lunes, 2 de noviembre de 2009

UN CONTO DE MEDO

Laura e Lucía mándanos esta historia arrepiante.

Imos narrar unha historia contada na propia noite do Samaín:

Todo o mundo sabía que Antía estaba tola. Parecía unha especie de fada, unha rapaza saíada doutro mundo.Loira, miúda, moi delicada, cunha infinita sonrisa, misteriosa nos seus beizos. Xavier non tiña moi claro que lle atraía dela... A Xavier encantáballe a maxia. Pero non podía falar cos rapaces da escola sobre o seu mundo de fantasía. Soamente con Antía.

- E xuroume que se lle aparecera o espírito do seu pai, que morreu cando ela era moi pequena- dixo Antía unha tarde na casa de Xavier.

- E que lle dixo? Contoulle algo?- preguntou Xavier, escoitando abraiado a historia de Antía

- Non o sei. Xa sabes que a miña tía é moi reservada. Di que os mensaxes dos espíritos son persoais e que terei que contactar eu mesma con eles. Pero díxome que noutra vida eu fun Cleopatra

- Ao mellor eu era un Sacerdote do Deus do Sol, gustaríame sabelo.

- Se de verdade queres, hai unha forma de sabelo, agora mesmo e aquí na túa casa.

- Dime como! Quero sabelo!

- Pero hai que tomalo en serio e facelo ben, oíches falar da oigha?

- Non, que é?

- Unha forma de contactar cos espíritos, eles poden falarnos do noso futuro ou pasado.

A Xavier dáballe un pouco de medo pero tiña curiosidade, entón preparámolo todo: cun vaso, cunha cartolina e cun lapis.

Concentráronse moito e despois os dous puxeron o dedo no vaso:

- Hai alguén aí?- preguntou Antía

Moi devagar o vaso moveuse coa palabra “si”.

- Quen es?

– M-e-l-l-o-r q-u-e n-o-n o s-a-i-b-a-s - foi deletreando o vaso sobre as letras da cartolina. Todo estaba en silencio só se escoltaba o ruído do vaso ó moverse (sbbbbb....)

- Coñécesnos?- preguntou Antía.

- B-u-s-c-o a X-a-v-i-e-r , A-n-t-í-a n-o-n m-e i-n-t-e-r-e-s-a.

- Podes dicirnos se es un espírito bo ou malo?

- N-o-n s-o-n b-o, n-o-n s-o-n m-a-l-o, n-o-n s-o-n h-u-m-a-n-o

- Pero podes darnos algunha pista de que estás aquí?

As velas apagáronse de golpe e Xavier levantouse correndo e acendeu a luz dicindo que tiña medo. Antía non lle respondeu e preguntoulle o espírito se estaba con algúen ao ,que lle contestou que si, que estaba con Maribel. A Xavier deulle un calafrío. Entón o espírito díxolle:

- A t-ú-a n-a-i q-u-e-r-e d-e-s-p-e-d-i-r-s-e.

- Iso non é verdade! A miña nai está traballando e chega a casa pronto - púxose a chorar.

O teléfono soou (ring, ring..) e Antía colleuno. Cando colgou aterrada mirou a Xavier e dixo:

- Era o teu pai di que a túa nai tivo un accidente e que está moi grave.

Xavier escoitaba dende o outro mundo, aínda tiña o dedo no vaso e movíase dicindo:

- A-t-a p-r-o-n-t-o, X-a-v-i-e-r!

lunes, 25 de mayo de 2009

REVISTA NO LÍMITE

Colgamos a revista que se editou en papel este ano para que todo o mundo teña oportunidade de lela e ver as "estampiñas".
Un saúdo da editora.

martes, 14 de abril de 2009

O LONGO CAMIÑO



O luns 16 de marzo as 10:30 había un coche de liña esperándonos na porta do instituto. Para que? Os alumn@s de 1º de Bach. e 4º ESO (Div.) tiñamos unha saída na zona dos Blancos.
A viaxe ata Covas estivo moi animada pola música, notábase que a xente devecía por chegar. Unha vez alí comezaron os problemas, que persoas ían levar os sachos? (Os profesores por suposto que non!) Emprendemos o camiño baixo un sol abrasador e, que nos esperaba ante os nosos atónitos ollos? Unha interminables subida! Na primeira curva presentóusenos o noso acompañante, Santos. Explicounos que iamos realizar a ruta que prepararan, para que a xente paseara polo monte e coñecese a paisaxe da zona, que constaba de 40 km. pero tranquilos que nós só fixemos 15 km. Polo camiño informounos da importancia do piñeiro silvestre para a recuperación do solo e o que tardaba en arder cando se iniciaba un incendio, as causas e consecuencias destes e os métodos que se empregan para a súa extinción. Fixemos un alto para plantar as árbores que trouxeramos. Por fin lle demos uso os sachos! (Aparte da competición que montaramos, gañaba quen lle cargase o sacho a outra persoa máis rápido) despois de demostrar as nosas dotes sachando continuamos para buscar un lugar onde comer (que tanto traballo da fame).
Paramos a comer nun mirador, observamos unha gran variedade de menús que ían dende bocadillos de mortadela ata empanada, crocretas e uns deliciosos doces caseiros (que os profesores tamén degustaron porque hai xente moi “pelota”). Despois de xantar fixémoslle caso ao mirador, onde algúns de nós puidemos observar a nosa aldea (Sarreaus, Solveira...) e Santos contounos como eran as batidas dos lobos que organizaban as diferentes aldeas da zona. Continuamos a nosa marcha có estómago cheo e o sono rondándonos, dirixímonos a un alto onde admirar a paisaxe e poder ver o Penedo da Raíña Loba.
Comezamos o retorno cansos (e acalorados!) e chegamos ao paraíso, que tiña forma de zona sombreada e unha fonte con auga fresca. Enchemos as nosas cantimploras. Chegados a este punto os profesores avisáronnos de que tiñamos que facer 5 km nunha hora (non dabamos creto pero o feito de que fose todo baixada consolábanos moito). Para cumprir co tempo imposto tomamos un atallo pouco frecuentado (cheo de toxos e silvas!). Medios mortos (Lamas acúdenos!) chegamos ao coche de liña. HORROR!!! Faltábanos un sacho!!! (adiviñades de quen era a culpa?) Desta volta, na viaxe palpábase o cansazo. Só había mostra de interese nos aloumiños que algúns estudantes se intercambiaban.
Cando chegamos o instituto disolvémonos con discreción.

Raquel Vázquez Blanco e Elisabeth Lamas Rivero 1º Bach. B

miércoles, 8 de abril de 2009

RECREACIÓNS SOBRE POETÍZATE


Recreacións do alumnado sobre poemas do libro de fran Alonso Poetízate

Florecer no monte

Medran as flores sobre o campo
descansan os paxaros no niño
vexo os homes traballando a carón do río.

Se me fixo no horizonte
útiles durante moito tempo
vexo ermos os terreos dos nosos vellos.

Jose Fernández Villar (sobre “Anoitecer na terraza”, de Xavier Seoane)


A larapeteira

A muller por curiosidade quer *larapetar,
pensou Xan hai moito tempo.
A súa tía quixo larapetar de todos,
quixo larapetar do cura,
quixo larapetar da veciña,
quixo larapetar do alcalde,
quixo larapetar da peixeira.
Cala! –respondeulle o sobriño
que a escoitaba sentado-
a que quere larapetar, *arrostra.

*Larapeteira: que fala máis do conveniente da vida privada dos outros.
*Arrostrar: facerlle fronte a unha dificultade.

Carlos Rodríguez (sobre “O preguntón”, de Celso Emilio Ferreiro)



Prohíbese, por orde da Alcaldía,
que medren porque si
as rosas do xardín municipal.
Dende agora as pombas teñen
que pedir licencia pra voar.
Prohíbese á Lúa
andar ceiba de noite polo ceo.
A lúa é unha tola que anda espida
dando mal exemplo ás nenas castas
i ós fillos de familia.
Pagarán trabuco os...

Resultado

Prohíbese, por mandato do pobo,
que agromen porque si
os corruptos no goberno universal.
Dende xa os chantaxistas teñen
que solicitar permiso para falar.
Prohíbese a Marte
influenciar imperiosos na noite dende o ceo.
Marte é un manipulador que anda ceibe
sendo mala compañía dos traballadores actuais
e das xentes con poder.
Pagarán imposto os estafadores.
Prohíbese mentir de sol a sol.
Prohíbese cuspir (falsos) perdóns.
Pódese mercar tan só cando é época
para que non fiquen
baldeiras as despensas.
Un só debe aforrar
os comentarios e observacións
cando se asoballa
a liberdade das persoas do universo.
Están fóra da lei
os “buracos negros”, o “Inverno”,
os “toxos” e os “voitres”.
Transcríbese este bando en tal e cal
para que se consiga (algún día)
por orde/ necesidade do pobo.
Firmado e “finiquitado”.

Esther Álvarez (sobre “Bando”, de Manuel María)

Por esforzo

Por esforzo teño os pés na terra.
Por esforzo cheguei onde cheguei.
por esforzo son como son,
por esforzo.

Por esforzo dóenme os cadrís
e estóupame o corazón.
Por esforzo dóeme todo.
Por esforzo, só por esforzo.

Ana Barxa (sobre “Por amor”, de Darío Xohán Cabana)


Amor con coitelo:
submisión
Pecado con razón:
lamento
Cea con pan:
ameaza
Verán con chuvia:
desterro
Conversa con ledicia:
unha malleira
Vestido con sangue:
a derradeira
Ti con el
fin.

Raquel Trigo (sobre “Voz sen verbas”, de Antonio García Teijeiro)

Gústame o teu sabor doce e fresco na miña lingua!
Gústame o teu corpo, esa calidez que apreixo!
Gústame a miña ledicia proxectada no teu sorriso!
Gústame o teu silencio nos meus beizos.

Raquel Vázquez ( sobre “¿Será o teu corpo...?, de Alfonso Pexegueiro)

Para que queredes un porco durmido
para que queredes que baile con el,
abrídeo e comédelle a cachucha.

Alba Núñez (sobre “Para que queredes un poeta vivo”, de Alfonso Pexegueiro)


Para que queredes un burro bo
se non tedes que traballar con el;
vendédeo e gañádelle uns cartiños.

Juan José Nieto

Isto dixo no outono
a miña derradeira folla:
quen me dera ser perenne
para seguir colgada sempre.

Laura García (sobre “Esta será na morte”, de Lupe Gómez)

O que vivo é a vida
a marabillosa ilusión da vida
o pensamento marabilloso de vivir
as forzas coas que vivo.
Vivo a miña experiencia de vivir.
Vívome.

Victoria Ábalos (Sobre “Metáfora da metáfora”, de Mª Xosé Queizán)

Mañá non haberá silencio
entre as nosas palabras.

Mañá non teremos medo
nin soidade
só luz.

Mayte López Atanes (sobre Xénese )


Quixera esquecer
o teu nome
na vella noite
dun conto de fadas.

Ruth Lorenzo (sobre Campanas)


Dixo: cheguei
e despois das súas pisadas,
pegado ó chan,
empezou un ruído
que ía formándose como un motor.

Elena Rodríguez (sobre Dixo: Voume)

domingo, 5 de abril de 2009

EXCURSIÓN A MADRID




A mañá do día 12 de Marzo algúns alumnos e alumnas de 2º de bacharelato partimos cara a Madrid. A viaxe fíxose algo longa pero tras unha parada para comer, chegamos ao noso destino. A 1ª visita foi ó museo Reina Sofía, alí vimos o Guernica de Picasso e quedamos sorprendidos pola súa magnitude. Despois fomos camiñando ata a Praza Maior, e fomos vendo o Congreso, a Porta do Sol e a Gran Vía. Para cear dividímonos en grupos, algúns fomos en metro e vimos outros edificios emblemáticos pola nosa conta, como por exemplo, a Casa das Moedas, a Torre de España e RTVE. Logo reunímonos en Atocha sobre as 23:30 e fomos para o hotel que estaba nas aforas de Madrid. Foi unha "noite intensa", durmimos pouco pero ás 8:00 xa estabamos na cafetería do hotel para almorzar. Ese día fomos ver as Torres de Europa que se atopan no Paseo da Castellana e fomos en metro ata o Museo de América onde contemplamos parte da cultura indíxena. Fomos comer en grupos, algúns aproveitamos para visitar o interior do estadio Santiago Bernabeu, a verdade é que nos impresionou a súa dimensión, vimos os vestiarios, as butacas, a sala de prensa, os banos dos xogadores, o campo…Outros quedaron pola zona do Prado e tiveron a oportunidade de ver o exterior do Museo Thyssen e de "cruzarse" co rei e coa raíña de España que estaban a recibir á presidenta de Alemaña Anxela Merkel. Sobre as catro da tarde visitamos o Museo do Prado e ao saír paseamos polo Parque do Retiro. Aí volvemos separarnos para cear e visitar a cidade e de novo encontrámonos en Atocha para ir ao hotel a “durmir“. O día seguinte xa era o momento de voltar pero pola mañá aínda fomos ver O Escorial e logo collemos o autobús para ir a Segovia, onde vimos o acueducto e logo separámonos para comer; ao rematar fomos ver a catedral e, a continuación, o exterior do Alcázar. Á media tarde collemos o bus para volver ao noso lar, chegamos sobre as doce da noite.


Foi unha viaxe de tres días que se fixo aínda máis curta do que era, pasámolo moi ben e aproveitamos moito o tempo. Ademais de gozar da compañía dos nosos compañeiros cos que compartimos as aulas, aprendemos moitas cousas tanto cultural como persoalmente. Vimos como se vive nunha gran cidade e aprendemos a desenvolvernos nela. Como di o noso profesor Sindo, foi como un pinchiño, e con estas viaxes aumenta o noso interese aventureiro.
Estarán todos de acordo con que este tipo de excursións do instituto non se esquecen. Recomendámosvos que cando cheguedes a 2º de bacharelato non a perdades!!

Alba Morán e Sonia Míguez

sábado, 4 de abril de 2009

SAÍDA DENDE COVAS A FONTEARCADA


O luns 16 de marzo, dentro da semana na que se conmemora o día da árbore (21 de marzo), saímos facer unha andaina dentro do Concello de Os Blancos. Achegámonos ata a aldea de Covas alumnado de 3º div, 4º div e 1º de Bacharelato acompañados polos profesores e profesoras do departamento didáctico de Bioloxía e Xeoloxía. Dende este punto emprendemos un percorrido que nos ía a levar ata Fontearcada guiados por Santos, axente forestal e educador ambiental, a través dun dos roteiros que se están a sinalizar dentro da comarca cos postes indicadores de mediano percorrido e paneis informativos acerca da paisaxe, elementos etnográficos, vexetación e estruturas xeolóxicas máis salientables da zona, co obxectivo de pór en valor os recursos ambientais e patrimoniais do lugar.
Santos ía marcando as paradas para ensinarnos e dar explicacións de todo aquilo que atopabamos no camiño. A vexetación arbórea dominante é a de piñeiro silvestre, de repoboacións realizadas hai máis de 30 anos, que amosan xa un aspecto bastante naturalizado e que non impediron a rexeneración natural de árbores autóctonas; hai tamén bosquetes de cerquiños, a formación natural, que rebrota para recuperar o seu territorio, polo que atopamos árbores dunha idade semellante ás que se empregaron para as repoboacións. Esta zona é cabeceira do río Eiroá, despois Nocelo, o único curso de auga na Limia que mantén certo caudal ao longo do ano, froito do labor que realizan os bosques, cuxo chan é como unha esponxa que se empapa das augas das chuvias do inverno, e vainas soltando pouco a pouco a través do subsolo, mantendo fontes e regatos, e non como nas zonas deforestadas que a auga de chuvia escapa cando chove e os solos quedan secos rapidamente. Nós tamén deixamos a nosa pegada plantando sete freixos, un número másico segundo nos conta o noso guía. Mais non todo é correcto, e de seguido atopámonos cunha pista forestal asfaltada había pouco, para que?, se xa hai unha estrada que comunica as aldeas!
Un dos elementos etnográficos máis salientables do percorrido e o “Foxo dos lobos” que hai preto do pico do Cebreiro. Remontámonos case á Idade Media, éooca en que os habitantes da bisbarra acostumaban a facer batidas coa intención de cazar os lobos que atacaban ao seu gando. Estes eran cercados aproveitando as características orográficas, facendo unha especie de funil que remataba nun foxo onde caían os lobos e onde os veciños os mataban. Desta práctica ancestral, non exenta de barbarie, hoxe nos quedan lendas, contos e restos das construcións que se empregaban, podendo ser utilizado como recurso turístico para atraer a xente de fóra como realizan noutros lugares do estado, aproveitando o reclamo do lobo.
Máis tarde fomos ata a Fonte da Cunca, unha das sete fontes do lugar, onde puidemos beber, refrescarnos e coller folgos. Dende calquera punto do percorrido puidemos observar a abundancia de penedos que caracterizan o relevo dos nosos montes; entre eles destaca, pola súa beleza, o Penedo da Raíña Loba, rocha mítica ateigada de lendas que explican as formacións xeolóxicas, como a cunca onde a Raíña utilizaba a súa auga para peitearse.
A derradeira parada foi nunha charca onde vivían varias especies de anfibios: píntegas, tritóns e moitos cágados de ras e sapos. Estes lugares teñen unha importancia capital para facilitar as postas destes animais que están en continua regresión e dos que cada vez quedan menos exemplares.
Foi unha xornada preto da natureza, onde gozamos e aprendemos moitas cousas, como a necesidade, non só de repoboar os montes, senón de facelo de xeito adecuado, respectando as pautas que marca a propia natureza, e non guiándonos só polos intereses económicos a curto prazo, por que .... de que nos serve un planeta forrado de formigón?

Verónica, Maimuna, David, José Luis, Óscar, Jonathan, Daniel, Manuel e José Manuel

jueves, 2 de abril de 2009

MÁIS REMEDIOS


Debuxo ortiga (estruga): Antía Valbuena

Información científica: Isabel García

Asesoramento lingüístico: Carmen Gómez


PARA A CAÍDA DO PELO


Férvese auga e engádenselle ortigas. Cócese a mestura e déixase repousar un tempo. Logo lávase a cabeza con esta mestura.

Ortiga (Urtica dioica L.):


O poeta latino do século primeiro da nosa era, Cayo Petronio, recomendaba aos homes que querían aumentar a súa virilidade, que se azoutaran” cun ramo de ortigas no baixo ventre e na nádegas”. A urticación, refregarse con ortigas frescas, xa era practicada polos antigos gregos.


Os peliños da ortiga conteñen histamina, e acetilcolina, substancias que o noso organismo tamén produce, e que interveñen activamente sobre os aparellos circulatorio e dixestivo, como transmisores dos impulsos nerviosos do sistema vexetativo
As follas conteñen abundante clorofila, cuxa composición química é moi similar á da hemoglobina que tingue de vermello a nosa sangue. Son moi ricas en sales minerais, especialmente de ferro, fósforo, magnesio, calcio e silicio, que as fan diuréticas e depurativas. Conteñen tamén vitaminas A, C e K, ácido fórmico, tanino, e outras sustancias que dan da ortiga unha das plantas con máis aplicacións medicinais.

Ø Depurativa, diurética e alcalinizante: indicada no caso de afeccións reumáticas, artritismo, gota, cálculos renais, e en xeral, sempre que se precise unha acción depurativa e diurética. Alcaliniza a sangue, facilitando a eliminación dos residuos ácidos do metabolismo.
Ø Antianémica: Úsase nas anemias por falla de ferro ou por perda de sangue. O ferro e a clorofila que abundan no ortiga, son estimulantes da produción de glóbulos vermellos. A ortiga convén tamén nos casos de convalecencia, desnutrición e esgotamento, polo seu efecto reconstituínte e tonificante.
Ø Vasoconstrictora ( contrae os vasos sanguíneos) e hemostática ( detén as hemorraxias)
Ø Dixestiva: a ortiga contén pequenas cantidades de secretina, unha hormona que producen determinadas células do noso intestino, a cal estimula a secreción de xugo pancreático e a motilidade do estómago e da vesícula biliar. Isto explica que a ortiga facilite a dixestión e mellore a asimilación dos alimentos.
Ø Astrinxente: É útil para todo tipo de diarreas, colite ou disentería.
Ø Hipoglucemiante: As follas de ortiga fan baixar o nivel de azucre, permitindo en moitos casos diminuír a dose de insulina.
Ø Galactóxena: Aumenta a secreción de leite das nais.
Ø Emoliente: Polo seu efecto suavizante, recoméndase, nas afeccións crónica da pel, especialmente os eccemas, as erupcións e o acne. Tamén se usa contra a caída do pelo. Limpa e embelece a pel. Obtéñense mellores resultados se se toma por vía oral, ademais de aplicada localmente.

PARA PROBLEMAS RESPIRATORIOS


· Ferver auga con pólas de eucalipto durante algún tempo. Respirar sobre a pota os vapores cando a mestura aínda está quente. Pór a pota na habitación.
· Para respirar ben polas noites, picar unha cebola enteira, póla nun prato e colocala na mesiña de noite.
As accións destas plantas xa están descritas para o catarro e a gripe.

MÁIS REMEDIOS


PARA CONTUSIÓNS E GOLPES


· Macéranse 40 grs de raíces e flores de árnica en 200 grs de alcohol de 60 º. despois de 10 días fíltrase e embotéllase o líquido. Para o seu uso débese diluír con anterioridade, antes de aplicalo sobre mazaduras e golpes sen ferida aberta.
· Botamos mel na zona mazada para que cure.
· Untarse con mel e sal.
· Pór panos de vinagre na mazadura.
· Ferver ruda e aplicar na mazadura.
· O mel aplicado á zona axuda a que desapareza o negrón dos golpes.

Arnica (Arnica montana L.): Contén una aceite esencial, fenois, flavonoides e taninos. Posúe un notable efecto estimulante sobre o corazón e a circulación, pero resulta moi tóxica para o sistema nervioso, e non se recomenda o seu interno. Debe considerarse como unha planta velenosa.

Por vía externa, aplicada sobre a pel en forma de TINTURA, é un excelente vulnerario e antiinflamatorio local, para golpes, contusións, escordaduras (torceduras) e hematomas ( mazaduras).

Ruda (Ruta graveolens L.)


Durante a Idade Media cultivábase sobre todo nos claustros dos conventos, pola súa fama de antiafrodisíaca. Propiedades:
Ø Afeccións xinecolóxicas: a ruda contén unha esencia rica en metilnonilcetona, de forte actividade oxitócica ( contrae o útero). Por iso úsase no caso de falta de menstruación: amenorrea.
Ø Antiespasmódicas e antisépticas: adminístrase para calmar a dor dos cólicos abdominais.
Ø Antihemorráxica: A ruda contén tamén rutina ou rutósido (vitamina P) que aumenta a resistencia dos capilares sanguíneos.
Ø Antirreumática: Externamente é revulsiva e úsase en compresas para calmar os dores reumáticos.
Ø Afeccións dermatolóxicas: Polo seu efecto revulsivo é efectiva para a sarna, psoriase, eccemas.

En doses altas é abortiva e tóxica. O roce da planta ca pel pode provocar reaccións alérxicas.


2- PARA A DIABETES


Nunha cunca de auga fervendo engádeselle 2 culleradas de folla seca de xarxa (salvia). Ponse a repousar uns minutos. Tómanse 3 cuncas ao día.
As accións da xarxa xa están descritas.

viernes, 27 de marzo de 2009

REMEDIOS



PARA A GRIPE


Ingredientes:
150 grs de repolo
150 grs de laranxa pelada
Unha vez que os ingredientes estean licuados tómanse tres veces ao día.

As propiedades do repolo e a laranxa que describimos para o catarro tamén son válidas para o caso da gripe.

PARA A AFONÍA


Ingredientes:
100 grs de apio
100 grs de repolo

Unha vez preparados licúanse e tómanse unha vez pola mañá en xaxún e outra vez pola noite antes de deitarse.

Apio ( Apium graveolens L.): Toda a planta contén un aceite esencial que actúa sobre o ril, glucoquininas, un glucósido ( apiína), cumarina, e oleorresina, ademais de substancias nitroxenadas e vitaminas B e C.
Entre as súas propiedades está a de tonificante. Comunica unha sensación de benestar e vitalidade. O xugo de apio resulta de gran utilidade como tonificante xeral e remineralizante, asociado ao xuga de tomate, cenoria e limón. Convén aos que padecen esgotamento ou depresión nerviosa.

PARA A ANEMIA

Ingredientes:
200 grs de cenoria
100 grs de espinaca


Licúanse os ingredientes e tómanse despois do almorzo e da cea

Cenoria: O seu contido en vitamina A faina beneficiosa nos casos de trastornos metabólicos e endocrinos; anemia, retraso do crecemento, hipertiroidismo ( regula a función tiroidea), dismenorrea, depresión nerviosa entre outras accións.

Espinaca ( spinacia oleracea ): Ten unha gran riqueza en Betacarotenos que son precursores da vitamina A e que actúa como antioxidante e favorece a no aparición do cancro.
Polo seu alto contido en Zinc e ácido fólico resulta adecuada para o embarazo.
É unha planta rica en ferro o cal a fai útil para a anemia.

PARA A DOR DE CABEZA ( non aparecen accións destas plantas)

Ingredientes:
300 grs de repolo
100 grs de apio


· Licúanse os ingredientes e tómanse despois do almorzo e da cea.
· Coller un vaso de café puro e mesturalo con cacao, logo beber amodo.
· Apoiar os ollos nas palmas das mans.
· Apertar o cello

lunes, 23 de marzo de 2009

PARA O CATARRO


Debuxo de romeu: Antía Valbuena

Información científica: Isabel García

Información remedios: alumnado de 4º B


PARA O CATARRO


· Ferver durante uns minutos auga cunhas cantas ramas de ourego, cóase a mestura e tómase quente. Pódese adozar con azucre ou mel. Tamén se lle pode engadir limón.
· Licúanse 2 pomelos pelados e 150 grs de cebola pelada e unha vez licuados tómanse unha vez ao día en xaxún.
· Ponse a ferver nun cazo o zume dun limón, unha boa cullerada de mel e unha copa de coñac. Unha vez fervido tómase o máis quente posible.
· Cebola picada nun prato: pola noite, na cama, cheirala poñéndoa debaixo da almofada.
· Auga aferrada: ponse unha espeta de ferro no lume, ata que se volva vermella e logo introdúcese nun vaso de auga e bébese.
· Botar auga nunha pota con 9 figos, ferver uns minutos, coar a auga, logo botarlle mel e beber o preparado.
· Para previr o catarro e dores de gorxa, relar unha cenoria nun bote de mel, ou introducir en pequenas lascas, e cada mañá tomar 1 cullerada.
· Vapores de romeu e eucalipto .

Ourego (Origanum vulgare L.): Toda a planta é rica nun aceite esencial que contén timol e carvacrol, de acción sedante, antiespasmódica e carminativa. Contén así mesmo flavonoides e ácido ursólico, aos que se atribúen as súas propiedades antirreumáticas. Entre outros usos utilízase para afeccións respiratorias que cursan con tose seca ou irritativa, como a larinxite ou a tose ferina. O ourego ten tamén acción expectorante, béquica e antitusíxena.

Limón (Citrus limon L.): o xugo de limón contén vitaminas, B1, B2 e C, sales minerais ( potasio sobre todo), oligoelementos , azucres, mucílagos, ácidos orgánicos (cítrico, málico, acético e fórmico) e flavonoides (hesperidina). Entre outras accións é:
Antiséptico: o seu xugo resulta moi útil contra as amigdalite( anxinas) e a farinxite. Igualmente resulta beneficioso como antiséptico para todo tipo de feridas e úlceras cutáneas.
Febrígugo: o xugo integral, que inclúe tanto polpa como a cortiza baixa a febre no caso de gripe e arrefriados.

Pomelo ( Citrus maxima): ten as mesmas propiedades ca o limón pero actúa con menor intensidade. Posúe un característico sabor amargo e acedo.

Figo (ficus carica L.):
Hai unha historia acerca do poder curador dos figos:


Ezequías foi un dos monarcas máis importantes do reino de Judá, ao que gobernou entre os anos 727 e 698 a.C.
Cando o rei estaba a gozar do triunfo que supuña liberarse da invasión dos asirios, caeu gravemente enfermo. Fíxose unha terrible chaga que puña en risco a súa vida, e que os médicos que estaban ao seu servizo non eran capaces de curar. Desesperado, seguiu o consello de Isaías, o profeta que o animara a resistir aos asirios.
“Preparade unha masa de figos e poñédea sobre a chaga”, recomendou Isaías. O relato bíblico indica que aquela cataplasma fixo efecto. A chaga sandou e o rei Ezequías viviu varios anos máis.


Propiedades e indicacións: Os figos son especialmente ricos en azucres: frutosa, glucosa e sacarosa; conteñen ademais pequenas cantidades de graxas e proteínas, así como sales minerais, vitaminas A, B1, B2 e C, e ácidos orgánicos.
O líquido que se obtén da decocción dos figos secos ten propiedades emolientes (calmantes) sobre as mucosas inflamadas, xa sexan dos aparellos dixestivo ou respiratorio. Dá bos resultados no caso de farinxite gastrite, bronquite e tose irritativa.

Cenoria (Daucus carota L.): a raíz contén abundante pectina, substancia glucídica de acción absorbente antidiarreica; sales minerais diversas, especialmente de potasio e fósforo, así como oligoelementos, que a fan remineralizante e diurética; aceite esencial, que lle confire a súa peculiar aroma e os seus efectos vermífugos; e vitaminas do grupo B, algo da C y sobre todo, caroteno. A cenoria é un dos vexetais máis ricos en provitamina A.
A vitamina A ten efectos como preventivo de catarros nasais, sinusais, farínxeos e bronquiais, pois ademais de fortalecer as mucosas, aumenta as defensas. Tamén mellora a función da mucosa gástrica.

Eucalipto ( Eucalyptus globulus labill.): as súas follas conteñen tanino, resina, ácidos graxos e sobre todo, esencia, na que se atopan os seus principios activos. Esta esencia contén cineol ou eucaliptol entre outras substancias. A esta esencia débenselle as súas propiedades expectorantes, balsámicas, antisépticas, broncodilatadores e lixeiramente febrífugas e sudoríficas.
O vapor, xunto coa esencia de eucalipto volatilizada, actúa de dúas maneiras:
1- Directamente sobre a pel do peito, facilitando a eliminación de toxinas a través da pel e desconxestionando os pulmóns.
2- Por inhalación dentro dos bronquios. Ademais, á acción antiséptica, balsámica e expectorante da esencia engádeselle o efecto mucolítico do vapor de auga, que desfai o moco bronquial e facilita así a súa eliminación.

Romeu ( Rosmarinus officinalis L.): Contén unha esencia con derivados terpénicos, á que se lle debe a maior parte das súas virtudes medicinais; ácidos fenólicos de acción diurética, e flavonoides con efectos antiespasmódicos.
A súa acción máis importante é a de tonificante. Os convalecentes, esgotados, e incluso os anciáns, atoparán nas súas infusións un bo tónico que lles devolverá a vitalidade perdida.
Os baños con infusión ou decocción, e as friccións con alcohol ou con esencia de romeu, teñen efecto estimulante no caso de hipotensión ou de esgotamento físico.
Estas accións axudan nos procesos catarrais e gripais a recobrar a enerxía e serve como reconstituínte.


Mel: a color, aroma e sabor de cada mel depende das diferentes especies florais das que liban as abellas. Cada Unha posúe virtudes propias:
a. Mel de azar: sedante, para quen padece problemas de ansiedade, estrés, insomnio.
b. Mel de romeu: combate os problemas hepáticos, ademais de calmar a tose.
c. Mel de tomiño: aumenta as defensas.
d. Mel de breixo: é un gran diurético que combate a cistite.
e. Mel de mil flores: reconstituínte, moi bo para o aparello dixestivo e intestinal.
f. Mel de eucalipto: beneficiosa para o sistema respiratorio,

lunes, 16 de marzo de 2009

VISITA DE ANXO FARIÑA




O pasado 30 de xaneiro de 2009, visitounos Anxo Fariña, escritor e ilustrador vigués.

Deunos unha conferencia aos alumnos e alumnas de 2º da ESO e nela falou de como foran os seus comezos como escritor de contos infantís e como acabou converténdose no escritor e ilustrador que é hoxe en día.

Díxonos que foron moitas as portas que se lle pecharan ante o seu talento, pero que tamén outras se lle abriran.

Foi entrevistado por uns compañeiros e amosounos as súas mañas e talento para o debuxo.


Ó final da conferencia asinoulles a tódolos alumnos que quixeron os seus exemplares dos Megatoxos.


Yolanda Doliveira Domínguez
2º ESO A

martes, 10 de marzo de 2009

PARA A TOSE


Debuxo de cebola: Antía Valbuena

PARA A TOSE

· Licúanse 175 grs de cebola picada e tómase en xaxún unha vez ao día.
· Ferver a cebola e beber a auga da cocción, 1 vaso cando se teña un acceso de tose.
· Elaborar unha poción con mel, güisqui e limón a partes iguais e tomar unha culleriña cada vez que haxa tose.
· Ferver xarxa con azucre e mel e beber a poción.

Cebola ( Alium cepa L.): Toda a planta contén unha esencia volátilrica en glucósidos sulfurados, o máis importante é o disulfuro de alilpropilo. A esta esencia débese a maior parte das súas propiedades. Contén tamén fermentos, de acción dinamizadora sobre a dixestión e o metabolismo; oligoelementos (xofre, ferro, potasio, magnesio, flúor, calcio, manganeso e fósforo); vitaminas ( A, complexo B, C, E); flavonoides de acción diurética; e unha hormona vexetal de acción antidiabética, a glucoquinina.


Accións:
Antibiótica: O xugo da cebola crúa compórtase como un auténtico antibiótico, actúa fronte a bacterias que afectan a pel, de aí que se utilice para curar feridas e furúnculos.
Expectorante pectoral: pola súa acción antibiótico, mucolítica( facilita a expulsión da mucosidade, facéndoa máis fluída) antiinflamatoria, é ideal para o caso de afeccións respiratorias: catarros das vías respiratorias, sinusite, farinxite, larinxite, bronquite, tose, asma bronquial, enfisema pulmonar. O xarope de cebola con mel é unha forma tradicional de administrala. Os gargarexos de caldo de cebola desinchan a farinxe e son útiles en caso de amigdalite.


Xarxa ( Salvia officinalis L.) : A súa acción é astrinxente e antiséptica, en gárgaras calma o picor de garganta e a tose do fumador.

Outras propiedades:

Toda a planta contén unha esencia rica en “tuyona”, que explica a súa acción antiséptica, antisudorífica, e emenagoga; taninos catéquicos, que lle outorgan propiedades astrinxentes e tonificantes, flavonoides e ácidos fenólicos, de acción antiespasmódica e colerética; e substancias de acción semellante á foliculina, hormona estroxénica feminina segregada polo ovario. Aplícase:

a. Afeccións xinecolóxicas: estimula e regula a menstruación; calma as dores da regra; combate os trastornos da menopausia. Tomada no último mes antes do parto, estimula as contraccións e facilítao. Favorece o equilibrio hormonal do organismo feminino. Recoméndase o seu uso en caso de vaxinismo e de frixidez. En irrigacións vaxinais, combate a leucorrea.
b. Tonificante do sistema nervioso: Posúe unha leve acción estimulante sobre as glándulas suprarrenais. Convén, pois, usala en estados depresivos, astenia, hipotensión, tremores, vertixes e outras manifestacións do desequilibrio neurovexetativo.
c. Exceso de sudoración: É quizais a planta con maior acción antisudorífica que se coñece. Unhas horas despois de inxerila, reduce a transpiración excesiva, especialmente pola noite, no caso de enfermidades infecciosas, de tuberculose, e de certas afeccións dexenerativas. Tamén baixa a febre.
d. Diabete: Ten acción hipoglucemiante que permite reducir a dose de medicamento.
e. Afeccións dixestivas: É dixestiva e carminativa; pola súa acción antiespasmódica e antiséptica contribúe a calmar os vómitos, as diarreas e os cólicos abdominais. Ten un efecto colerético ( estimula a secreción de bile), desconxentionando o fígado e favorecendo a dixestión.
f. Afeccións da pel: desinfecta e cicatriza. Os baños de xarxa contribúen á beleza da cute.

PARA AS PICADURAS DE INSECTOS



Debuxo de perexil: Antía Valbuena


PARA AS PICADURAS DE INSECTOS


Ingredientes:
25 grs de repolo
1 rama de perexil
1 porro
1 tomate



Unha vez preparados os ingredientes licúanse e co zume resultante cóbrese a zona afectada. Déixase actuar aproximadamente uns 20 minutos e despois enxáugase con auga fría.

Repolo ( Brassica oleracea ): as picaduras de insectos deixan feridas na pel, e a col ten propiedades cicatrizantes. Aplicada en cataplasma, cura feridas infectadas, úlceras varicosas, eccemas, furúnculos e acne.

Outras propiedades:
Antiulcerosa: inxerida, o seu xugo recoméndase contra a úlcera gastroduodenal, que é capaz de cicatrizar. Antianémica e antiescorbútica e hipoglucemiante ( fai diminuír o azucre en sangue dos diabéticos.
Diurética e depurativa, e consumida en xaxún, vermífuga.
Anticancerosa: Hai evidencias de que a col pode actuar como preventivo da formación de tumores cancerosos, posiblemente debido ao seu contido en caroteno (vitamina A).

Perexil ( Petroslelinum sativum Hoffm.): calma a dor e reduce a reacción inflamatoria das picaduras.


Outras propiedades:
O perexil contén apiína e flavonioides que lle confiren acción diurética; aceite esencial, rico en apiol e miristicina, que lle outorga propiedades emenagogas ( estimula a menstruación), vasodilatadoras e tonificantes. Contén tamén vitaminas A, C e E (tocoferol) en abundancia, así como fósforo , ferro, calcio e xofre.

domingo, 8 de marzo de 2009

PARA ESCORRENTAR MOSQUITOS


Debuxo de lavanda: Antía Valbuena
Información recollida polo alumnado de 4º B de ESO.

PARA ESCORRENTAR MOSQUITOS


· Absintio (axenxo): a infusión de absintio é un eficaz insecticida. Pode refregarse sobre os animais domésticos. Como loción aplicada sobre a pel escorrenta os mosquitos. Colocando absintio seco en saquiños de tea entre a roupa evítase a couza ou traza. Preparado: infusión de absintio de 10 a 20 grs de planta por litro de auga.
· Introducir na metade dun limón cravo.
· Tamén funciona con lavanda ou ourego.

Axenxo: escorrenta os mosquitos xa que non soportan o seu cheiro.
Hai unha anécdota que di que nunha antiga pousada utilizouse un anuncio no que se prometía, que para durmir a gusto, unha moza levaría a cada hóspede, á hora de deitarse, unha ramiña de axenxo para depositala no leito, e se a planta non daba o resultado apetecido, podería logo ir a moza soa e tal vez o lograra. Velaquí un exemplo máis da utilización da muller como obxecto sexual.

Outras propiedades:

É estimulante, aperitivo ( utilízase para a elaboración do vermú), dixestivo,febrífugo e vermífugo. Excita o apetito, facilita a dixestión e combate as dispepsias nerviosas. É un eficaz antihelmíntico (lombrigas, e solitaria), ataca a ictericia e a palidez, as obstrucións estomacais, e é de grande efectividade nos enfermos anémicos, inapetentes e convalecentes de doenzas de larga duración, excitando o apetito. É un reconstituínte xeral. Tamén é útil nas febres intermitentes e provoca o fluxo menstrual nas mulleres.

Limón con cravo: é o cheiro do cravo xunto co limón os responsábeis deste efecto. O mesmo podemos dicir da lavanda e o ourego.

REMEDIOS TRADICIONAIS



Introdución: Lucía Bolaño, 4º B de ESO
Debuxo de tomiño: Antía Valbuena, 4º B de ESO

INTRODUCIÓN

Non hai moito, acudir a unha consulta médica resultaba moi caro e, ademais, para moitas enfermidades non se coñecía ningún tratamento. Isto explica a existencia da medicina popular, que recolle o conxunto de tratamentos creados polo pobo para curar as distintas doenzas. Para sandar empregábanse remedios elaborados con compoñentes que se tiñan máis a man, fundamentalmente herbas e plantas, e outros obxectos e produtos, que preparaban e aplicaban persoas que posuían as habilidades e coñecementos necesarios. A aplicación das menciñas adoitaba ir acompañada de recitado de ensalmos, breves poemas aos que se lle atribuían propiedades curativas.

1.- TÉCNICAS MÁIS IMPORTANTES UTILIZADAS HABITUALMENTE NOS REMEDIOS TRADICIONAIS.

Os procedementos máis habituais para extraer os principios activos das plantas son:
a) infusión
b) decocción
c) maceración

INFUSIÓN

As infusións prepáranse botando auga fervendo por riba das plantas cortadas en anacos (secas ou frescas) e deixando repousar o líquido nunha teteira ou recipiente tapado.

DECOCCIÓN

Para preparar unha decocción débense cocer as plantas durante un tempo breve. Con este procedemento extráese máis sustancia do produto, por iso acostuma facerse coas partes máis duras ( raíces e talos) das plantas.

MACERACIÓN

A técnica consiste en deixar repousar ou abrandar os produtos nalgunha sustancia líquida ( aceite, auga, alcohol..).

BAÑOS, INHALACIÓNS E UNGÜENTOS

Cos resultados das coccións e infusións tamén se realizan baños ( para certas infeccións oculares é bo limpar os ollos cun baño de infusión de manzanilla, chamada tamén camomila ou macela) ou inhalacións ( moitas das doenzas pulmonares, poden mellorar cos vapores de cocer determinadas plantas. Así mesmo, os líquidos obtidos da maceración poden utilizarse para uso tópico, como ungüento.

2.- PROPIEDADES

Hai un gran número de plantas que teñen varias propiedades e que poden servir, ao mesmo tempo, para facer unha boa dixestión e para calmar os nervios. En cambio hai arbustos e follas de árbores que só son recomendables para unha finalidade concreta.

As propiedades máis comúns que presentan as plantas que usamos como medicinais son:


DIURÉTICAS
Estas plantas favorecen a fabricación dos ouriños . Son boas para os enfermos do ril. Un exemplo deste tipo de planta é a cola de cabalo.


RELAXANTES
Serven a relaxar a musculatura e actúan como sedante. Son recomendábeis para persoas que padecen trastornos nerviosos.
Dentro deste grupo están: as follas de laranxeira e a valeriana.


EXPECTORANTES
Axudan a expulsar as mucosas e a sucidade acumulada nos pulmóns e as vías respiratorias. Un exemplo é o anís estrelado.


DIXESTIVAS
A macela é quizais a planta dixestiva máis coñecida pero non a única, tamén o tomiño é outro exemplo.


ANTIINFLAMATORIAS
Rebaixan a inchazón cando, por infección ou contusión, se produce un avultamento que provoca dor. Unha planta con esta acción é o romeu.


CARMINATIVAS
Estas plantas axudan a expulsar os gases intestinais. O fiúncho, o comiño son exemplos emblemáticos.


ASTRINXENTE
Secan en constrinxen a pel e as mucosas. Os preparados inxeridos por vía oral teñen efectos antidiarreicos e tamén soen ser antihemorráxicos.

DEPURATIVAS
Estas plantas favorecen a eliminación das sustancias tóxicas que circulan polo sangue, xa sexan de orixe externa (contaminantes químicos) ou producidas polo propio organismo, coma os residuos do metabolismo das proteínas ( por exemplo, ácido úrico e urea). A eliminación destas toxinas lévase a cabo a través dos ouriños, a suor e o fígado. As plantas depurativas acostuman a ser diuréticas e sudoríparas.

miércoles, 25 de febrero de 2009

XABÓN ECOLÓXICO


XABÓN ECOLÓXICO

Ingredientes:
250 g de sosa cáustica
250 g de avea moída
1,5 l de auga
1,5 l de aceite de oliva virxe

Preparación:
Mestúrase a auga e a sosa cáustica e reméxese o preparado 2 ou 3 minutos.
A continuación engádeselle o aceite, removendo na mesma dirección. Por último, bótase a avea, que aromatizará o xabrón, e, se se desexa, unhas pingas de esencia de lavanda (ou de romeu).
Bótase todo nun bol e deixar repousar (removendo de cando en vez) ata que a mestura espese.
Déixase endurecer durante 1 ou 2 días.

Uso:
Para demoldar o xabrón é bo utilizar un recipiente de plástico ou papel parafinado e telo un tempo no conxelador.
Unha vez cortado en pastillas, estas aínda haberán de secar durante 1 mes antes de usalas.

Propiedades:
Ademais de aplicarse na pel (uso tópico), o xabón tamén é moi útil para o pelo.
No caso de querermos un bo xabón para a roupa, bastará cambiar o aceite de oliva por un aceite de cociña usado.

ORELLAS DE ENTROIDO


ORELLAS DE ENTROIDO

Ingredientes:
800 g de fariña
2 ovos
1 chorro de anís
100 g de manteiga
1 vaso de auga tépeda
Sal
Azucre ou mel
Aceite

Elaboración:
Mesturar a manteiga e a auga tépeda.
Engadir os ovos, o sal e o anís.
Pouco a pouco ir engadindo a fariña e traballala ben.
Estirar a masa e cortar en rectángulos.
Fritir en abundante aceite.
Ciscar azucre en po ou botarlle mel.

miércoles, 18 de febrero de 2009

O POZO DO ANGARAÑO OU ARANGAÑO



No alto do monte de Cortegada hai un penedo chamado o Penedo do Angaraño. Nel metíanse nenas e nenos pequenos para curar as enfermidades. Co rapaz había que levar a tres Marías e logo pasar o neno entre as buratas do Penedo de *Angaraño. Despois prendíase unha vela e queimábase a roupa da rapaza ou rapaz.

* Variante de arangaño, nome que designaba o raquitismo

Na noite de San Xoán, se te lavas nunha das fontes da aldea que bote todo o ano, antes de que saia o sol, pasaranche todos os grans da cara.


Mirian Corbal, 4º ESO

domingo, 15 de febrero de 2009

E MÁIS LENDAS


AS DAS NOITES

Meu avó contoume que, antigamente, “As das Noites” andaban vagando polas rúas da aldea buscando quen as guiase. Polas noites quen dese con elas quedaba atrapado como guía ata que o desafortunado conseguía dar con alguén que fixese a súa tarefa e así el poder librarse.

Tamara Castro, 4º ESO

O PENEDO DAS MOURAS

Era unha nena dunha aldea que ía todos os días coas ovellas ao monte onde había un penedo. Nese penedo vivía unha moura que lle daba un sal de ouro á nena cando a vía baixo a promesa de que non dixese nada á nai. Un día, a súa nai decatouse de que a súa filla traía algo e esta cofesoulle a verdade. Ao día seguinte, cando foi coas ovellas aos penedos non volveu e a súa nai foi buscala, preocupada. Preguntoulle á moura onde estaba a súa filla e a moura contestoulle: “Nin mariquita nin maricota, a túa filla está na pota.”

Iván Garrido, 4º ESO

lunes, 9 de febrero de 2009

LENDAS ORIXINAIS DA BISBARRA


Lenda da Lagoa de Antela


Segundo conta a lenda, antigamente, cando aínda non existía a Lagoa de Antela, había dúas torres: a do Castro e a Torre da Pena. En cada unha delas vivía un canteiro que picaba nas pedras cun martelo. O problema era que só contaban cun martelo para os dous co cal tiñan que facer quendas para facer uso da ferramenta lanzándoo de torre a torre. Cóntase que un día a un canteiro faltáronlle as forzas e o martelo quedou a medio camiño entre as dúas torres. Cando o martelo caeu, segundo din, a auga comezou a brotar do buraco que fixera ao caer e de tanta auga que saíu formouse a Lagoa de Antela.

A traizón da Torre de Sandiás


Segundo contan relatos e lendas antigas, hai moitos anos os irmandiños intentaron conquistar a Torre de Sandiás para destruíla e apoderarse do terreo. Pero cando os irmandiños empezaron o ataque cóntase que os da Torre resistiron o asalto, resistiron ata que un criado traizoou os señores da fortificación deixándo entrar os irmandiños por unha porta. Os asaltantes mataron os señores a sangue frío mentres durmían e logo destruíron e queimaron a Torre do Castro, por iso agora está así de destruída.

Jorge Losada, 4º ESO


Lenda do castelo da Pena

Hai moitos anos, contan os vellos, que a lagoa de Antela estaba comunicada por tres castelos ben diferenciados entre eles: a Torre de Pena, a Torre do Castro e a Torre da Forxa. Din que había un túnel que unía estas tres torres, ata o punto de que botaban unha galiña con poliños na Torre de Pena e ían saír á Torre do Castro. Este tipo de túneles eran utilizados polos mouros que poboaban as torres para espiarse os uns aos outros e tamén para acceder ao interior dos castelos, porque andaban en guerra entre eles.
Concretamente, falan os vellos, que o castelo de Pena tiña unhas celas escuras, provistas dunhas argolas cunhas cadeas onde prendían os mouros apresados para torturalos. Téñense atopado mesmo esqueletos.
Este castelo da Pena estaba rodeado dunha gran muralla, que dificultaba a entrada dos mouros e que servía de protección ao castelo, polo que a única forma de traspasala era a través dos túneles.
Nesa época, segundo din os máis vellos, a loita entre os mouros era con espadas e tamén con aparellos de todo tipo, de aí os seguintes versos:
O meu avó
tiraba de castelo a castelo
coa pica dun martelo.
Por iso se di que o pico que lle falta ao castelo da Pena foi destruído nesas loitas cun enorme martelo, sendo roubado polos mouros de Sandiás, os da Torre do Castro, como símbolo de vinganza.

Lucía Bolaño, 4º ESO

jueves, 8 de enero de 2009

MÁIS TOPÓNIMOS



MOSTEIRO: (LATÍN MONASTERIU). Antigamente había un mosteiro no monte habitado por importantes nobres: a finais do século IX e comezos do X o matrimonio formado por Alfonso Romarígiz e Gutina, de nobre familia (sen dúbida señores do castelo que se erguía no vello Castro de Ribeira e donos das terras que o rodeaban) fundan un mosteiro nese lugar. din que as casas desta aldea están construídas con pedras deste mosteiro. Tamén se di que baixo este mosteiro había un tesouro. Informante: Berta Cerradelo Feijoo (84 anos)

QUEIRUGAS: (DO PRERROMÁNICO *KARIA -arbusto de madeira dura e raíces grosas, que serve para facer carbón). O nome vén dado pola abundancia desta planta nas inmediacións da aldea.

GODULFES: (XERMÁNICO POLA TERMINACIÓN –ULFE: LOBO). Era unha vila na que había moitos lobos, por iso lle puxeron así.

AS PEGAS: ( LATÍN PICA). Contan os máis anciáns do pobo que cando eles eran mozos escoitaron dende sempre ós seus avós dicir que o nome do aldea llo puxeran porque había moitas pegas.

AS CAVADAS: (LATÍN CAVARE). Cóntannos que antigamente esa zona estaba a “poula” e os veciños do pobo cavaron toda a zona e dividírona en eidos para o seu uso particular, de aí o nome de Cavadas.

VILARIÑO DAS POLDRAS: ( LATÍN VILLA + *PULLITRU/ PULLU). Din os vellos que lle chaman así porque había moitos cabalos. Hoxe en día celébrase unha romaría chamada San Mateo na cal no que hai un concurso onde se elixen os mellores cabalos.

CURRÁS: (LAT CURRALES E ESTE DO CÉLTICO “CORR” PEDRA?). Segundo Xosé Martínez (79 anos) nesa zona había moitos currais porque era lugar de venda de galiñas e ovos.

PONTE LIÑARES: (LATÍN PONTE). Construción que une dous lugares separados por un río.

MUÍÑO DE CURRÁS:( LATÍN MOLINU + CURRALES). Moíase o trigo grazas á forza da auga, agora sen uso.

REFOXO: (LATÍN FOVEA? -burato). Camiño fondo cavado no monte que conecta unha aldea con outra.

REGADIÑA: (LATÍN RIGARE). Antigamente pasaba por esta zona un regato.

CORNO DO MONTE: (LATÍN CORNU + MONTE). Forma que facía o monte onde estaban as parcelas.

ESPADANAL: (DE ESPADA: LATÍN ESPATHA). Alí criábase a espadana, que era un tipo de rama que medra na auga con forma de espada.

FORMIGUEIRO: (DE FORMIGA: LATÍN FORMICA). Presenza na zona dun formigueiro enorme que nunca desaparecía. Informante: Arsenia Blanco Rodríguez (71 anos) e José Ramos Gómez (78 anos)

PINGUELO: (LATÍN PENDICARE). Zona por onde en tempos discorría un regatiño que recibía o nome de Auga do Pinguelo.

LODOSELO: (LATÍN LUTU). Nesta aldea había moita lama.

BOULLOSA: (DO LATÍN “BULLA=BURBULLA”). Significa un terreo húmido, xa que se encontra no val dunha montaña, sendo un dos terreos máis húmidos da zona pola circulación dun río que desemboca no encoro de Tourém en Portugal.

MEDA: (DO LATÍN “META”). Significa amoreamento na eira cos monllos do cereal que despois se mallaban e despois coa palla ía ao palleiro e o gran á tulla.

MOREIRAS: (LATÍN MORU). Contan os anciáns do aldea que alí antes había moitas moreiras pero que agora non quedan tantas.

NIÑODAGUIA: (LATÍN NIDU+ AQUILA). Nesta zona había aguias que levaban as pitas. Agora xa non hai tantas pola colocación de muíños de vento na serra que destruíron o seu hábitat.

AIRA XIS: (LATÍN AREA). Nesa zona reuníae o pobo para facer o concello, na actualidade séguese este costume. O sitio era unha eira dun señor chamado Xis.

SANDIÁS: Chámase así porque din que antigamente habitaba no aldea pobo un rei chamado Sandimán que tiña unha gran fortuna porque se adicaba a roubar.
De aí provén o dito: “Cando vaias a Sandiás mira para adiante e para atrás.”

SALGUEIROS: (LATÍN SALICARIU). Antes da concentración esta aldea estaba rodeada de salgueiros que funcionaban como protección contra os saqueadores. Ademais esta aldea enriqueceuse co estraperlo xa que o acceso a ela era moi difícil debido aos salgueiros: os gardas non podían acceder facilmente á zona.

ALDEA DO MUÍÑO: (ÁRABE AD-DAY’A+ LATÍN MOLINU). Zona onde abundaban os muíños.

CASAS ERMAS: (LATÍN CASA+HERMES). Trátase dun terreo con cultivos nunha ladeira que acolle a aldea de Loureses. Din os da zona que alí existían unhas casas que formaban unha pequena aldea, o antigo Loureses.
Informantes: Josefa Gándara Gil (72 anos), Erondina Gándara Gil (51 anos) e Marina Gándara Gil (66 anos)

miércoles, 7 de enero de 2009

UNS CANTOS TOPÓNIMOS


O alumnado de 1º de BAC recolle datos sobre topónimos da bisbarra da Limia.


A CARBALLA DA ROCHA: (DO PRERROMÁNICO CARBA). Carballo de grandes dimensións declarado Monumento Natural situado na Saínza, Rairiz de Veiga, nunha zona Reserva da Biosfera.


FORXA: (FRANCÉS FORGE.) En tres casas antigas desta aldea atopáronse restos dunha forxa. Os máis vellos contan que a forxa fora un centro comercial onde se adquirían todo tipo de apeiros, armas, etc. no monte aínda se atopan restos de como facían o carbón.

FONTEMOURA: (LATÍN FONTE + MAURU) O nome procede dunha lenda: por riba da aldea hai unha fervenza e unha torre, dende a fervenza baixa unha trabe de ouro e outra de alcatrán pasando polo castelo que construíran os mouros ata a fonte que hai no medio da aldea. Todo aquel que atope a de ouro farase rico e quen atope a de alcatrán será maldito.

MONTE DE PAU: (LATÍN MONTE + PAULU). Vénlle o nome da ponte de pau que hai alí. Segundo a lenda se non eras limpo de corazón e fixeras mal a alguén desta zona non pasariás a ponte e as fadas que están debaixo da ponte levaríante con ela.

SILVAESCURA:( LATÍN SILVA + OBSCURU). O nome deste aldea fai referencia á súa situación xeográfica. Situado nun recuncho do monte, apenas ten habitantes (10), e as casas existentes están rodeadas de árbores e silveiras que fan do un lugar incomunicado e misterioso, fundido entre a natureza, de aí a referencia á escuridade.

A MANGA: (LATÍN MANICA) lugar onde había laghas (pozos con auga) onde se metía o liño para preparalo.
Informante: Dolores Fernández Sinde (60 anos)

LUCENZA: (DO LATÍN LUCE (luz, claridade). Debido á súa situación xeográfica no cumio dunha montaña, o sol sempre brilla intensamente sobre todo nos amenceres.

PEDRA MOURIÑA: ( LATÍN PETRA + MAURU). Monte pertencente á Serra do Larouco, na que se mostran indicios da presenza de mouros en épocas antigas, debido á existencia dunha estrutura para a acumulación de xeo chamada “Pozo dos Mouros” que estes utilizaban para dispor de auga en épocas de sequía.

POZO DO ARANGAÑO: (DE POZO: LATÍN PUTEU + PRERROMÁNICO ARGARIU) O arangaño era unha enfermidade que tiñan os nenos pequenos (posiblemente desnutrición e raquitismo) e había a crenza popular de que se se levaban os nenos a ese sitio e se lles sacaba a roupa, deixándoa alí tirada e cambiándoa por outra, podía curarse.

OS PENEDOS DA RAÍÑA LOBA: (LATÍN PINNA + REGINA + LUPU). Situado á fronte dun claro hai un penedo e conta a lenda que nel vivía un ser metade muller metade loba, e que era moi simpática coa xente que saía a peitear os cabelos cun peite de ouro.

TOXO: (PRERROMÁNICO TOJU). Lugar onde hai moitos toxos de ata case 2 metros de altura. Os veciños contan que era para que o gando non escapase dos prados.

LAMPAZA: (LATÍN LAPACCEA). Antonia Rodríguez (81 anos) conta que a xente empregaba moitos candís para espantar os lobos.

CASAS DA VEIGA: (LATÍN CASA + PRERROMÁNICO BAIKA). Casas que se atopan na veiga, situada na beira dun río, xa desaparecido pola concentración parcelaria. Nese río lavábase a roupa antigamente. Informantes: Laura Cid seguín (78 anos) e Cesáreo Villamarín Dorrío (80 anos)

REBOREDA: ( LATÍN ROBUR). Lugar onde había carballos que se talaron co gallo da concentración parcelaria. Informante: Segundo Vilachá (76 anos)

ESCORNABOIS: DE ES+CORNO (LATÍN CORNU) E BOI (LATÍN BOVEM) E RABAL (DE RABO: LATÍN RAPU). Conta a lenda que estas aldeas ao principio eran unha soa pero que, nunha festa, os veciños enfadáronse e decidiron dividir a aldea en dúas. Colleron os cornos dun boi e tirárono ao aire, deste xeito a zona cara á que caeron os cornos recibiu o nome de Escornabois e á outra puxéronlle Rabal por ser a parte oposta aos cornos do animal. Informante: Delmiro Ojea Alonso (89 anos). Outra tese fai referencia á presenza dos insectos do mesmo nome.

TRASMIRAS: (LATÍN MIRARI + ATRÁS -LATÍN AD+TRANS). segundo conta a lenda, durante un frío amencer, un home dirixíase ao lugar onde ía ser fusilado. a súa familia seguíao detrás para despedirse del, mais os soldados que o ían matar non lle permitían mirar para atrás; se o facía daríanlle un tiro alí mesmo. Antes de chegar ao lugar, o home, cheo de impotencia e vendo que xa lle chegaba a hora, decidiu mirar para atrás para despedirse da familia e caeu fulminado nun abrir e pechar de ollos. Informante: Delmiro Ojea Alonso (89 ANOS)

Inmigración 2

Inmigración 2
Dende Alemaña

Inmigración 1

Inmigración 1
Dende alemaña

no limite 1

no limite 1
Lodoselo