha vez conseguida a pasta, esparexer con fariña a mesa e traballar a masa. Deixala repousar e despois pór o aceite ao lume. Coller anacos de masa e darlles forma de rosquillas. Cando o aceite estea quente ir botando de unha en unha as rosquillas, facéndolles antes uns cortes transversais cun coitelo. Fritir ben sen queimalas. Deixalas escorrer un pouco ao sacalas. Bañalas en azucre e depositalas nunha bandexa para que enfríen. Listas!

Inmigración 2

Inmigración 2
Dende Alemaña

Inmigración 1

Inmigración 1
Dende alemaña

no limite 1

no limite 1
Lodoselo