domingo, 8 de marzo de 2009

PARA ESCORRENTAR MOSQUITOS


Debuxo de lavanda: Antía Valbuena
Información recollida polo alumnado de 4º B de ESO.

PARA ESCORRENTAR MOSQUITOS


· Absintio (axenxo): a infusión de absintio é un eficaz insecticida. Pode refregarse sobre os animais domésticos. Como loción aplicada sobre a pel escorrenta os mosquitos. Colocando absintio seco en saquiños de tea entre a roupa evítase a couza ou traza. Preparado: infusión de absintio de 10 a 20 grs de planta por litro de auga.
· Introducir na metade dun limón cravo.
· Tamén funciona con lavanda ou ourego.

Axenxo: escorrenta os mosquitos xa que non soportan o seu cheiro.
Hai unha anécdota que di que nunha antiga pousada utilizouse un anuncio no que se prometía, que para durmir a gusto, unha moza levaría a cada hóspede, á hora de deitarse, unha ramiña de axenxo para depositala no leito, e se a planta non daba o resultado apetecido, podería logo ir a moza soa e tal vez o lograra. Velaquí un exemplo máis da utilización da muller como obxecto sexual.

Outras propiedades:

É estimulante, aperitivo ( utilízase para a elaboración do vermú), dixestivo,febrífugo e vermífugo. Excita o apetito, facilita a dixestión e combate as dispepsias nerviosas. É un eficaz antihelmíntico (lombrigas, e solitaria), ataca a ictericia e a palidez, as obstrucións estomacais, e é de grande efectividade nos enfermos anémicos, inapetentes e convalecentes de doenzas de larga duración, excitando o apetito. É un reconstituínte xeral. Tamén é útil nas febres intermitentes e provoca o fluxo menstrual nas mulleres.

Limón con cravo: é o cheiro do cravo xunto co limón os responsábeis deste efecto. O mesmo podemos dicir da lavanda e o ourego.

REMEDIOS TRADICIONAIS



Introdución: Lucía Bolaño, 4º B de ESO
Debuxo de tomiño: Antía Valbuena, 4º B de ESO

INTRODUCIÓN

Non hai moito, acudir a unha consulta médica resultaba moi caro e, ademais, para moitas enfermidades non se coñecía ningún tratamento. Isto explica a existencia da medicina popular, que recolle o conxunto de tratamentos creados polo pobo para curar as distintas doenzas. Para sandar empregábanse remedios elaborados con compoñentes que se tiñan máis a man, fundamentalmente herbas e plantas, e outros obxectos e produtos, que preparaban e aplicaban persoas que posuían as habilidades e coñecementos necesarios. A aplicación das menciñas adoitaba ir acompañada de recitado de ensalmos, breves poemas aos que se lle atribuían propiedades curativas.

1.- TÉCNICAS MÁIS IMPORTANTES UTILIZADAS HABITUALMENTE NOS REMEDIOS TRADICIONAIS.

Os procedementos máis habituais para extraer os principios activos das plantas son:
a) infusión
b) decocción
c) maceración

INFUSIÓN

As infusións prepáranse botando auga fervendo por riba das plantas cortadas en anacos (secas ou frescas) e deixando repousar o líquido nunha teteira ou recipiente tapado.

DECOCCIÓN

Para preparar unha decocción débense cocer as plantas durante un tempo breve. Con este procedemento extráese máis sustancia do produto, por iso acostuma facerse coas partes máis duras ( raíces e talos) das plantas.

MACERACIÓN

A técnica consiste en deixar repousar ou abrandar os produtos nalgunha sustancia líquida ( aceite, auga, alcohol..).

BAÑOS, INHALACIÓNS E UNGÜENTOS

Cos resultados das coccións e infusións tamén se realizan baños ( para certas infeccións oculares é bo limpar os ollos cun baño de infusión de manzanilla, chamada tamén camomila ou macela) ou inhalacións ( moitas das doenzas pulmonares, poden mellorar cos vapores de cocer determinadas plantas. Así mesmo, os líquidos obtidos da maceración poden utilizarse para uso tópico, como ungüento.

2.- PROPIEDADES

Hai un gran número de plantas que teñen varias propiedades e que poden servir, ao mesmo tempo, para facer unha boa dixestión e para calmar os nervios. En cambio hai arbustos e follas de árbores que só son recomendables para unha finalidade concreta.

As propiedades máis comúns que presentan as plantas que usamos como medicinais son:


DIURÉTICAS
Estas plantas favorecen a fabricación dos ouriños . Son boas para os enfermos do ril. Un exemplo deste tipo de planta é a cola de cabalo.


RELAXANTES
Serven a relaxar a musculatura e actúan como sedante. Son recomendábeis para persoas que padecen trastornos nerviosos.
Dentro deste grupo están: as follas de laranxeira e a valeriana.


EXPECTORANTES
Axudan a expulsar as mucosas e a sucidade acumulada nos pulmóns e as vías respiratorias. Un exemplo é o anís estrelado.


DIXESTIVAS
A macela é quizais a planta dixestiva máis coñecida pero non a única, tamén o tomiño é outro exemplo.


ANTIINFLAMATORIAS
Rebaixan a inchazón cando, por infección ou contusión, se produce un avultamento que provoca dor. Unha planta con esta acción é o romeu.


CARMINATIVAS
Estas plantas axudan a expulsar os gases intestinais. O fiúncho, o comiño son exemplos emblemáticos.


ASTRINXENTE
Secan en constrinxen a pel e as mucosas. Os preparados inxeridos por vía oral teñen efectos antidiarreicos e tamén soen ser antihemorráxicos.

DEPURATIVAS
Estas plantas favorecen a eliminación das sustancias tóxicas que circulan polo sangue, xa sexan de orixe externa (contaminantes químicos) ou producidas polo propio organismo, coma os residuos do metabolismo das proteínas ( por exemplo, ácido úrico e urea). A eliminación destas toxinas lévase a cabo a través dos ouriños, a suor e o fígado. As plantas depurativas acostuman a ser diuréticas e sudoríparas.

miércoles, 25 de febrero de 2009

XABÓN ECOLÓXICO


XABÓN ECOLÓXICO

Ingredientes:
250 g de sosa cáustica
250 g de avea moída
1,5 l de auga
1,5 l de aceite de oliva virxe

Preparación:
Mestúrase a auga e a sosa cáustica e reméxese o preparado 2 ou 3 minutos.
A continuación engádeselle o aceite, removendo na mesma dirección. Por último, bótase a avea, que aromatizará o xabrón, e, se se desexa, unhas pingas de esencia de lavanda (ou de romeu).
Bótase todo nun bol e deixar repousar (removendo de cando en vez) ata que a mestura espese.
Déixase endurecer durante 1 ou 2 días.

Uso:
Para demoldar o xabrón é bo utilizar un recipiente de plástico ou papel parafinado e telo un tempo no conxelador.
Unha vez cortado en pastillas, estas aínda haberán de secar durante 1 mes antes de usalas.

Propiedades:
Ademais de aplicarse na pel (uso tópico), o xabón tamén é moi útil para o pelo.
No caso de querermos un bo xabón para a roupa, bastará cambiar o aceite de oliva por un aceite de cociña usado.

ORELLAS DE ENTROIDO


ORELLAS DE ENTROIDO

Ingredientes:
800 g de fariña
2 ovos
1 chorro de anís
100 g de manteiga
1 vaso de auga tépeda
Sal
Azucre ou mel
Aceite

Elaboración:
Mesturar a manteiga e a auga tépeda.
Engadir os ovos, o sal e o anís.
Pouco a pouco ir engadindo a fariña e traballala ben.
Estirar a masa e cortar en rectángulos.
Fritir en abundante aceite.
Ciscar azucre en po ou botarlle mel.

miércoles, 18 de febrero de 2009

O POZO DO ANGARAÑO OU ARANGAÑO



No alto do monte de Cortegada hai un penedo chamado o Penedo do Angaraño. Nel metíanse nenas e nenos pequenos para curar as enfermidades. Co rapaz había que levar a tres Marías e logo pasar o neno entre as buratas do Penedo de *Angaraño. Despois prendíase unha vela e queimábase a roupa da rapaza ou rapaz.

* Variante de arangaño, nome que designaba o raquitismo

Na noite de San Xoán, se te lavas nunha das fontes da aldea que bote todo o ano, antes de que saia o sol, pasaranche todos os grans da cara.


Mirian Corbal, 4º ESO

domingo, 15 de febrero de 2009

E MÁIS LENDAS


AS DAS NOITES

Meu avó contoume que, antigamente, “As das Noites” andaban vagando polas rúas da aldea buscando quen as guiase. Polas noites quen dese con elas quedaba atrapado como guía ata que o desafortunado conseguía dar con alguén que fixese a súa tarefa e así el poder librarse.

Tamara Castro, 4º ESO

O PENEDO DAS MOURAS

Era unha nena dunha aldea que ía todos os días coas ovellas ao monte onde había un penedo. Nese penedo vivía unha moura que lle daba un sal de ouro á nena cando a vía baixo a promesa de que non dixese nada á nai. Un día, a súa nai decatouse de que a súa filla traía algo e esta cofesoulle a verdade. Ao día seguinte, cando foi coas ovellas aos penedos non volveu e a súa nai foi buscala, preocupada. Preguntoulle á moura onde estaba a súa filla e a moura contestoulle: “Nin mariquita nin maricota, a túa filla está na pota.”

Iván Garrido, 4º ESO

lunes, 9 de febrero de 2009

LENDAS ORIXINAIS DA BISBARRA


Lenda da Lagoa de Antela


Segundo conta a lenda, antigamente, cando aínda non existía a Lagoa de Antela, había dúas torres: a do Castro e a Torre da Pena. En cada unha delas vivía un canteiro que picaba nas pedras cun martelo. O problema era que só contaban cun martelo para os dous co cal tiñan que facer quendas para facer uso da ferramenta lanzándoo de torre a torre. Cóntase que un día a un canteiro faltáronlle as forzas e o martelo quedou a medio camiño entre as dúas torres. Cando o martelo caeu, segundo din, a auga comezou a brotar do buraco que fixera ao caer e de tanta auga que saíu formouse a Lagoa de Antela.

A traizón da Torre de Sandiás


Segundo contan relatos e lendas antigas, hai moitos anos os irmandiños intentaron conquistar a Torre de Sandiás para destruíla e apoderarse do terreo. Pero cando os irmandiños empezaron o ataque cóntase que os da Torre resistiron o asalto, resistiron ata que un criado traizoou os señores da fortificación deixándo entrar os irmandiños por unha porta. Os asaltantes mataron os señores a sangue frío mentres durmían e logo destruíron e queimaron a Torre do Castro, por iso agora está así de destruída.

Jorge Losada, 4º ESO


Lenda do castelo da Pena

Hai moitos anos, contan os vellos, que a lagoa de Antela estaba comunicada por tres castelos ben diferenciados entre eles: a Torre de Pena, a Torre do Castro e a Torre da Forxa. Din que había un túnel que unía estas tres torres, ata o punto de que botaban unha galiña con poliños na Torre de Pena e ían saír á Torre do Castro. Este tipo de túneles eran utilizados polos mouros que poboaban as torres para espiarse os uns aos outros e tamén para acceder ao interior dos castelos, porque andaban en guerra entre eles.
Concretamente, falan os vellos, que o castelo de Pena tiña unhas celas escuras, provistas dunhas argolas cunhas cadeas onde prendían os mouros apresados para torturalos. Téñense atopado mesmo esqueletos.
Este castelo da Pena estaba rodeado dunha gran muralla, que dificultaba a entrada dos mouros e que servía de protección ao castelo, polo que a única forma de traspasala era a través dos túneles.
Nesa época, segundo din os máis vellos, a loita entre os mouros era con espadas e tamén con aparellos de todo tipo, de aí os seguintes versos:
O meu avó
tiraba de castelo a castelo
coa pica dun martelo.
Por iso se di que o pico que lle falta ao castelo da Pena foi destruído nesas loitas cun enorme martelo, sendo roubado polos mouros de Sandiás, os da Torre do Castro, como símbolo de vinganza.

Lucía Bolaño, 4º ESO

Inmigración 2

Inmigración 2
Dende Alemaña

Inmigración 1

Inmigración 1
Dende alemaña

no limite 1

no limite 1
Lodoselo