miércoles, 25 de febrero de 2009

XABÓN ECOLÓXICO


XABÓN ECOLÓXICO

Ingredientes:
250 g de sosa cáustica
250 g de avea moída
1,5 l de auga
1,5 l de aceite de oliva virxe

Preparación:
Mestúrase a auga e a sosa cáustica e reméxese o preparado 2 ou 3 minutos.
A continuación engádeselle o aceite, removendo na mesma dirección. Por último, bótase a avea, que aromatizará o xabrón, e, se se desexa, unhas pingas de esencia de lavanda (ou de romeu).
Bótase todo nun bol e deixar repousar (removendo de cando en vez) ata que a mestura espese.
Déixase endurecer durante 1 ou 2 días.

Uso:
Para demoldar o xabrón é bo utilizar un recipiente de plástico ou papel parafinado e telo un tempo no conxelador.
Unha vez cortado en pastillas, estas aínda haberán de secar durante 1 mes antes de usalas.

Propiedades:
Ademais de aplicarse na pel (uso tópico), o xabón tamén é moi útil para o pelo.
No caso de querermos un bo xabón para a roupa, bastará cambiar o aceite de oliva por un aceite de cociña usado.

ORELLAS DE ENTROIDO


ORELLAS DE ENTROIDO

Ingredientes:
800 g de fariña
2 ovos
1 chorro de anís
100 g de manteiga
1 vaso de auga tépeda
Sal
Azucre ou mel
Aceite

Elaboración:
Mesturar a manteiga e a auga tépeda.
Engadir os ovos, o sal e o anís.
Pouco a pouco ir engadindo a fariña e traballala ben.
Estirar a masa e cortar en rectángulos.
Fritir en abundante aceite.
Ciscar azucre en po ou botarlle mel.

miércoles, 18 de febrero de 2009

O POZO DO ANGARAÑO OU ARANGAÑO



No alto do monte de Cortegada hai un penedo chamado o Penedo do Angaraño. Nel metíanse nenas e nenos pequenos para curar as enfermidades. Co rapaz había que levar a tres Marías e logo pasar o neno entre as buratas do Penedo de *Angaraño. Despois prendíase unha vela e queimábase a roupa da rapaza ou rapaz.

* Variante de arangaño, nome que designaba o raquitismo

Na noite de San Xoán, se te lavas nunha das fontes da aldea que bote todo o ano, antes de que saia o sol, pasaranche todos os grans da cara.


Mirian Corbal, 4º ESO

domingo, 15 de febrero de 2009

E MÁIS LENDAS


AS DAS NOITES

Meu avó contoume que, antigamente, “As das Noites” andaban vagando polas rúas da aldea buscando quen as guiase. Polas noites quen dese con elas quedaba atrapado como guía ata que o desafortunado conseguía dar con alguén que fixese a súa tarefa e así el poder librarse.

Tamara Castro, 4º ESO

O PENEDO DAS MOURAS

Era unha nena dunha aldea que ía todos os días coas ovellas ao monte onde había un penedo. Nese penedo vivía unha moura que lle daba un sal de ouro á nena cando a vía baixo a promesa de que non dixese nada á nai. Un día, a súa nai decatouse de que a súa filla traía algo e esta cofesoulle a verdade. Ao día seguinte, cando foi coas ovellas aos penedos non volveu e a súa nai foi buscala, preocupada. Preguntoulle á moura onde estaba a súa filla e a moura contestoulle: “Nin mariquita nin maricota, a túa filla está na pota.”

Iván Garrido, 4º ESO

lunes, 9 de febrero de 2009

LENDAS ORIXINAIS DA BISBARRA


Lenda da Lagoa de Antela


Segundo conta a lenda, antigamente, cando aínda non existía a Lagoa de Antela, había dúas torres: a do Castro e a Torre da Pena. En cada unha delas vivía un canteiro que picaba nas pedras cun martelo. O problema era que só contaban cun martelo para os dous co cal tiñan que facer quendas para facer uso da ferramenta lanzándoo de torre a torre. Cóntase que un día a un canteiro faltáronlle as forzas e o martelo quedou a medio camiño entre as dúas torres. Cando o martelo caeu, segundo din, a auga comezou a brotar do buraco que fixera ao caer e de tanta auga que saíu formouse a Lagoa de Antela.

A traizón da Torre de Sandiás


Segundo contan relatos e lendas antigas, hai moitos anos os irmandiños intentaron conquistar a Torre de Sandiás para destruíla e apoderarse do terreo. Pero cando os irmandiños empezaron o ataque cóntase que os da Torre resistiron o asalto, resistiron ata que un criado traizoou os señores da fortificación deixándo entrar os irmandiños por unha porta. Os asaltantes mataron os señores a sangue frío mentres durmían e logo destruíron e queimaron a Torre do Castro, por iso agora está así de destruída.

Jorge Losada, 4º ESO


Lenda do castelo da Pena

Hai moitos anos, contan os vellos, que a lagoa de Antela estaba comunicada por tres castelos ben diferenciados entre eles: a Torre de Pena, a Torre do Castro e a Torre da Forxa. Din que había un túnel que unía estas tres torres, ata o punto de que botaban unha galiña con poliños na Torre de Pena e ían saír á Torre do Castro. Este tipo de túneles eran utilizados polos mouros que poboaban as torres para espiarse os uns aos outros e tamén para acceder ao interior dos castelos, porque andaban en guerra entre eles.
Concretamente, falan os vellos, que o castelo de Pena tiña unhas celas escuras, provistas dunhas argolas cunhas cadeas onde prendían os mouros apresados para torturalos. Téñense atopado mesmo esqueletos.
Este castelo da Pena estaba rodeado dunha gran muralla, que dificultaba a entrada dos mouros e que servía de protección ao castelo, polo que a única forma de traspasala era a través dos túneles.
Nesa época, segundo din os máis vellos, a loita entre os mouros era con espadas e tamén con aparellos de todo tipo, de aí os seguintes versos:
O meu avó
tiraba de castelo a castelo
coa pica dun martelo.
Por iso se di que o pico que lle falta ao castelo da Pena foi destruído nesas loitas cun enorme martelo, sendo roubado polos mouros de Sandiás, os da Torre do Castro, como símbolo de vinganza.

Lucía Bolaño, 4º ESO

Inmigración 2

Inmigración 2
Dende Alemaña

Inmigración 1

Inmigración 1
Dende alemaña

no limite 1

no limite 1
Lodoselo