jueves, 8 de enero de 2009

MÁIS TOPÓNIMOS



MOSTEIRO: (LATÍN MONASTERIU). Antigamente había un mosteiro no monte habitado por importantes nobres: a finais do século IX e comezos do X o matrimonio formado por Alfonso Romarígiz e Gutina, de nobre familia (sen dúbida señores do castelo que se erguía no vello Castro de Ribeira e donos das terras que o rodeaban) fundan un mosteiro nese lugar. din que as casas desta aldea están construídas con pedras deste mosteiro. Tamén se di que baixo este mosteiro había un tesouro. Informante: Berta Cerradelo Feijoo (84 anos)

QUEIRUGAS: (DO PRERROMÁNICO *KARIA -arbusto de madeira dura e raíces grosas, que serve para facer carbón). O nome vén dado pola abundancia desta planta nas inmediacións da aldea.

GODULFES: (XERMÁNICO POLA TERMINACIÓN –ULFE: LOBO). Era unha vila na que había moitos lobos, por iso lle puxeron así.

AS PEGAS: ( LATÍN PICA). Contan os máis anciáns do pobo que cando eles eran mozos escoitaron dende sempre ós seus avós dicir que o nome do aldea llo puxeran porque había moitas pegas.

AS CAVADAS: (LATÍN CAVARE). Cóntannos que antigamente esa zona estaba a “poula” e os veciños do pobo cavaron toda a zona e dividírona en eidos para o seu uso particular, de aí o nome de Cavadas.

VILARIÑO DAS POLDRAS: ( LATÍN VILLA + *PULLITRU/ PULLU). Din os vellos que lle chaman así porque había moitos cabalos. Hoxe en día celébrase unha romaría chamada San Mateo na cal no que hai un concurso onde se elixen os mellores cabalos.

CURRÁS: (LAT CURRALES E ESTE DO CÉLTICO “CORR” PEDRA?). Segundo Xosé Martínez (79 anos) nesa zona había moitos currais porque era lugar de venda de galiñas e ovos.

PONTE LIÑARES: (LATÍN PONTE). Construción que une dous lugares separados por un río.

MUÍÑO DE CURRÁS:( LATÍN MOLINU + CURRALES). Moíase o trigo grazas á forza da auga, agora sen uso.

REFOXO: (LATÍN FOVEA? -burato). Camiño fondo cavado no monte que conecta unha aldea con outra.

REGADIÑA: (LATÍN RIGARE). Antigamente pasaba por esta zona un regato.

CORNO DO MONTE: (LATÍN CORNU + MONTE). Forma que facía o monte onde estaban as parcelas.

ESPADANAL: (DE ESPADA: LATÍN ESPATHA). Alí criábase a espadana, que era un tipo de rama que medra na auga con forma de espada.

FORMIGUEIRO: (DE FORMIGA: LATÍN FORMICA). Presenza na zona dun formigueiro enorme que nunca desaparecía. Informante: Arsenia Blanco Rodríguez (71 anos) e José Ramos Gómez (78 anos)

PINGUELO: (LATÍN PENDICARE). Zona por onde en tempos discorría un regatiño que recibía o nome de Auga do Pinguelo.

LODOSELO: (LATÍN LUTU). Nesta aldea había moita lama.

BOULLOSA: (DO LATÍN “BULLA=BURBULLA”). Significa un terreo húmido, xa que se encontra no val dunha montaña, sendo un dos terreos máis húmidos da zona pola circulación dun río que desemboca no encoro de Tourém en Portugal.

MEDA: (DO LATÍN “META”). Significa amoreamento na eira cos monllos do cereal que despois se mallaban e despois coa palla ía ao palleiro e o gran á tulla.

MOREIRAS: (LATÍN MORU). Contan os anciáns do aldea que alí antes había moitas moreiras pero que agora non quedan tantas.

NIÑODAGUIA: (LATÍN NIDU+ AQUILA). Nesta zona había aguias que levaban as pitas. Agora xa non hai tantas pola colocación de muíños de vento na serra que destruíron o seu hábitat.

AIRA XIS: (LATÍN AREA). Nesa zona reuníae o pobo para facer o concello, na actualidade séguese este costume. O sitio era unha eira dun señor chamado Xis.

SANDIÁS: Chámase así porque din que antigamente habitaba no aldea pobo un rei chamado Sandimán que tiña unha gran fortuna porque se adicaba a roubar.
De aí provén o dito: “Cando vaias a Sandiás mira para adiante e para atrás.”

SALGUEIROS: (LATÍN SALICARIU). Antes da concentración esta aldea estaba rodeada de salgueiros que funcionaban como protección contra os saqueadores. Ademais esta aldea enriqueceuse co estraperlo xa que o acceso a ela era moi difícil debido aos salgueiros: os gardas non podían acceder facilmente á zona.

ALDEA DO MUÍÑO: (ÁRABE AD-DAY’A+ LATÍN MOLINU). Zona onde abundaban os muíños.

CASAS ERMAS: (LATÍN CASA+HERMES). Trátase dun terreo con cultivos nunha ladeira que acolle a aldea de Loureses. Din os da zona que alí existían unhas casas que formaban unha pequena aldea, o antigo Loureses.
Informantes: Josefa Gándara Gil (72 anos), Erondina Gándara Gil (51 anos) e Marina Gándara Gil (66 anos)

1 comentario:

Anónimo dijo...

Para deixar o comentario verifica a palabra que che indiquen (ou sexa, escríbea no recadro de verificación) e logo preme co rato no nome na parte de abaixo, escribe o nome e xa podes colgar ou publicar o comentario. Ánimo!

Inmigración 2

Inmigración 2
Dende Alemaña

Inmigración 1

Inmigración 1
Dende alemaña

no limite 1

no limite 1
Lodoselo