jueves, 24 de junio de 2010

Paraíso, natureza, historia, cultura…

Esas foron as primeiras palabras que se me viñeron á cabeza cando vin o cartel que aparecía na estrada: “ Principado de Asturias”.
Pero antes de chegar a Asturias, tivemos varios altos no camiño, un deles foi na cidade de León, onde nos detivemos para comer. Unha cidade chea de lugares que coñecer, a catedral de estilo gótico, a súa muralla, e o seu casco vello, son uns dos moitos lugares, que fan da cidade todo un referente universal.
E é verdade non creo que haxa mellor sensación que respirar forte despois de cruzar o Negrón. Despois dunha longa, e divertida viaxe, chegamos ao noso lugar de hospedaxe, “A posada do mosteiro”, cuxo nome facía referencia ao mosteiro que se situaba enfronte do albergue, no que durmiamos, ceabamos e almorzabamos.
Nada máis chegar e deixar as cousas nas habitacións, fomos á aldea do lado, a aldea era Cangas de Onís, un lugar atravesado polo río Sella, sobre o cal se levanta unha ponte romana cunha cruz pendurando no medio.
Logo de dar unha volta pola aldea, regresamos ao albergue, onde ceamos; o primeiro prato foron espaguetes con atún, o segundo foi polo con patacas fritidas, e de sobremesa foi iogur. Despois de cear voltamos a Cangas para dar unha volta.
A Habana sería o noso lugar de festa durante toda a visita, un lugar onde quedaran a maioría dos recordos entrañables, risas e fotos, moitas fotos.
Ese día chegamos ao albergue cara a unha e media da madrugada, moitos de nós non tiñamos sono, e aproveitando o salón social, estivemos alí, uns vendo a televisión, outros xogando ao dominó, cartas, parchís e incluso o póker, ata que ás tres da mañá veu o garda de noite a pedirnos que se podiamos ir para as habitacións.
Ao día seguinte esperábanos unha boa dose de aventuras, o descenso do río Sella en Canoa, ás nove e media da mañá tiñamos que estar almorzando, no comedor do albergue, pero ás oito e media xa estabamos case todos en pé. Almorzamos, e ás dez da maña, viñéronos traer os traxes de neopreno, vestímonos, e logo fomos a recoller os bidóns coa comida e o chalecos salvavidas.
Ás once estabamos na aldea Arriondas, onde nos deixou o noso chofer Antonio, para coller as canoas, pero antes de coller as canoas, recibimos un pequeno cursiño de como remar.
Todos en posicións e, ¡Á auga!, cerca de vinte canoas, e 43 persoas remando Sella abaixo, esperábannos dezaoito quilómetros de descenso, cerca das dúas do medio día, parámonos a comer, nese descanso os profesores deron a oportunidade de quen quixera baixarse e ir descansar ao albergue, para o resto aínda nos quedaban nove quilómetros de descenso, cando chegamos á nosa meta, recolléronnos en furgonetas, e leváronnos ao albergue onde nos duchamos, e preparámonos, para ir a dar unha volta por Cangas de Onís.
Estivemos por Cangas pouco tempo, xa que ese día fomos máis tarde do acostumado. Voltamos ao albergue onde nos serviron a cea, os que se querían cambiar cambiáronse, esa noite non era obrigatorio saír por Cangas. Algúns quedaron e outro saíron.
Ao voltar, uns fóronse directos ás habitacións, xa que o descenso do Sella en canoas acabaron con eles, e outros, dirixíronse ao salón social.
O día seguinte era case de descanso, ás once da mañá tiñamos que estar na cova do Soplao, unha cova das máis bonitas, cunhas estalactitas e estalagmitas impresionantes, eu case diría que poden ser as mellores de España, e atreveríame a dicir que do mundo.
Ese día era para ir comer a un merendeiro, pero por culpa da choiva, tivemos que ir comer ao albergue. A tarde tiñamos previsto facer o paintbool, e así foi, ás catro da tarde estabamos, nun monte cerca de Arriondas, onde fixemos catro equipos de dez persoas, repartíronnos as fundas, chalecos, protectores de pescozo, luvas, e cascos, e como non, as pistolas e 100 bolas de pintura.
A actividade consistía en que un dos grupos de 10 persoas se escondía nun campo, e o outro equipo, tiña que buscar, e ao telos “a tiro” disparar, se che daba tiñas que saír do campo de loita, e estar na zona de seguridade.
Despois de acabar a actividade do paintbool, rompeu a chover, pero tivemos sorte, xa que despois de asearnos, parou de chover e puidemos ir un pouco a Cangas de Onís.
Logo viñemos a cear o albergue, chovía un pouco, cando entramos para o comedor, cando rematamos fomos para a Habana a divertirnos un pouco.
Ao día seguinte levantámonos sobre as nove e almorzamos, logo dirixímonos á montaña, e alí, tras unha longa camiñada, sentamos algúns a comer; outros preferiron deixar a comida para cando estivésemos arriba, había unha fonte así que aproveitamos para encher as nosas botellas de auga case baleiras, a paisaxe era verde. Cando chegamos arriba de todo víanse unhas grandes elevacións de terra cunha costa bastante pronunciada, tamén custou a baixada incluso houbo xente que caeu, rematamos sobre as catro e media da tarde, máis tarde fomos para o albergue a ducharnos e mudar de roupa para poder ir a Cangas. Cando xa case eran as nove regresamos ao albergue, ceamos e fomos a Habana a divertirnos un pouco.
O venres preparamos todo e partimos para Xinzo, houbo varias paradas, a primeira delas foi o museo Muja, era un museo bastante peculiar, tiña forma de pegada tridáctica, por dentro eran tres grandes bóvedas, cada unha no seu interior estaban divididos en períodos: o Triásico, Xurásico e Cretácico, cada sala contiña réplicas e restos orixinais de distintos dinosauros; tamén estaban expostas pegadas de animais que viviron na época dos dinosauros. Logo proseguimos coa viaxe ata a seguinte parada que foi para comer e a última parada foi para despexarnos un pouco da viaxe.
E así foi como rematou esta excursión tan intensa pero divertida, cando chegamos a Xinzo xa estaban as nosas familias para recibirnos.

Miguel Carballo e Jonatan Domínguez




domingo, 6 de junio de 2010

RECREACIÓNS POÉTICAS


…porque o Monte é natureza

misterio

néboa

o canto

dos paxaros

e, de vez en cando,

o ruxe-ruxe das árbores.

Anxo Quintairos, sobre o poema de Salvador García Bodaño “…porque a Cidade é pedra”


De nova

observo prados dende a porta

Mañá

medrarán rañaceos.

Se abro os ollos

as ás das bolboretas

que voan no aire

parecen follas

Con lunares

Mª Luisa Araújo, sobre o poema de Antía Otero “Ollando o mar” e “Se apreto os ollos” de Emma Couceiro.


A un bico, outro bico,

a unha mordida, outra mordida,

tras dunhas cóxegas, outras cóxegas,

tras dun agarimo, outro agarimo.

I ó fin do xogo de mans

e de irrefreables emocións,

a noite que nos acouga

ou o sol que nos espanta.

E no silencio

descubrir a escuridade

quitarlle poder ó medo

destruílo.

Uxía Alonso sobre “A un batido, outro batido”, de Rosalía de Castro, e “E coa palabra”, de Ana Romaní.


Non sentes as bolboretas?

-Non

Nin o canto do merlo?

-Non

Que escoitas entón?

-Un esnaquizado blues

sen rematar e baleiro,

burbulla metálica!

Se considero as palabras

o relato de amor

que atopei no peto

semella verán

sen sol.

Úrsula Casado sobre “¿Non coñeces o mar?”, de Álvaro Cunqueiro e “Se apreto os ollos” de Emma Couceiro.


Cando el ri

é o recendo

do pan

feitiño.

E a raiola

da mañá

tristeira como

lanterna

sentinela.

Cando el ri:

o corazón

parado

na alma.

Lorena Carballo sobre “Cando ela dorme” de Vicente Araguas.

jueves, 27 de mayo de 2010

FANZINE 2010

Le os artigos desta mini-revista, non te defraudará.


O RECITAL DE XINZO DENDE A CÁMARA DE SARA

Sara, profesora de Plástica. acompañounos o día 18 de maio ao recital da Praza Maior e exerceu de fotógrafa oficial. Gozade das imaxes.

VIÑERON OS DE CANGAS


O 26 de Abril o instituto do I.E.S foron a visitar a nosa vila.
Nós tivemos clase as dúas primeiras horas. Luz, a profesora do IES Monte Carrasco veulles contando aos seus alumnos unha lenda de Xinzo de Limia. Marchamos no primeiro recreo e subimos ao autobús que nos levaría a Lodoselo. Ao chegar alí deixamos as mochilas e fomos ao forno a ver como facían o pan. Logo fomos xogar a uns xogos populares: escachar ovos, os zancos, os bolos, e moitos máis… Ao acabar fomos outra vez ao forno pero esta vez a facer pan. Ao acabar estabamos cheos de fariña e fomos uns lavar as mans no río e outros nun caldeiro con auga. Cando acabamos de lavar as mans fomos comer e deixáronos os profesores andar á nosa bola 30 minutos. Despois fixemos un xogo de pistas con 4 equipos. Cada un tiña una brúxula e un papel que poñía por onde tiñamos que ir para encontrar uns sobres. Fomos polo monte buscando esas pistas e ao chegar ao lugar de encontro unha cadela aballanzouse sobre min e, como estaba mollada, manchoume todo. Logo chegaron os demais grupos e lemos un conto que había en tiras de papel que falaba do importante que é manter os nosos bosques. Ao saír do monte collemos o noso pan e subimos ao autobús para ir ensinarlles aos de Cangas algo de Xinzo, case todos compramos un xeado, e despois veu o autobús para ir ao museo sobre a Lagoa de Antela situado en Sandiás. Alí ensináronnos o que utilizaban cando había lagoa como botixos, barcas e moitas cousas máis… e dixéronnos esta lenda:
Logo ensínáronnos as distintas especies e areas que había na Lagoa de Antela e ao acabar a visita fomos ver un vídeo. Deseguido fomos facer unha foto xeral e subimos ao autobús para irnos ao instituto, logo despedímonos da xente de Cangas e vimos como se marchaban os nosos amigos.
Eu creo que onde mellor o pasamos foi no xogo das pistas.

Javier Quintairos, 1º ESO.

miércoles, 19 de mayo de 2010

MÁIS TOPONIMIA



ABAVIDES

-CAMPO DO MOURO: (latín CAMPUS MAURUS) Lugar onde antes había unha ponte de pedra que conducía ós prados e que agora está derrubado.

-VEIGA: (prerrománico IBAI-KA) Parte de terra chan e fértil. Nesa zona, os labregos da aldea de Abavides cultivan cereais.


VILAR

O TOUZAL: (ibérico TAUTIA) Nesa zona antigamente había un monte poboado de carballos, agora hai un pozo onde van beber as vacas.

A SENRA: (latín SENARA) Contan os vellos que nesa zona había campos sementados de cereais. Agora hai unha chaira.

A LOMBA: (latín LUMBU) Zona elevada da montaña de gran lonxitude, nesa aldea contan os vellos que esa montaña e a que divide Galiza de Portugal.

POZA REDONDA: (latín PUTEU + ROTUNDU) Contan os vellos que nesa zona había unha grande poza con forma redonda. Agora hai un terreo seco.

FECHA: (latín FISTULA) Chaira que se atopa na zona máis elevada da aldea.

PIÑEIRA DE ARCOS

Camiño da Colleita: (latín CAMINU) Lugar en Piñeira de Arcos no cal se atopa un camiño polo que a xente ía á sega do trigo.


VILARIÑO DAS POLDRAS

O Pasadizo: (latín vulgar: PASSARE) Atópase en Vilariño das Poldras e chamábaselle así a esta rúa xa que, como me contaron, había dúas casas que se comunicaban por unha especie de ponte de pedra. Por iso esa rúa chámase pasadizo. Os rapaces acostumaban acudir alí para divertirse.


SANDIÁS

Val Do Maio: (latín VALE)Nome que se emprega e empregaba para nomear unha parte do monte de Sandiás no cal se atopaba unha fonte que estaba entre dous vales, de aí o seu nome.

Alumnado de BAC

Foto. Tomás García

sábado, 15 de mayo de 2010

TOPONIMIA DE NOCELO DA PENA


A Peneda(de Ramil): (lat. pinna”rocha”) É unha zona onde hai rochas de grandes dimensións, normalmente relacionadas con lendas e contos populares.

Os Bicos: (célt. beccu) Puntos máis elevados do monte, tamén chamados Picotos polos habitantes de Santa María e Baldriz.

As Minas:(do francés-mine/célt. meina) Situadas no monte de Nocelo da Pena. Lugar onde se extraía estaño.

A Ponte do Burro: (lat. Ponte)Lugar por onde pasaban os burros para ir ás feiras.

As Penedas da Moura de Nocelo da Pena: Lugar onde se sitúan dúas pedras de grandes dimensións e xacementos arqueolóxicos. O nome recíbeno das antigas lendas dos mouros, estas están directamente relacionadas coa Peneda de Ramil.

A Bicuda:(de bico, celt. bikku) Sitio pequeno e difícil de subir.

Rectoral:(lat. rector-oris) Casa parroquial pertencente ao reitor, normalmente ao cura da aldea chamábanlle “o señorito”.

A Laxe: (celta) Zona da aldea onde había abundancia de pedra coa que se construíu a maioría de casas do actual Nocelo.

O Pazo: (lat. palatium)casa señorial. Vivenda na que viviron os señores máis ricos de Nocelo.

A Rañada: (lat aranea) Pequena costa abaixo que dividía as terras de Lodoselo e Nocelo.

A Sepultura: (lat. sepultura)Lugar chamado así xa que hai unha especie de tumba profanada. Relaciónase cos mouros e coa antiga aldea de San Pedro.

O Barrio do Pasadizo: (árabe* barri)Lugar onde se encontra unha especie de ponte entre dúas casas, cóntase que ten bastantes anos e que se fixo porque a filla dunha das casas casou co primoxénito da outra casa.

Prado da Xil: (lat. pratum) Prados da Xil tempo atrás chamábanselle así ás terras que pertencían á familia Xil que non era da aldea pero si tiña propiedades. É unha zona húmida na que actualmente hai cultivos pero antigamente era só para o gando.

As Penedas- (lat pinna) Lugar onde abundaba a pedra.

Val do Sarraio-Zona de val entre dous saíntes do monte onde a terra era máis negra, dicía a lenda que era onde cociñaban os mouros.

Val do Ramos- (lat vale)Non se sabe quen e por que se lle puxo pero a xente maior conta que provén dos mouros xa que alí cultivaban as plantas aromáticas e as especias para cociñar xa que é un lugar ao que é difícil acceder aínda que é un val.

Alba Alonso, Cristina Alonso e Felipe González

Inmigración 2

Inmigración 2
Dende Alemaña

Inmigración 1

Inmigración 1
Dende alemaña

no limite 1

no limite 1
Lodoselo