miércoles, 19 de noviembre de 2008

MAGOSTO EN LODOSELO, por Uxía Nogueira


Lodoselo 2008

IES Lagoa de Antela, un corredor das aulas de 3º:
_Estamos no mesmo grupo
_Grupo de que?!
_Grupo de traballo na proba de orientación. Xa verás que xogo nos preparou Tomás.
_Por certo, ti sabes chegar a Lodoselo?
_Esa é a primeira proba, chegar ao CDR O Viso.

Esta conversa sería imposible neses mega-centros das cidades, neses cemiterios de elefantes aos que a maioría do profesorado aspira pertencer algún día. E sería imposible porque aí non haberá un Tomás disposto a "currarse" un magosto coma este. Porque a relación entre unha profesora de inglés e unha de galego non será tan cordial. Porque a metade da xente non coñece a outra metade.
Porque non existe un Lodoselo para gozar.
Tocou madrugar, a algúns máis ca outros. En Ourense facía un frío do demo e a néboa ameazaba con estragarnos o día. Pero o experto copiloto xa dicía que alá no alto non habería néboa, que iamos ter un día estupendo (e acertou mellor ca Pemán).
O mapa e Tomás falaban de pistas de concentración, asfaltadas, así que cando chegamos a onde o asfalto se acabou, onde o GPS non indicaba nada, onde cada viaxeiro tiña unha opinión diferente, houbo que botar man do sentido común. Os dous vellos que parecían non fiarse moito dunha muller ao volante tamén axudaron. Aparcamos diante do CDR O Viso: caras coñecidas, compañeiros de traballo durante a semana, pero agora con roupa de camiñata e fillos. Algún descoñecido tamén, pero só por uns minutos.
Entramos no cuberto, o lume dentro daquel forno circular tróuxeme á memoria a miña tía Albina, nacida no 1894, muller solteira que "quedou na casa" e tivo que quentar moitos fornos para facer pan para a familia de súa irmá; tivo que apañar moitos toxos vellos para facer o mellor lume para cocer, e alegroulles o día máis dunha vez aos sobriños dándolles as "bolas da porta aberta", o inchón que nos deron a probar a media mañá, cando a fame xa nos acompañaba na excursión dominical. Os pequenos pasárono estupendamente facendo o seu boliño de pan, e Ivón e Lucía parecían dúas auténticas muilleiras coa cara branca. Seguro que os seus pais lles contaran o conto do lobo e os cabritiños.
Nos xogos populares comezou a rivalidade, e as chaquetas foron quedando nos bancos.
A comida deu para moito, ata para que chegasen os que antes foran facer ciclismo pola cidade.
Pero o mellor veu pola tarde, o xogo de orientación. Se fora capaz de chegar a Lodoselo non ía quedar atrás por culpa dun compás que nin sabía como se collía. Menos mal que a miña colega de xogo preguntou se había que mirar a agulla a onde apuntaba a parte encarnada ou a negra. A maioría das árbores estaban dominadas, carballos do país e americanos, cerquiños, abeleiras, castiñeiros, bidueiros, acivros, sanguiños... E ata unha especie que seguro que descubrimos nós: o Abetus Caducus (é que a maioría das árbores aparecían identificadas pola folla no noso caderno de campo, pero esta non. Sabiamos que era un abeto e de folla caduca, por que non ía ser ese o nome científico?). Ademais de admirar a capacidade de traballo do compañeiro que preparou todo, descubrimos árbores e plantas que non coñeciamos, cogomelos e bolboretas que, aínda sen invitación, quixeron acompañarnos na excursión, o inchón, o santo "San Guan" (para que saia bo pan) e a marabillosa labor de todos os que forman parte do CDR O Viso.

1 comentario:

Anónimo dijo...

PASÁMOLO MOI BEN.

GRAZAS TOMÁS, UN DIA INESQUECIBLE E UNHA ORGANIZACIÓN DE DEZ.

GRAZAS UXÍA POR TRASFORMALO EN PALABRAS E ASÍ FIXALO DE NOVO NA NOSA RETINA.

QUERO REPETILO.

Inmigración 2

Inmigración 2
Dende Alemaña

Inmigración 1

Inmigración 1
Dende alemaña

no limite 1

no limite 1
Lodoselo