sábado, 4 de abril de 2009

SAÍDA DENDE COVAS A FONTEARCADA


O luns 16 de marzo, dentro da semana na que se conmemora o día da árbore (21 de marzo), saímos facer unha andaina dentro do Concello de Os Blancos. Achegámonos ata a aldea de Covas alumnado de 3º div, 4º div e 1º de Bacharelato acompañados polos profesores e profesoras do departamento didáctico de Bioloxía e Xeoloxía. Dende este punto emprendemos un percorrido que nos ía a levar ata Fontearcada guiados por Santos, axente forestal e educador ambiental, a través dun dos roteiros que se están a sinalizar dentro da comarca cos postes indicadores de mediano percorrido e paneis informativos acerca da paisaxe, elementos etnográficos, vexetación e estruturas xeolóxicas máis salientables da zona, co obxectivo de pór en valor os recursos ambientais e patrimoniais do lugar.
Santos ía marcando as paradas para ensinarnos e dar explicacións de todo aquilo que atopabamos no camiño. A vexetación arbórea dominante é a de piñeiro silvestre, de repoboacións realizadas hai máis de 30 anos, que amosan xa un aspecto bastante naturalizado e que non impediron a rexeneración natural de árbores autóctonas; hai tamén bosquetes de cerquiños, a formación natural, que rebrota para recuperar o seu territorio, polo que atopamos árbores dunha idade semellante ás que se empregaron para as repoboacións. Esta zona é cabeceira do río Eiroá, despois Nocelo, o único curso de auga na Limia que mantén certo caudal ao longo do ano, froito do labor que realizan os bosques, cuxo chan é como unha esponxa que se empapa das augas das chuvias do inverno, e vainas soltando pouco a pouco a través do subsolo, mantendo fontes e regatos, e non como nas zonas deforestadas que a auga de chuvia escapa cando chove e os solos quedan secos rapidamente. Nós tamén deixamos a nosa pegada plantando sete freixos, un número másico segundo nos conta o noso guía. Mais non todo é correcto, e de seguido atopámonos cunha pista forestal asfaltada había pouco, para que?, se xa hai unha estrada que comunica as aldeas!
Un dos elementos etnográficos máis salientables do percorrido e o “Foxo dos lobos” que hai preto do pico do Cebreiro. Remontámonos case á Idade Media, éooca en que os habitantes da bisbarra acostumaban a facer batidas coa intención de cazar os lobos que atacaban ao seu gando. Estes eran cercados aproveitando as características orográficas, facendo unha especie de funil que remataba nun foxo onde caían os lobos e onde os veciños os mataban. Desta práctica ancestral, non exenta de barbarie, hoxe nos quedan lendas, contos e restos das construcións que se empregaban, podendo ser utilizado como recurso turístico para atraer a xente de fóra como realizan noutros lugares do estado, aproveitando o reclamo do lobo.
Máis tarde fomos ata a Fonte da Cunca, unha das sete fontes do lugar, onde puidemos beber, refrescarnos e coller folgos. Dende calquera punto do percorrido puidemos observar a abundancia de penedos que caracterizan o relevo dos nosos montes; entre eles destaca, pola súa beleza, o Penedo da Raíña Loba, rocha mítica ateigada de lendas que explican as formacións xeolóxicas, como a cunca onde a Raíña utilizaba a súa auga para peitearse.
A derradeira parada foi nunha charca onde vivían varias especies de anfibios: píntegas, tritóns e moitos cágados de ras e sapos. Estes lugares teñen unha importancia capital para facilitar as postas destes animais que están en continua regresión e dos que cada vez quedan menos exemplares.
Foi unha xornada preto da natureza, onde gozamos e aprendemos moitas cousas, como a necesidade, non só de repoboar os montes, senón de facelo de xeito adecuado, respectando as pautas que marca a propia natureza, e non guiándonos só polos intereses económicos a curto prazo, por que .... de que nos serve un planeta forrado de formigón?

Verónica, Maimuna, David, José Luis, Óscar, Jonathan, Daniel, Manuel e José Manuel

No hay comentarios:

Inmigración 2

Inmigración 2
Dende Alemaña

Inmigración 1

Inmigración 1
Dende alemaña

no limite 1

no limite 1
Lodoselo