miércoles, 25 de febrero de 2009

ORELLAS DE ENTROIDO


ORELLAS DE ENTROIDO

Ingredientes:
800 g de fariña
2 ovos
1 chorro de anís
100 g de manteiga
1 vaso de auga tépeda
Sal
Azucre ou mel
Aceite

Elaboración:
Mesturar a manteiga e a auga tépeda.
Engadir os ovos, o sal e o anís.
Pouco a pouco ir engadindo a fariña e traballala ben.
Estirar a masa e cortar en rectángulos.
Fritir en abundante aceite.
Ciscar azucre en po ou botarlle mel.

miércoles, 18 de febrero de 2009

O POZO DO ANGARAÑO OU ARANGAÑO



No alto do monte de Cortegada hai un penedo chamado o Penedo do Angaraño. Nel metíanse nenas e nenos pequenos para curar as enfermidades. Co rapaz había que levar a tres Marías e logo pasar o neno entre as buratas do Penedo de *Angaraño. Despois prendíase unha vela e queimábase a roupa da rapaza ou rapaz.

* Variante de arangaño, nome que designaba o raquitismo

Na noite de San Xoán, se te lavas nunha das fontes da aldea que bote todo o ano, antes de que saia o sol, pasaranche todos os grans da cara.


Mirian Corbal, 4º ESO

domingo, 15 de febrero de 2009

E MÁIS LENDAS


AS DAS NOITES

Meu avó contoume que, antigamente, “As das Noites” andaban vagando polas rúas da aldea buscando quen as guiase. Polas noites quen dese con elas quedaba atrapado como guía ata que o desafortunado conseguía dar con alguén que fixese a súa tarefa e así el poder librarse.

Tamara Castro, 4º ESO

O PENEDO DAS MOURAS

Era unha nena dunha aldea que ía todos os días coas ovellas ao monte onde había un penedo. Nese penedo vivía unha moura que lle daba un sal de ouro á nena cando a vía baixo a promesa de que non dixese nada á nai. Un día, a súa nai decatouse de que a súa filla traía algo e esta cofesoulle a verdade. Ao día seguinte, cando foi coas ovellas aos penedos non volveu e a súa nai foi buscala, preocupada. Preguntoulle á moura onde estaba a súa filla e a moura contestoulle: “Nin mariquita nin maricota, a túa filla está na pota.”

Iván Garrido, 4º ESO

lunes, 9 de febrero de 2009

LENDAS ORIXINAIS DA BISBARRA


Lenda da Lagoa de Antela


Segundo conta a lenda, antigamente, cando aínda non existía a Lagoa de Antela, había dúas torres: a do Castro e a Torre da Pena. En cada unha delas vivía un canteiro que picaba nas pedras cun martelo. O problema era que só contaban cun martelo para os dous co cal tiñan que facer quendas para facer uso da ferramenta lanzándoo de torre a torre. Cóntase que un día a un canteiro faltáronlle as forzas e o martelo quedou a medio camiño entre as dúas torres. Cando o martelo caeu, segundo din, a auga comezou a brotar do buraco que fixera ao caer e de tanta auga que saíu formouse a Lagoa de Antela.

A traizón da Torre de Sandiás


Segundo contan relatos e lendas antigas, hai moitos anos os irmandiños intentaron conquistar a Torre de Sandiás para destruíla e apoderarse do terreo. Pero cando os irmandiños empezaron o ataque cóntase que os da Torre resistiron o asalto, resistiron ata que un criado traizoou os señores da fortificación deixándo entrar os irmandiños por unha porta. Os asaltantes mataron os señores a sangue frío mentres durmían e logo destruíron e queimaron a Torre do Castro, por iso agora está así de destruída.

Jorge Losada, 4º ESO


Lenda do castelo da Pena

Hai moitos anos, contan os vellos, que a lagoa de Antela estaba comunicada por tres castelos ben diferenciados entre eles: a Torre de Pena, a Torre do Castro e a Torre da Forxa. Din que había un túnel que unía estas tres torres, ata o punto de que botaban unha galiña con poliños na Torre de Pena e ían saír á Torre do Castro. Este tipo de túneles eran utilizados polos mouros que poboaban as torres para espiarse os uns aos outros e tamén para acceder ao interior dos castelos, porque andaban en guerra entre eles.
Concretamente, falan os vellos, que o castelo de Pena tiña unhas celas escuras, provistas dunhas argolas cunhas cadeas onde prendían os mouros apresados para torturalos. Téñense atopado mesmo esqueletos.
Este castelo da Pena estaba rodeado dunha gran muralla, que dificultaba a entrada dos mouros e que servía de protección ao castelo, polo que a única forma de traspasala era a través dos túneles.
Nesa época, segundo din os máis vellos, a loita entre os mouros era con espadas e tamén con aparellos de todo tipo, de aí os seguintes versos:
O meu avó
tiraba de castelo a castelo
coa pica dun martelo.
Por iso se di que o pico que lle falta ao castelo da Pena foi destruído nesas loitas cun enorme martelo, sendo roubado polos mouros de Sandiás, os da Torre do Castro, como símbolo de vinganza.

Lucía Bolaño, 4º ESO

jueves, 8 de enero de 2009

MÁIS TOPÓNIMOS



MOSTEIRO: (LATÍN MONASTERIU). Antigamente había un mosteiro no monte habitado por importantes nobres: a finais do século IX e comezos do X o matrimonio formado por Alfonso Romarígiz e Gutina, de nobre familia (sen dúbida señores do castelo que se erguía no vello Castro de Ribeira e donos das terras que o rodeaban) fundan un mosteiro nese lugar. din que as casas desta aldea están construídas con pedras deste mosteiro. Tamén se di que baixo este mosteiro había un tesouro. Informante: Berta Cerradelo Feijoo (84 anos)

QUEIRUGAS: (DO PRERROMÁNICO *KARIA -arbusto de madeira dura e raíces grosas, que serve para facer carbón). O nome vén dado pola abundancia desta planta nas inmediacións da aldea.

GODULFES: (XERMÁNICO POLA TERMINACIÓN –ULFE: LOBO). Era unha vila na que había moitos lobos, por iso lle puxeron así.

AS PEGAS: ( LATÍN PICA). Contan os máis anciáns do pobo que cando eles eran mozos escoitaron dende sempre ós seus avós dicir que o nome do aldea llo puxeran porque había moitas pegas.

AS CAVADAS: (LATÍN CAVARE). Cóntannos que antigamente esa zona estaba a “poula” e os veciños do pobo cavaron toda a zona e dividírona en eidos para o seu uso particular, de aí o nome de Cavadas.

VILARIÑO DAS POLDRAS: ( LATÍN VILLA + *PULLITRU/ PULLU). Din os vellos que lle chaman así porque había moitos cabalos. Hoxe en día celébrase unha romaría chamada San Mateo na cal no que hai un concurso onde se elixen os mellores cabalos.

CURRÁS: (LAT CURRALES E ESTE DO CÉLTICO “CORR” PEDRA?). Segundo Xosé Martínez (79 anos) nesa zona había moitos currais porque era lugar de venda de galiñas e ovos.

PONTE LIÑARES: (LATÍN PONTE). Construción que une dous lugares separados por un río.

MUÍÑO DE CURRÁS:( LATÍN MOLINU + CURRALES). Moíase o trigo grazas á forza da auga, agora sen uso.

REFOXO: (LATÍN FOVEA? -burato). Camiño fondo cavado no monte que conecta unha aldea con outra.

REGADIÑA: (LATÍN RIGARE). Antigamente pasaba por esta zona un regato.

CORNO DO MONTE: (LATÍN CORNU + MONTE). Forma que facía o monte onde estaban as parcelas.

ESPADANAL: (DE ESPADA: LATÍN ESPATHA). Alí criábase a espadana, que era un tipo de rama que medra na auga con forma de espada.

FORMIGUEIRO: (DE FORMIGA: LATÍN FORMICA). Presenza na zona dun formigueiro enorme que nunca desaparecía. Informante: Arsenia Blanco Rodríguez (71 anos) e José Ramos Gómez (78 anos)

PINGUELO: (LATÍN PENDICARE). Zona por onde en tempos discorría un regatiño que recibía o nome de Auga do Pinguelo.

LODOSELO: (LATÍN LUTU). Nesta aldea había moita lama.

BOULLOSA: (DO LATÍN “BULLA=BURBULLA”). Significa un terreo húmido, xa que se encontra no val dunha montaña, sendo un dos terreos máis húmidos da zona pola circulación dun río que desemboca no encoro de Tourém en Portugal.

MEDA: (DO LATÍN “META”). Significa amoreamento na eira cos monllos do cereal que despois se mallaban e despois coa palla ía ao palleiro e o gran á tulla.

MOREIRAS: (LATÍN MORU). Contan os anciáns do aldea que alí antes había moitas moreiras pero que agora non quedan tantas.

NIÑODAGUIA: (LATÍN NIDU+ AQUILA). Nesta zona había aguias que levaban as pitas. Agora xa non hai tantas pola colocación de muíños de vento na serra que destruíron o seu hábitat.

AIRA XIS: (LATÍN AREA). Nesa zona reuníae o pobo para facer o concello, na actualidade séguese este costume. O sitio era unha eira dun señor chamado Xis.

SANDIÁS: Chámase así porque din que antigamente habitaba no aldea pobo un rei chamado Sandimán que tiña unha gran fortuna porque se adicaba a roubar.
De aí provén o dito: “Cando vaias a Sandiás mira para adiante e para atrás.”

SALGUEIROS: (LATÍN SALICARIU). Antes da concentración esta aldea estaba rodeada de salgueiros que funcionaban como protección contra os saqueadores. Ademais esta aldea enriqueceuse co estraperlo xa que o acceso a ela era moi difícil debido aos salgueiros: os gardas non podían acceder facilmente á zona.

ALDEA DO MUÍÑO: (ÁRABE AD-DAY’A+ LATÍN MOLINU). Zona onde abundaban os muíños.

CASAS ERMAS: (LATÍN CASA+HERMES). Trátase dun terreo con cultivos nunha ladeira que acolle a aldea de Loureses. Din os da zona que alí existían unhas casas que formaban unha pequena aldea, o antigo Loureses.
Informantes: Josefa Gándara Gil (72 anos), Erondina Gándara Gil (51 anos) e Marina Gándara Gil (66 anos)

miércoles, 7 de enero de 2009

UNS CANTOS TOPÓNIMOS


O alumnado de 1º de BAC recolle datos sobre topónimos da bisbarra da Limia.


A CARBALLA DA ROCHA: (DO PRERROMÁNICO CARBA). Carballo de grandes dimensións declarado Monumento Natural situado na Saínza, Rairiz de Veiga, nunha zona Reserva da Biosfera.


FORXA: (FRANCÉS FORGE.) En tres casas antigas desta aldea atopáronse restos dunha forxa. Os máis vellos contan que a forxa fora un centro comercial onde se adquirían todo tipo de apeiros, armas, etc. no monte aínda se atopan restos de como facían o carbón.

FONTEMOURA: (LATÍN FONTE + MAURU) O nome procede dunha lenda: por riba da aldea hai unha fervenza e unha torre, dende a fervenza baixa unha trabe de ouro e outra de alcatrán pasando polo castelo que construíran os mouros ata a fonte que hai no medio da aldea. Todo aquel que atope a de ouro farase rico e quen atope a de alcatrán será maldito.

MONTE DE PAU: (LATÍN MONTE + PAULU). Vénlle o nome da ponte de pau que hai alí. Segundo a lenda se non eras limpo de corazón e fixeras mal a alguén desta zona non pasariás a ponte e as fadas que están debaixo da ponte levaríante con ela.

SILVAESCURA:( LATÍN SILVA + OBSCURU). O nome deste aldea fai referencia á súa situación xeográfica. Situado nun recuncho do monte, apenas ten habitantes (10), e as casas existentes están rodeadas de árbores e silveiras que fan do un lugar incomunicado e misterioso, fundido entre a natureza, de aí a referencia á escuridade.

A MANGA: (LATÍN MANICA) lugar onde había laghas (pozos con auga) onde se metía o liño para preparalo.
Informante: Dolores Fernández Sinde (60 anos)

LUCENZA: (DO LATÍN LUCE (luz, claridade). Debido á súa situación xeográfica no cumio dunha montaña, o sol sempre brilla intensamente sobre todo nos amenceres.

PEDRA MOURIÑA: ( LATÍN PETRA + MAURU). Monte pertencente á Serra do Larouco, na que se mostran indicios da presenza de mouros en épocas antigas, debido á existencia dunha estrutura para a acumulación de xeo chamada “Pozo dos Mouros” que estes utilizaban para dispor de auga en épocas de sequía.

POZO DO ARANGAÑO: (DE POZO: LATÍN PUTEU + PRERROMÁNICO ARGARIU) O arangaño era unha enfermidade que tiñan os nenos pequenos (posiblemente desnutrición e raquitismo) e había a crenza popular de que se se levaban os nenos a ese sitio e se lles sacaba a roupa, deixándoa alí tirada e cambiándoa por outra, podía curarse.

OS PENEDOS DA RAÍÑA LOBA: (LATÍN PINNA + REGINA + LUPU). Situado á fronte dun claro hai un penedo e conta a lenda que nel vivía un ser metade muller metade loba, e que era moi simpática coa xente que saía a peitear os cabelos cun peite de ouro.

TOXO: (PRERROMÁNICO TOJU). Lugar onde hai moitos toxos de ata case 2 metros de altura. Os veciños contan que era para que o gando non escapase dos prados.

LAMPAZA: (LATÍN LAPACCEA). Antonia Rodríguez (81 anos) conta que a xente empregaba moitos candís para espantar os lobos.

CASAS DA VEIGA: (LATÍN CASA + PRERROMÁNICO BAIKA). Casas que se atopan na veiga, situada na beira dun río, xa desaparecido pola concentración parcelaria. Nese río lavábase a roupa antigamente. Informantes: Laura Cid seguín (78 anos) e Cesáreo Villamarín Dorrío (80 anos)

REBOREDA: ( LATÍN ROBUR). Lugar onde había carballos que se talaron co gallo da concentración parcelaria. Informante: Segundo Vilachá (76 anos)

ESCORNABOIS: DE ES+CORNO (LATÍN CORNU) E BOI (LATÍN BOVEM) E RABAL (DE RABO: LATÍN RAPU). Conta a lenda que estas aldeas ao principio eran unha soa pero que, nunha festa, os veciños enfadáronse e decidiron dividir a aldea en dúas. Colleron os cornos dun boi e tirárono ao aire, deste xeito a zona cara á que caeron os cornos recibiu o nome de Escornabois e á outra puxéronlle Rabal por ser a parte oposta aos cornos do animal. Informante: Delmiro Ojea Alonso (89 anos). Outra tese fai referencia á presenza dos insectos do mesmo nome.

TRASMIRAS: (LATÍN MIRARI + ATRÁS -LATÍN AD+TRANS). segundo conta a lenda, durante un frío amencer, un home dirixíase ao lugar onde ía ser fusilado. a súa familia seguíao detrás para despedirse del, mais os soldados que o ían matar non lle permitían mirar para atrás; se o facía daríanlle un tiro alí mesmo. Antes de chegar ao lugar, o home, cheo de impotencia e vendo que xa lle chegaba a hora, decidiu mirar para atrás para despedirse da familia e caeu fulminado nun abrir e pechar de ollos. Informante: Delmiro Ojea Alonso (89 ANOS)

jueves, 4 de diciembre de 2008

INTERVENCIÓN E INFORME SOBRE A SIDA





O día 1 de decembro, Día Mundial contra a SIDA, o grupo de teatro de 3º C realizou unha enquisa a algunhas persoas dentro do IES Lagoa de Antela despois dunha miniperformance no vestíbulo da cafetería.
35 persoas de diferentes idades e perfís (incluído profesorado) foron entrevistadas. Realizáronselles 3 preguntas, das cales as 2 primeiras eran comúns e a 4ª mudaba segundo o grupo entrevistador.

1- Sabes como se contrae a SIDA? Como?
2- Sabes onde morre máis xente por causa da SIDA? Onde?
3- Se o mellor amigo ou amiga tivese SIDA e che pedise un abrazo, daríasllo?
4- 1 pregunta destas opcións por cada grupo:
Cres que a SIDA é unha enfermidade contaxiosa? Por que?
Sabes onde morre máis xente por causa da SIDA? Onde?
Sabes cal é a maneira de previr a SIDA? Cal?
Sabes que significan as siglas de SIDA? que significan?

RESULTADOS

O 98% das persoas daríanlle un abrazo sen pensar a un amigo ou amiga que tivese SIDA.
Con respecto a como se contrae: o 14,2% responde que non sabe, o 57,3% só menciona as relacións sexuais como vía de transmisión, o 20% engade, ás relacións sexuais, o sangue e só un 5,7% ademais do anterior, engade a vía parental (aínda que das 2 persoas unha delas non sabe que é pois fala de pai, fillo, nai e filla) e un 2,8% pensa que se contrae cun condón!!
Con respecto a se a SIDA é unha enfermidade contaxiosa, de 6 persoas entrevistadas o 100% respondeu que si.
África e os países máis subdesenvolvidos foron as respostas maioritarias á pregunta de onde morre máis xente pola SIDA, 73%. 1 persoa, 9%, contestou Europa; outra persoa, o 9%, confesa que non sabe e outra, tamén o 9%, di que en España non é un dos países onde iso ocorre.
Sobre a maneira de previr, un 77,8% di usando preservativo, un 11,1% di non saber e un 11,1% fala de anticonceptivos.

A SIDA é a Síndrome de Inmunodeficiencia Adquirida, é dicir, o estado de desprotección (falta de anticorpos) en que queda o organismo cando o virus ataca o sistema inmunolóxico. Isto provoca que o corpo quede exposto a enfermidades infecciosas e certos cancros.
O virus VIH pódese transmitir por vía sanguínea, a través dos fluídos sexuais (seminais e vaxinais) ou por vía parental (nai fillo-filla).
A SIDA é unha enfermidade transmisible, que se pode previr se se emprega protección: preservativo feminino e/ou masculino, non compartindo material para picarse ou obxectos de aseo persoal xa que pode entrar en contacto co sangue a través de feridas.
Unha persoa pode se seropositiva e non sabelo, durante tempo non hai síntomas que indiquen a presenza do VIH no organismo. Se se é seropositiva ése portadora do virus e pode transmitir o virus. O feito de non sabelo pon en risco a vida das persoas coas que poida manter relacións sexuais anais ou vaxinais sen protección, por iso, cómpre usar sempre protección.

Inmigración 2

Inmigración 2
Dende Alemaña

Inmigración 1

Inmigración 1
Dende alemaña

no limite 1

no limite 1
Lodoselo